10/05/2005
TVG e os editores galegos asinarán un acordo para promover o libro galego no audiovisual
O aumento do consumo de televisión e o descenso nas ratios de lectura obrigaron a que os directores dos medios audiovisuais e os editores buscaran fórmulas comúns para mellorar a situación do libro. E o resultado fraguarase nun convenio que a TVG e os Editores asinarán nos días seguintes ao Día das Letras Galegas que pretende promover a presenza do libro galego na pequena pantalla. As formas nas que será posible son múltiples: vai desde a elaboración dun documental sobre a historia da produción editorial en Galicia, e a creación dun espazo específico para informar sobre o tema ata a un maior seguimento na programación.
Máis información en La Voz de Galicia
. Amplía a nova>>
04/05/2005
As curtametraxes galegas exhibiranse no CGAI con motivo do día das letras
O CGAI súmase á celebración do día das letras. E faino cun ciclo de cine no que se proxectarán diferentes curtametraxes galegas. As xornadas comezan o día 10 con “A sociedade do espectáculo” de Jesús Pérez Vázquez e María José Costa Valiño e “Como foi o conto” de Alberte Pagán. Os días 12 e 13 exhibiranse os cinco traballos que forman parte desta edición de Curtas 04. O sábado será o momento de “Adosados “ de Tonecho Antón, de “As Muxicas” de Carlos Alberto Alonso e de “Metamorfose” de Fran Estevez. O ciclo remata o luns 16 con “Rosas” de Mikel Fuentes e José Luís Márquez.
Máis información no web do CGAI
. Amplía a nova>>
04/05/2005
Comeza a rodaxe de “A Atlántida” a película para televisión que protagonizan Nancho Novo e Manuel Lozano
“A Atlántida” é unha película para televisión que conta a historia dun fillo adolescente (Manuel Lozano) que vive coa súa nai (Mercé Pons) e que se reúne anos despois co seu pai (Nancho Novo) que leva anos dedicándose á música. Trátase da produción que dirixe Belén Macías cuxo rodaxe comeza hoxe na Coruña. Nesta coprodución da coruñesa Formato Vídeo e a catalana Prodigius Audiovisual, Nancho Novo completa a súa faceta de actor coa de músico, xa que a música pertence ao seu grupo “Os castigados sen postre”. A película verase nas televisións autonómicas a finais de ano. .
Amplía a nova>>
02/05/2005
A película coproducida por Continental faise co premio a mellor director e mellor guión no festival de Málaga
Este venres chega ás carteleiras “Heroína”, a película que coproduce Continental e que narra a historia da loita dunha nai cando descubre que un dos seus fillos está metido no mundo da droga. O filme chegará as carteleiras con dous premios no seu haber: mellor director (para Gerardo Herrero) e mellor guión (para Ángeles González Sinde) que recolleron este sábado na gala de entrega de premios do Festival de Cine de Málaga. O filme foi preestreado o pasado venres en Vigo, nunha gala á que acudiron case todos os protagonistas así como Carme Avendaño, fundadora da asociación “Érguete” e cuxa historia inspirou a película.
Máis información sobre a produción na súa ficha e no web da película
. Amplía a nova>>
02/05/2005
Dous días de festival unha sala de proxección para as curtametraxes máis raras centran as novidades do II Festival de Cans
Xa imos sabendo máis novidades sobre o festival que se produce no Cans galego, esa pequena localidade da provincia de Pontevedra, que se desenvolverá os días 20 e 21 deste mes. Esta edición seguirá fiel á súa estructura: proxección de curtametraxes na casa dos veciños, uso de tractores e "chimpíns" para asistir aos pases e premios para as mellores curtametraxes do país. En total exhibiranse unhas 20 curtametraxes e Celso Bugallo recibirá o Premio de Honra do Festival. Como novidades abrirase o “Jalpón Friki”, un lugar no que se exhibirán as curtametraxes máis “raras” que non forman parte da sección a concurso.
Máis información no web do Festival e sobre o evento nesta nova en AVG
. Amplía a nova>>
02/05/2005
Yelmo Cineplex e o Concello de Vigo organizan un ciclo de cine en galego
Vigo terá o seu ciclo de cinema en galego. Unha iniciativa que é posible grazas á alianza que montaron Yelmo Cinplex e o Servizo de Normalización Lingüística que permitirá ver no noso idioma, nos cines que a empresa ten en Vigo, entre outros, os filmes “Pinocho 3000” e “Trece Badaladas” .
Máis información no web de Nova Fantasía
. Amplía a nova>>
02/05/2005
Santiago acollerá a segunda edición do seu festival de curtametraxes en outubro
Do 18 ao 22 de outubro, Santiago terá unha nova cita coas curtametraxes. É a data na que se celebrará a segunda edición de Curtocircuíto, aínda que o evento comezará a desenvolverse desde o mes de xullo nas prazas e rúas de Compostela. O obxectivo de certame segue a ser o mesmo: promover a imaxe da cidade mentres se estimula a industria cinematográfica e audiovisual local. Entre as novidades do evento que avanzou a entidade organizadora, a Compostela Film Comission, destaca que acadará unha dimensión internacional coa participación de xente doutras partes do mundo.
Máis información no web de Santiago Turismo
. Amplía a nova>>
27/04/2005
Gabino Diego e Carmen Machi serán as voces de “O soño dunha noite de San Xoán”
Xa se coñecen as voces do último filme de animación en 3D que esta a elaborar Dygra, “O soño dunha noite de San Xoán”. Gabino Diego, Carmen Machi, Gemma Cuervo, Emma Penella, Isabel Ordaz, e José Luís Gil (que ten doblado as producións de Disney) son os encargados de poñer as voces na versión en español. Polo demais, Dygra está ultimando as versións portuguesa, inglesa e galega da produción.
Máis información sobre a produción na súa ficha en AVG
. Amplía a nova>>
27/04/2005
Sete productoras galegas presentan os seus traballos no Mercadoc de Málaga
De feito paralelo ao festival de cine de Málaga desenvólvese o Mercado, que é o mercado de documentais máis importante do estado. E ata alí foi o Consorcio Audiovisual de Galicia con sete productoras galegas: Filmanova, Adivina Producciones, Anxo Fernández Producciones, Saga TV, IB Cinema, TV 7, Producciones Vigo e a TVG.
Máis información no web do Mercado
. Amplía a nova>>
26/04/2005
O DOG publica o decreto que regula os principios da televisión dixital terrestre en Galicia
O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica o decreto que regula o réxime xurídico da xestión do servizo público de televisión dixital terrestre de Galicia. É dicir, a pauta na que figuran os dereitos e deberes que han de cumprir os xestores das 84 cadeas (entre públicas e privadas, que serán entre 4 de carácter autonómico e 80 locais). Ademais das características técnicas da emisión, establécese a obrigatoriedade de emitir mínimo o 60% do total da emisión de programas de produción propia. Con respecto ao idioma, no decreto fálase de empregar o galego de xeito “usual”, e establece como obligatorio a metade da porcentaxe reservada aos programas de produción propia. Polo demais, para a xestión das televisións privadas será preciso presentarse a un concurso que convocará a Xunta de Galicia e que deberá estar resolto antes do 4 de agosto.
Máis información no Decreto (en pdf)
. Amplía a nova>>