07/03/2006
Curtocircuíto contará cun mercado para darlle saída ás curtametraxes que se presentaron en todas as edicións
A Compostela Film Comission acaba de presentar unha nova edición de Curtocircuíto, o festival que converte a curtametraxe en protagonista grazas a un festival (17-21 de outubro), certame (concurso de guións “Compostela Plató”), exhibición nas prazas (“Curtocircuíto nas rúas”) e animando á xente a participar (proxecto “Non te curtes” para o que facilita unha sala de edición). As principais novidades deste ano pasan pola creación do mercado da curtametraxe para conseguir unha maior difusión dos traballos presentados nas edicións anteriores; pola creación de “Actúa”, un obradoiro de interpretación encamiñado a formar a mozos no mundo da actuación e pola creación de “Micromovies”, un novo apartado no que os participantes deberán crear historias que non superen os trinta segundos.
Máis información no web de Curtocircuito
.
Amplía a nova>>
07/03/2006
A Academia Galega do Audiovisual celebra este xoves a súa festa dos candidatos
Este xoves (Pub Theatre, A Coruña 21:00 horas) terá lugar a festa dos candidatos aos Premios Mestre Mateo 05. Trátase da xuntanza previa á gala dos premios que se entregarán o domingo 19 na cidade herculina. A festa contará coa presencia dos candidatos, profesionais, membros da Academia, a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e o Director Xeral de Comunicación Audiovisual Manuel, José Fernández Iglesias.
Máis información sobre os premios na nosa hemeroteca e no web da Academia Galega do Audiovisual
.
Amplía a nova>>
06/03/2006
TVG mellora os seus resultados de audiencia aínda que TVE segue sendo a canle máis vista
A nova programación de Televisión de Galicia ofrece mellores resultados de audiencia. En febreiro, a cadea pública obtivo oito décimas máis (16%) que no seu rexistro de xaneiro (15.2%). Por franxas horarias, a TVG segue sendo líder no mediodía, cun share do 30.3%. Aínda así, TVE 1 segue sendo a cadea máis vista en Galicia (20%), seguida por Antena 3 e Tele5. As televisións locais do país obteñen unha media dun 2.7%, unha porcentaxe máis baixa que no resto do estado, que se sitúa no 3.5%. .
Amplía a nova>>
06/03/2006
A TVG cede finalmente as dobraxes ao galego das series "Shin Chan", "A víbora negra" e "Alló alló"
Finalmente, poderemos ver en galego e en DVD algunhas das máis míticas series que emitiu a nosa televisión. A TVG cederá gratuitamente as dobraxes ao noso idioma de "A víbora negra" e "Alló alló" á distribuidora que quere as editar neste formato. A presión cidadán que promoveu a Mesa pola Normalización Lingüística e mais as Ciberirmandades da Fala levaron a que a TVG recuase na súa decisión de non ceder estes dobraxes. Ao tempo, a televisión autonómica tamén cedeu a súa dobraxe da serie Shin Chan á canle Cartoon Network, o que permitirá que tamén se emita en galego. Continúan abertas, polo momento, as negociacións para ver se esta decisión chega a tempo para a edición de "A víbora negra", prevista para o vindeiro 5 de abril.
Máis información no web da Mesa en Vieiros
. Amplía a nova>>
03/03/2006
Miguelanxo Prado avanza en Madrid o seu proxecto de animación “De Profundis”
Aínda que a produción se presentará en outubro na Coruña, o debuxante de cómic Miguelanxo Prado, avanzou onte en Madrid a primeira mostra do que será “De profundis”. Trátase dunha atípica longametraxe de animación 2D onde a música composta por Nani García ten case a mesma importancia que as imaxes debuxadas por Miguelanxo Prado. Neste singular proxecto de animación, a Sinfónica de Galicia será quen ademais de interpretar, produza parte da música. O filme producido por Continental Produciones, poderá verse posiblemente en dez meses tanto en TVE como na TVG, as dúas cadeas que apoiaron o proxecto.
