25/04/2005
O concello natal de Carlos Velo quere converter a súa casa nun museo
Cartelle é a localidade ourensá na que naceu o cineasta galego Carlos Velo e que pretende abrir un museo dedicado á súa figura. Para conseguir o seu empeño, a asociación prevé a compra da súa casa natal, na que se poderá expor unha parte do legado do cineasta logo de que o concello iniciara as negociacións coa familia. Polo demais, entre as noticias que deixou o audiovisual galego está semana está a nova convocatoria do Consorcio Audiovisual de Galicia para formar parte do catálogo “Curtas 05”, que difundirá e promoverá as mellores producións galegas nos foros e festivais internacionais. Por último, xa hai data estimada para presentación da longametraxe “Bieito Dubidoso” que está a elaborar Deboura Cultural. A historia do prestidixitador adolescente que semella a Harry Potter pero en 2D verá a luz na primavera de 2006 e, de ter éxito converterase nunha triloxía.
Máis información sobre a casa museo de Carlos Velo en La Región, sobre Curtas 2005 no web do Consorcio e sobre “Bieito Dubidoso” en El Progreso
. Amplía a nova>>
22/04/2005
As productoras e o Consorcio Audiovisual de Galicia presentan as súas novidades en Málaga
Esta noite arranca a programación do Festival de Cine de Málaga, o evento que recolle o máis recente do cine español. E ata o sur se desprazaron as productoras galegas cos seus traballos máis recentes baixo o brazo. Continental compite coa súa longametraxe “Heroína”, baseada na vida de Carme Avendaño na sección oficial, mentres que na categoría de documentais presenta a coprodución “Nin tolas, nin terroristas”. No apartado de películas para televisión, Filmanova exhibirá “Diario dun skin”. Polo demais, nas sesións paralelas os expertos analizarán e debaterán sobre o modelo de traballo do Consorcio Audiovisual de Galicia (xoves 28). Os máis pequenos poderán gozar coas películas de animación de Fílmax “O Cid, a lenda” e “Pinocho 3000”, así como o avance que fará Dygra de "O soño dunha noite de San Xoán" (sábado 23).
Máis información no web do Festival e consulta as fichas de Heroína, O Cid, Pinocho 3000
e O soño dunha noite de San Xoán
. Amplía a nova>>
22/04/2005
Profesionais do 3D exhiben no Cartoon Future de A Coruña as últimas novidades do sector
As últimas innovacións da industria e os profesionais máis reputados están ata o domingo en A Coruña. Trátase da terceira edición do Master Cartoon Future, un foro que abrangue unha serie de debates sobre a situación do 3D no campo académico e na profesional. Entre as empresas participantes destaca Píxar, a factoría da que saíron traballos como “Os incribles”, “Toy Story” ou “Monstros SA”.
Máis información neste documento (en pdf)
. Amplía a nova>>
22/04/2005
Celso Bugallo será homenaxeado no Festival de Cine de Cans
O orixinal festival de Cans de curtametraxes chega á súa segunda edición os vindeiros 20 e 21 de maio. Se o ano pasado o galardoado foi Luís Tosar, este ano o “Pedigree 05” será para o actor pontevedrés Celso bugallo. A Asociación Arela que organiza o evento, conta con Serxio Pazo, Miguel de Lira, Chisco Amado e Teté Delgado como xurado das curtametraxes.
Máis información no web do Festival (proximamente)
. Amplía a nova>>
20/04/2005
A CRTVG achegarase ao centenario da RAG cun documental e coa cobertura das actividades
A Real Academia Galega cumpre no 2006 cen anos. Pero os actos de preparación da efeméride xa teñen comezado. O presidente da RAG, Xosé Ramón Barrreiro, e o presidente da CRTVG, Francisco Campos, veñen de asinar un convenio polo que a cadea pública se compromete a facer un documental sobre a historia da RAG, así como a cubrir todas as actividade previstas. En virtude dese convenio, a TVG realizará un documental cuxo guión achegará a RAG.
Máis información sobre as peticións en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
19/04/2005
FAPAE pide o incremento da partida dos ingresos das cadeas para a animación e o documental
A día de hoxe, a lei estipula que unha porcentaxe dos beneficios das cadeas de televisión deben investirse na produción do cine europeo. Amparándonse nesa medida, a xunta directiva da Federación de Asociación de Productoras Audiovisuais (FAPAE) acaba de aprobar unha petición pola que se aumente do 5% actual ata un 7% para as series de animación e documentais. Unha petición que deberá contemplar o próximo proxecto de lei audiovisual.
Máis información sobre as peticións en La Voz de Galicia. Amplía a nova>>
19/04/2005
Un certame monográfico exhibe o cinema galego en Berlín
A Comisión europea Financia e impulsa unha iniciativa para que o público xermano poida ver as distintas culturas do estado español. Por iso, programa do 22 ao 29 deste mes a “Galiciale”, unha mostra que exhibe películas feitas por realizadores galegos, ademais de acoller exposicións, debates e degustacións de productos típicos. Para a mostra escolléronse películas de Chano Piñeiro (Urxa), Xavier Villaverde (13 badaladas), José Díaz (a curta Coco e Bobo) e de Álex Sampayo (A boa caligrafía).
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
18/04/2005
Xornalistas, institucións e asociación reúnense para falar do autocontrol da televisión
Cando se fala dos contidos da televisión actual todo o mundo destaca a necesidade do autocontrol. Por iso, a Asociación de Periodistas de Galicia, institucións e asociacións de productores audiovisuais celebran un foro para falar do tema. Terá lugar o vindeiro venres 22 de abril no hotel Araguaney de Santiago ao que están convidados profesionais e público en xeral. Na xuntanza analizaranse os aspectos relacionados coa aplicación dos acordos asinados polas operadoras de televisión ata o momento.
Máis información no web da Asociación de Periodistas de Galicia
. Amplía a nova>>
18/04/2005
O Consorcio Audiovisual convoca as súas bolsas de estudo para perfeccionamento no campo audiovisual
Todos aqueles que están metidos no mundo do audiovisual e queiran facer un máster ou calquera curso de perfeccionamento deberían ter en conta o Consorcio Audiovisual. Esta entidade vén de convocar a terceira edición da súa bolsa de estudo que ten unha contía económica de 30.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes remata o 27 de maio.
Máis información no web do Consorcio
. Amplía a nova>>
18/04/2005
A TVG emite hoxe o programa piloto que protagonizan Os Tonechos
O dúo cómico máis popular da Televisión de Galicia estrea esta noite programa (TVG, 21:45 horas). Roberto Vilar e Víctor Fábregas son os protagonistas de “O Show dos Tonechos”, un programa de 75 minutos de duración que inclúen cinco partes nas que destaca unha comedia de situación protagonizada polo dúo cómico. O programa que se emitirá esta noite é un programa piloto xa que a serie comezará definitivamente no mes de maio.
Máis información en La Voz de Galicia e sobre Os Tonechos no noso tema
. Amplía a nova>>