Novas | 3911 a 3920 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

15/12/2004
Mabel Rivera, Celso Bugallo e Tamar Novas candidatos aos Goyas

Comeza a carreira dos XIV Premios Goya. Unha edición na que "Mar adentro", a versión cinematográfica da historia do galego Ramón Sampedro conta con quince nominacións. Entre elas destaca a interpretación dos actores galegos, nas que son candidatos Mabel Rivera (mellor actriz de reparto), Celso Bugallo (mellor actor de reparto) e Tamar Novas (mellor actor revelación). A música feita por Sergio Moure para "Inconscientes" opta a un Goya pola mellor música orixinal e Juan Pablo Etxeverry pode aumentar a súa carreira imparábel de premios ao ser candidato da mellor curtametraxe de animación. As producións de Filmax, a produtora do lucense Julio Fernández, optan a tres Goyas: dous para Romasanta (mellor fotografía e mellores efectos especiais) e un para P3K Pinocho 3000 (mellor película de animación).

Máis información nas fichas de Mabel Rivera, Celso Bugallo, Sergio Moure, Romasanta, Pinocho 3000, Minotauromaquia, Mar adentro e a listaxe completa dos candidatos en Vieiros

. Amplía a nova>>

14/12/2004
Xavier Bermúdez e Marta Larralde premiados no festival independente de Tallín

O pasado domingo remataba en Tallín unha nova edición do “Pöff 2004”, un festival de cine independente que este ano acolleu unha abondosa presenza galega. E non só no programa, senón tamén nos premiados xa que Marta Larralde conseguiu o premio do xurado á mellor actriz por “León e Olvido”. Unha cinta na que o seu director, o ourensá Xavier Bermúdez, conseguiu o premio do xurado Don Quixote.
Información suxerida por un usuario

Máis información no web do Festival

. Amplía a nova>>

14/12/2004
A curta de Daniel Sánchez gaña a VI Mostra de Curtametraxes Vila de Noia

O premio a mellor película (dotado con mil euros) e ao mellor director da VI Mostra de Curtametraxes Vila de Noia foi para “Física II” e Daniel Sánchez. Pero o palmarés ten tamén outros nomes do de “A boa caligrafía” , “Minotauromaquia” e “Lobos” que recibiron mencións especiais, e no apartado de vídeo Aritz Moreno e Serxio Prieto que gañaron “Portal Mortal”.

Máis información en El Correo Gallego

. Amplía a nova>>

09/12/2004
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo abre hoxe o VIII Festival de Cine Dixital Restfest

Vigo amosará o máis destacado da produción de cine dixital do 2004 no Museo de Arte Contemporánea até o vindeiro sábado. A cidade, onda a outras cinco urbes españolas acolle a VIII Edición do Festival de Cine Dixital “Restfest”, no que se recollen curtametraxes, traballos experimentais, videoclips e outras pezas de cine dixital que completan dez horas de proxección.

Máis información en Galicia Hoxe e no web do MARCO

. Amplía a nova>>

07/12/2004
As rodaxes supuxéronlle a Santiago de Compostela 3,5 millóns de euros en dous anos

As producións audiovisuais que se realizaron en Compostela a través da Compostela Film Commission deixaron na cidade máis de 3,5 millóns de euros. Segundo os datos que manexa Incolsa, a empresa municipal encargada de xestionar o turismo, estas cifras correspóndense co período comprendido entre o 2002 e o 2004, e case a metade destes cartos chegaron o último ano. Desde 2001, a Compostela Film Commission atendeu o traballo de corenta e cinco producións.

Máis información en Galicia Hoxe e en AVG

. Amplía a nova>>

07/12/2004
Preséntase a VI Mostra de Curtametraxes de Noia con vinte e catro filmes e unha homenaxe a “Pico”

Vintecatro filmes, entre eles seis estranxeiros, compoñen o groso do programa da VI Mostra de Curtametraxes de Noia, que se presentou o pasado venres e que se celebrará entre o dez e o doce deste mes. Como grande novidade, nesta edición duplicouse a contía dos premios, pasando a recibir mil euros o primeiro clasificado no certame, ao que se presentaron oitenta e tres filmes. A nova edición da Mostra homenaxeará o actor Xosé Manuel Olveira “Pico” pola súa carreira.

Máis información en El Correo Gallego e nos nosos arquivos

. Amplía a nova>>

03/12/2004
A Xunta destinará 3.3 millóns de euros para internacionalizar o audiovisual galego

O novo obxectivo para o sector audiovisual galego é a internacionalización. Por iso o consello da Xunta aprobou onte un “Plan de Promoción do Audiovisual galego”, que se estructura en sete apartados dedicados: a animación audiovisual, a apoiar os festivais de cinema, a organización de xornadas, a realización de programas de formación en colaboración co sector académico (universidades e escolas), á edición de publicación e á promoción de actividades organizadas polo sector. Todo para conseguir que Galicia sexa un dos principais puntos do estado en creación e exportación audiovisual.

Máis información no Consello da Xunta (en pdf)

. Amplía a nova>>

01/12/2004
28 centros novos acollerán a segunda edición do programa de formación “Audiovisual nas aulas”

Un total de corenta centros (vinte e oito máis que o ano pasado) acollerán este curso académico sesións de iniciación ao audiovisual. Forma parte do programa “Audiovisual nas aulas” co que o Consorcio de Galicia, en colaboración coa Consellaría de Cultura, pretende inculcarlle aos nenos de primaria e secundaria nocións básicas da linguaxe audiovisual. O proxecto conta con persoal formado para a ocasión, ademais de unidades didácticas e a elaboración dun DVD didáctico.

Máis información en El Correo Gallego, no web do Consorcio

. Amplía a nova>>

30/11/2004
Cineuropa acaba hoxe coa proxeción de filmes dando paso ao Ciclo sobre Manoel de Oliveiria

O filme "Les Choristes" do Francés Chistopher Barratier podería erixirse hoxe como vencedor da décimoitava edición de Cineuropa. Para consideralo vencedor do premio do público, haberá que agardar até esta tarde, cando se pasen as dúas últimas películas que darán paso ao maratón de cine. Sete películas de terror que suporán un cambio de ritmo no festival compostelá, xa que a partir de mañá se completa o programa co ciclo retrospectivo dedicado a Manoel de Oliveira.

Máis información en La Voz de Galicia e consulta o programa aquí (en pdf)

. Amplía a nova>>

23/11/2004
As licenzas de televisión dixital terrestre adxudicaranse antes do verán do 2005

O sábado o conselleiro Xesús Pérez Varela anunciaba a revolución da televisión dixital. Onte, no Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia precisaba un pouco máis sobre o concurso que terá lugar para adxudicar as licenzas: as das dúas televisións autonómicas terán unha vixencia de dez anos (as outras dúas resérvanse para a TVG) e as locais de cinco; impón a obrigatoriedade do galego nunhas emisións que han de ter un mínimo de 32 horas semanais, das que o 60% do que se exhiba será de produción propia. Ademais, avanzou que o concurso se resolverá antes de que finalice o primeiro semestre do 2005. Nesa mesma reunión Pérez Varela asegurou que o libro branco do audiovisual estará listo en marzo.

Máis información en La Voz de Galicia e Galicia Hoxe

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org