Novas | 4111 a 4120 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

09/10/2003
O Marco acolle proxeccións dentro do festival de arte e tecnoloxía ArtFutura

Desde hoxe e ata o vindeiro domingo o Marco é un dos seis puntos obrigados para poder ver as mostras máis destacadas no campo da creación por ordenador. Falamos de Artfutura, o festival de arte e tecnoloxía que por primeira vez se presenta simultaneamente en seis museos e centros culturais de España. O museo vigués ofrecerá, en proxeccións que comezan esta noite ás 21.00 máis de dez horas de curtas, pezas de animación narrativa e experimental, vídeo clips e “motion graphics”.

Máis información no web do Marco e no de Artfutura . Amplía a nova>>

09/10/2003
O CGAI dedica un ciclo de proxeccións ao productor Cesáreo González e dixitaliza unha das súas obras

Este ano cúmprese o centenario do nacemento do productor vigués Cesáreo González (Vigo, 1903-Madrid, 1968) e o CGAI, en colaboración coa Filmoteca española, están a recuperar a súa obra. E neste camiño hai programado un ciclo de proxeccións de películas producidas por el como “Bambú”(1945) e “Botón de Ancla”(1947) ou “La calle sin sol”(1948). E non só iso, un departamento do CGAI está a facer a restauración, mediante tecnoloxía dixital, de “Polizón a bordo”, dirixida en 1941 por Florián Rey.

Máis información en La Voz de Galicia e no web do CGAI . Amplía a nova>>

09/10/2003
A CRTVG presenta o seu plan de producción audiovisual para o 2004

“Plan de cine, películas para televisión, series e programas para Televisión de Galicia”. Este é o título do plan que acaba de presentar a Compañía de Radio Televisión de Galicia para o vindeiro ano 2004. Un plan que ten un orzamento de entre tres e catro millóns de euros, que se vai a resolver mediante un concurso público e co que este ente espera que se produzan douscentos capítulos de series de ficción, oito películas de cine, oito películas para televisión e doce documentais. Ademais, neste novo proxecto pretenden darlle saída aos productos, a través de alianzas con empresas nacionais e internacionais, e que produzan un beneficio entre quince e vinte millóns de euros.

Máis información no web da CRTVG . Amplía a nova>>

06/10/2003
A Fundación Araguaney organiza unha mostra do audiovisual árabe con foros e proxeccións

Longametraxes, curtametraxes, documentais e foros sobre o mundo árabe conforman a programación de “Amal 2003”. Unha iniciativa organizada pola Fundación Araguaney e que ten como principal obxectivo dar a coñecer a realidade do mundo árabe. O ciclo comeza o luns 13, cunha conferencia en que participarán Luís Hueso, vicerrector de Asuntos Exteriores da USC, Saleh Al-Qalab, ex-ministro xordano de Información e director xeral da Canle de TV Al Arabiya (MCB) en Dubai, ADNAN Al-Sharif, director xeral do Canal de TV Al Yazira en Qatar e os directores Leila Kilani, Michel Khleifi e Clara López.

Máis información no web da Fundación Araguaney . Amplía a nova>>

02/10/2003
A plataforma Nunca Máis promove seis curtametraxes para abordar a catástrofe do Prestige

Despois do atentado do 11S, once directores fixeron cadansúa curtametraxe de 11 minutos de duración explicando a súa versión ben do feito ou das consecuencias. E esta idea é a que quixo adaptar a Plataforma Nunca Máis arredor da catástrofe do Prestige. Os directores Xabier Villaverde, Jorge Coira, Fernando León de Aranoa, Enrique Urbizu, Mateo Gil e Cesc Gay xa teñen confirmado a súa participación nun proxecto que pretende chegar ás salas comerciais en maio do 2004.

Máis información en El Correo Gallego e no web da Plataforma Nunca Máis . Amplía a nova>>

29/09/2003
Luís Tosar recibe en San Sebastián a Cuncha de Prata pola súa interpretación en “Te doy mis ojos”

Frío, desapiadado e maltratador. Este é o perfil do novo personaxe de Luís Tosar polo que o xurado do festival de cine de San Sebastián lle acaba de conceder a máxima distinción a un actor: a Cuncha de Prata. Isto polo seu papel na película “Te doy mis ojos” dirixida por Icíar Bollaín, na que interpreta a un home que maltrata a súa muller

Máis información sobre Luís Tosar en AVG e sobre o premio no web do Festival . Amplía a nova>>

26/09/2003
A longametraxe ”O misterio Galíndez”, participada por Continental, poderase ver en galego

O productor Pancho Casal e o director Gerardo Herrero presentaron onte na Coruña “O misterio Galíndez”. O filme, que se poderá ver dobrado ao galego, xira arredor do secuestro dun representante do PNV en EEUU en 1956. O productor galego subliñou as tres etapas polas que en pouco tempo tiña pasado Continental Producciones: primeiro, facer cine en Galicia, despois, convencer as productoras españolas de traballar no noso país, e a continuación, a etapa que se abre agora, consistente na participación de capital galego en produccións foráneas.

Toda a información sobre a película na web de Continental Producciones . Amplía a nova>>

26/09/2003
A productora coruñesa Dygra anuncia cinco novas longametraxes de animación mentres Bren ultima “El Cid”

A segunda parte de “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”, ademais doutras tres longametraxes e dunha serie de animación son os proxectos inmediatos da productora coruñesa Dygra. Ademais, esta empresa quere crear un novo estudio de animación en Galicia e baralla a posta en marcha dunha escola para desenvolver este sector. Pola súa banda, desde Compostela, Bren Entertaiment anuncia para o doce de decembro deste ano a estrea do filme “O Cid, a lenda”, tamén de animación.

Máis información sobre Dygra en La Opinión; en El Ideal Gallego e no web da empresa; sobre “O Cid” no web de Filmax

. Amplía a nova>>

19/09/2003
O Clúster do Audiovisual e a Consellería de Innovación asinan un convenio para potenciar o sector audiovisual

Continúan chegando as alianzas para potenciar o sector do audiovisual. A última chega por medio do acordo asinado entre o Clúster e a Consellería de Innovación, Industria e Comercio pola que desenvolverán accións conxuntas. Entre elas está o proxecto da Cidade da Imaxe, pola que o Clúster realizará un estudio que defina as necesidades, infraestructuras e actividades que se van desenvolver para que se converta nun acicate do sector.

Máis información sobre o Clúster do Audiovisual en AVG e sobre o acordo en La Voz de Galicia e El Correo Gallego . Amplía a nova>>

18/09/2003
A Compostela Film Commission e a Rede de Cidades de Cine deixan en Santiago máis dun millón de euros

En novembro de 2001 nacía en Santiago, ao abeiro do Plan de Excelencia Turística de Santiago, a Compostela Film Commission. E esta oficina, que pretende promover a imaxe da cidade a través da industria audiovisual, acaba de facer balance dos cartos ingresados por productos deste sector desde maio: un total de 878.704 euros. E hai máis, á cidade correspóndenlle 383.250 euros do proxecto “Promoción creativa do Patrimonio Cultural” a través da Rede de Cidades de Cine á que pertence e que se investirán no funcionamento da Film Commission.

Máis información en Santiago Turismo . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org