09/07/2003
Preestréase na Coruña “O agasallo de Silvia” a primeira longametraxe rodada en formato dixital
Luís Tosar, Adriana Domínguez e Bárbara Goenaga son os protagonistas de “O agasallo de Silvia” o filme, coproducido pola productora Lorelai. Preestréase hoxe na Coruña e conta a historias de varias persoas que reciben os órganos dunha rapaza que acaba de finar. “O agasallo” foi rodada na Coruña e é a primeira longametraxe que se grava en formato dixital. E hoxe tamén haberá outras proxeccións, pero serán de curtas e na rúa. Forman parte do ciclo “actividades de rúa” que a asociación Compostela Monumental ten previsto para este verán. A cita é esta noite na Praza do Toural entre as 22:30 e as 24:00. As proxeccións continuarán mañá, pasadomañá e os días 18 e 19 deste mes.
Máis información sobre “O agasallo de Silvia” no seu
sitio web e sobre o ciclo de curtas en La Voz de Galicia e El Correo Gallego
. Amplía a nova>>
08/07/2003
Galicia exhibirá as súas produccións durante unha semana en Bos Aires
Levar o cine que se está a facer en Galicia a Bos Aires foi un dos temas que se abordaron no programa Raíces dentro do Festival Iberoamericano de Villaverde que se desenvolveu a semana pasada no país arxentino. E como resultado desa xuntanza desenvolverase en Bos Aires unha semana de cine “made in Galicia” na que se exhibirán oito ou dez longametraxes e as curtas que forman parte do programa “Curtas 03” do Consorcio do Audiovisual. Unha entidade que, por outra parte, acaba de convocar as súas bolsas formativas para promover a actividade profesional e contribuír a crear emprego no sector.
Máis información sobre as bolsas no web do Consorcio do Audiovisual
. Amplía a nova>>
07/07/2003
Celébranse na Coruña as segundas xornadas de formación en animación audiovisual
Obradoiros pola mañá e conferencias polas tardes. Así se estructura a segunda edición de “Mundos dixitais” que organiza a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, o Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración con Videalab e a Universidade da Coruña. O encontro durará ata o venres 11 e pretende formar en animación audiovisual a estudiantes e profesionais que xa traballen no sector. Nesta edición participan profesionais das empresas máis destacadas no mundo da animación 3d, dos videoxogos e dos efectos especiais como Dreamworks, Walt Disney, ou Pixar Animation Studios.
Máis información no web de
Mundos dixitais
. Amplía a nova>>
07/07/2003
Caixa Galicia exhibe en Lugo, por primeira vez, as fotografías de Maximino Reboredo
Maximino Reboredo (Lugo, 1875-1899) viviu no momento en que a fotografía en Galicia servía para dar conta dos acontecementos sinalados na vida das persoas: o seu nacemento, as súas viaxes, as vodas e mesmo a morte. E iso mesmo foi o que fixo Maximino nos seus a penas 25 anos. Ao morrer prematuramente deixou unha colección de placas que son documento histórico, antropolóxico e documental e que agora son exhibidas por primeira vez en Lugo. Unha mostra que chega da man da Fundación Caixa Galicia logo de que esta entidade, a Universidade de Santiago e o Centro Galego de Artes da Imaxe decidisen rescatar a colección de Maximino Reboredo.
Máis información en
La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
04/07/2003
A Xunta e a Universidade da Coruña realizarán conxuntamente actividades de estudios audiovisuais
Os que queiran estudiar máis sobre o mundo audiovisual teñen, desde este ano, a Licenciatura en Comunicación Audiovisual nas tres universidades galegas. Pero hai máis plans de estudios, xa que a Xunta e a Universidade da Coruña acaban de asinar un convenio polo que se realizarán unhas xornadas de estudios teatrais e cinematográficos, un curso de estudios teatrais e un curso de especialización en estudios teatrais e audiovisuais.
