22/11/2004
A Xunta anuncia a licenza para novas canles televisivas e radiofónicas
Chega o mundo dixital. O conselleiro de cultura, Xesús Pérez Varela acaba de anunciar que a partir do vindeiro ano haberá 84 novas cadeas televisivas (catro autonómicas e o resto de carácter local) e 132 emisoras de radio dixitais (12 autonómicas e 120 locais). Unhas licenzas que sairán a concurso público logo de que se tramite o decreto que rexerá o réxime xurídico da televisión en Galicia. Deste xeito adiantámonos á nova forma de transmisión do sinal, xa que a UE fixou o 2012 como prazo para que se produza o "apagón analóxico". As principais vantaxes do sistema dixital están na calidade de son, a multiplicación de canles e nos servizos interactivos.
Máis información en La Voz de Galicia e en El Correo Gallego
.
Amplía a nova>>
19/11/2004
Antón Reixa rodará en Bos Aires “hotel Tívoli” a súa segunda longametraxe
“Unha historia de historias”, deste xeito define Antón Reixa a súa segunda longametraxe “Hotel Tívoli”, que comezará a rodar en abril de 2005. O filme ten como protagonista a un chisqueiro que unha persoa rouba no Hotel Tívoli en Lisboa e que serve de fío de conexión de once historias de amor. Será unha coprodución de Filmanova, a portuguesa Animatógrafo, a arxentina Aquafilms e a danesa Zentropa. Aínda que o elenco de actores non está pechado, Antón Reixa confirmou desde Bos Aires, onde está presentando a súa película “O lapis do carpinteiro”, que no reparto estarán Luís Tosar e Tristán Ulloa.
Máis información en La Opinión e na ficha de Antón Reixa en AVG
.
Amplía a nova>>
17/11/2004
O director da CRTVG presenta un orzamento co que amortizará a débeda do ente no 2006
Con 114,35 millóns de euros, a CRTVG acaba de presentar o orzamento máis baixo das televisións autonómicas da Forta. Son as contas que o director xeral do ente público, Francisco Campos, presentou para o vindeiro exercicio económico e apuntou os obxectivos a conseguir: apoiar ao audiovisual galego, emitir en galego toda a publicidade, incrementar a información local e o lanzamento dunha segunda canle dixital de televisión que potencie a programación infantil, xuvenil, o cinema e os programas culturais. Ademais, o ano que vén a débeda se reducirá a seis millóns de euros, co que prevé que no 2006 o ente público estará saneado.
Máis información en La Voz de Galicia
.
Amplía a nova>>
17/11/2004
Un ciclo de cine e unha gala celebran o décimo aniversario de AGAPI
A Asociación Galega de Productores Independentes está de aniversario. Para celebralo recuperará as mellores producións desta época feitas polas empresas que compón a asociación nun ciclo de cine itinerante que recupera as mellores producións desta década; unhas xornadas sobre os contados en televisión e unha festa que terá lugar o vindeiro 24 no Teatro Rosalía de Castro en A Coruña.
Máis información no web de Agapi e na ficha en AGAPI
.
Amplía a nova>>
17/11/2004
O Consorcio centrará a súa actividade en internacionalizar o audiovisual galego
A partir do 2005 o Consorcio Audiovisual de Galicia dará un xiro á súa política de traballo. Será entón cando a súa máxima prioridade se convirta na internacionalización das producións galegas por dous xeitos: por unha banda promover a presenza galega en espazos internacionais (festivais, mercados de televisión e cine) e pola outra asesorar ás produtoras sobre a dinámica no mercado internacional (os tipos de relacións contractuais, a xestión de soportes na exportación e as características de comercialización). Este plan, que non ten data de finalización, conta cun orzamento inicial que ronda os 200.000 euros.
Máis información en La Voz de Galicia, Galicia Hoxe e na ficha de AVG sobre o Consorcio
.
Amplía a nova>>
16/11/2004
Figuras destacadas do cine internacional estarán no II Congreso Galego do Audiovisual
A semana pasada avanzaba a prensa que Stephen Frears estaría presente no II Congreso Galego que se celebrará en Compostela do 16 ao 18 de decembro. Onte a Academia facía público nunha rolda de prensa o programa completo no que estarán, además do cineasta británico, Enrique Nicanor, Peter Olfa, Josep Maixenchs ou Mazoncillo, profesionais de recoñecido prestixio de diferentes países e comunidades autónomas. O Congreso centrarase en analizar o audiovisual desde seis áreas temáticas: as posibilidades que ofrecen os novos media, a formación profesional do sector, os contidos, a cadea de valor, as industrias culturais e a utilización do patrimonio histórico.
Máis información no web da Academia
.
Amplía a nova>>
11/11/2004
A produción galega "O mar das Cíes" proxectarase na XIV Semana Internacional de Cine Submarino
"O mar das Cíes" é unha produción de José Irisarri, Manuel Uhía e David Morais sobre os hábitats da zona de influencia das Illas Cíes financiada pola Universidade de Vigo. Este documental forma parte das creacións de vídeo submarino que do 17 ao 19 deste mes se poderán ver en Vigo dentro da XIV edición da Semana Internacional. O programa complétase cun ciclo de conferencias entre os que se atopa Peter Scoones, un cámara da BBC pioneiro no desenvolvemento dos equipos especiais que se empregaron na primeira emisión submariña.
Máis información en La Voz de Galicia
.
Amplía a nova>>
11/11/2004
A Academia Europea de Cine incluirá a Galicia nos seus ciclos a partir do 2005
Desde a súa creación a Academia de Cine Europeo organiza ciclos para difundir e promover a produción, ademais de dar a coñecer aos actores e directores. O último deses ciclos, composto por 25 traballos, veuse en cidades como Madrid, Barcelona ou Sevilla. E a partir do 2005 chegarán a Galicia. Aínda que a cidade está sen decidir, é posíbel que sexa Ourense. O anuncio fíxoo a membro da Academia Assumpta Serna e unha asidua ao festival ourensá na rolda de prensa na que presentaban os premios europeo cuxa entrega terá lugar en Barcelona o vindeiro mes de decembro..
Amplía a nova>>
11/11/2004
Ángel de la Cruz creará unha curtametraxe de animación cos saharauís refuxiados en Tinduf
No ano 2003 o Festival de cine de Ourense, o ministerio de Cultura do Sáhara, varios concellos españois e a Asociación de Amigos do Sahara fixeron posíbel a creación dun Festival de Animación. E este ano repiten experiencia pero cunha novidade máis. Os nenos sarahauis que viven refuxiados nos campamentos realizarán unha curtametraxe de animación. O encargado de ensinárllelas técnicas básicas será o director e guionista Ángel de la Cruz. O resultado poderase ver na décima edición do festival de cine de Ourense..
Amplía a nova>>
11/11/2004
O Festival de Cine de Ourense homenaxea a Fernando Iglesias pola súa traxectoria
Fernando Iglesias, popularizado como Tacholas, naceu en Ourense, pero desenvolveu en Arxentina a maior parte da súa vida profesional. Na súa figura se centra hoxe o Festival de Cine de Ourense que proxectará o documental "Tacholas, un actor galaico-porteño", unha conferencia e colocará unha placa na súa casa natal. Con esta homenaxe, na que colabora o Consello da Cultura Galega, continúase o ciclo "Cine e emigración" que comezou hai dous anos coa recuperación da figura de Juan Orol.
Máis información no noso tema do día e sobre Tacholas neste documento (en .pdf)
.
Amplía a nova>>