Máis información en
Cine por la Red
. Amplía a nova>>
03/07/2003
A Consellería de Cultura apoiará economicamente a nova edición das Xociviga
Onte falabamos de que esta edición anual das Xociviga, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, volvería ser organizada polo Concello do Carballiño. Esta opción foi adoptada logo de que non prosperase a de converterse en fundación, tal e como se pensara o ano anterior. Unhas xornadas que volverán ter o apoio económico da Consellería de Cultura, que achegará 6000 euros. E non só iso, senón que tamén levará a cabo actividades conxuntas como “a proxección e promoción do programa Curtas 03, o desenvolvemento do programa Audiovisual nas aulas nesta vila ourensá ou a intermediación co Festival Internacional de Cine de Ourense”.
Consulta a nota de prensa enviada pola
Consellería de Cultura (.pdf) e o noso tema do día sobre as Xociviga
. Amplía a nova>>
02/07/2003
A Agapi e o Consello da Cultura Galega asinan un convenio para a difusión do material audiovisual galego
O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI) traballan xuntos para a promoción do audiovisual. E un exemplo desta colaboración foi o convenio asinado entre o presidente do Consello, Alfonso Zulueta de Haz e o da AGAPI, Valentín Carrera, polo que a asociación lle cede o seu fondo audiovisual ao CCG. O convenio establece que o depositario será o Arquivo Sonoro de Galicia, que se encargará da conservación e preservación do seu fondo para investigadores, e da súa promoción en internet a través do portal Culturagalega.org, que incluirá a AGAPI como entidade colaboradora.
. Amplía a nova>>
01/07/2003
AEGA organiza un foro para internacionalizar o sector do audiovisual
Os vindeiros 3 e 4 de xullo Compostela sentará os cimentos para as futuras coproduccións das empresas galegas do audiovisual con outros puntos da xeografía española. Este é o obxectivo do I Foro de Coproducción audiovisual que organiza a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual, en colaboración coa Consellería de Cultura. A primeira xornada do foro está destinada a dar a coñecer a fórmula da coproducción e á presentación dos proxectos, mentres que na segunda desenvolveranse os encontros bilaterais entre as empresas asistentes.
Máis información en
Vieiros
. Amplía a nova>>
30/06/2003
O achado da película "A casa da Troia" de 1920 coincide cunha serie para a TVG que recreará aqueles anos
O achado e restauración por parte da Filmoteca Española, da película "A casa da troia" rodada polo mesmo autor do libro, Alejandro Pérez Lugín, en 1920 únese en actualidade á presentación de "As leis de Celavella" unha serie de 26 capítulos da productora Voz Audiovisual e a TVG que esta canle comezará a emitir a finais de ano e que está ambientada tamén nos anos vinte. A serie conta a historia dun avogado metido a detective e parte dela rodarase nas rúas de Betanzos. A película de Pérez Lugín ten prevista a súa exhibición en outubro en Santiago unha vez restaurada.
Máis información sobre "A casa da Troia " en
La Opinión.
Amplía a nova>>
26/06/2003
A Filmoteca Nacional restaura o filme de Alejandro Pérez Lugín “A casa da Troia”
O vindeiro mes de outubro, cando comece o curso compostelán volveranse prender as luces da casa da Troia. Non porque o famoso edificio santiagués se volva converter en pensión de estudiantes, senón porque será cando se estree a copia cinematográfica orixinal restaurada de “A Casa da Troia”. Dirixida, producida e con guión de Alejando Pérez Lugín, escritor da novela homónima, conta a historia dun estudiante aloxado na pensión dese nome que se namora dunha moza galega, á cal seu pai quere casar cun home maior. Coa restauración da película ponse fin a toda unha historia de problemas de herdo do seu creador que fixeron que o filme, a producción de cine mudo máis sonada, inspirada e feita en Galicia, estivera oculta e en grave estado de deterioración.
Máis información na edición de hoxe de La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>