Máis información sobre a produción no noso tema e na súa ficha
.
Amplía a nova>>
03/03/2006
A Xunta aproba o decreto que regula a constitución e as funcións do Consorcio Audiovisual
O cambio da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual dentro do organigrama da Xunta, precisaba da actualización dos decretos que regulaban a outros organismos dedicados ao audiovisual. Un deles tivo lugar onte, cando o consello da Xunta aprobou o decreto que regula a constitución e as funcións do Consorcio Audiovisual de Galicia. Segundo o texto do decreto, o Consorcio gozará de personalidade xurídica propia e capacidade suficiente para o cumprimento das súas finalidades. A composición do Consello de Dirección queda do seguinte xeito: o presidente é o secretario xeral de Comunicación (Fernando Salgado), o vicepresidente primeiro é o director xeral de Comunicación Audiovisual (Manuel José Fernández), o vicepresidente segundo é o director xeral da CRTVG (Benigno Sánchez) e o secretario é o subdirector xeral de Telecomunicacións da Xunta. O equipo complétase con seis vogais dependentes da Administración e un vogal da CRTVG.
Consulta os cambios no Consello da Xunta (en pdf)
.
Amplía a nova>>
01/03/2006
A Xunta de Castela entra a formar parte nos proxectos Fílmax sobre o Quixote
Fílmax e a Xunta de Castela acaban de unir os seus esforzos para promover a figura do seu personaxe máis ilustre: O Quixote. O proxecto implica á administración castelá nos proxectos que desenvolve a factoría de animación que dirixe Julio Fernández, e que van desde unha longametraxe de animación en 3D (“Donkey Xote”), vídeos xogos ata outros formatos pensado para a tecnoloxía móbil.
Consulta a ficha da produción en AVG
.
Amplía a nova>>
01/03/2006
TVE e RNE reducirán as súas emisións en galego en virtude do seu plan de saneamento
As desconexións no noso idioma de Radio Nacional de España podería desaparecer de prosperar o plan de saneamento que presentaba onte a directora de TVE, Carmen Caffarel. Ademais, as emisións en galego da TVE reduciríanse a media hora diaria, eliminando a actual programación de tarde de fin de semana. Ademais, pecharía Radio 4, que na actualidade emite en catalán toda a súa programación. Colectivos coma a Mesa pola Normalización Lingüística xa se amosaron contrarios a estas medidas.
Máis información en Vieiros e en El País e no web da Mesa
. Amplía a nova>>
27/02/2006
Nemedon abre cun documental o ciclo de actividades fenés “Non deas ao esquecemento”
Helena Villares e Pilar Faxil, ou o que é o mesmo, a produtora Némedon, abrirán este xoves en Fene (Casa de Cultura, 19:30 horas) o ciclo “Non deas ao esquecemento. A nosa memoria 1936-1978”. Farano co documental “A cidade da selva” que recolle a historia da guerrilla e dos fuxidos en Galicia contada polos propios protagonistas. O ciclo, que inclúe coloquios, conferencias, mesas redondas e proxección continuará o martes 7 coa presentación doutro documental “A vella memoria”, que recolle lembranzas da época entre a Guerra Civil e o posfranquismo.
Máis información no Diario de Ferrol
.
Amplía a nova>>
24/02/2006
As series “As leis de Celavella” e “Libro de familia” son as que acaparan máis candidaturas aos Mestre Mateo 05
As series de produción propia non só gustan ao público senón tamén aos académicos. Os socios da entidade encargada de premiar ao audiovisual do país deron a coñecer onte os finalistas que optan aos Mestre Mateo. As series que emite a TVG: “As leis de Celavella” (Grupo Voz) e “Libro de Familia” (Editorial Compostela) son as que atesouran maior número de candidaturas, con catorce e dez respectivamente. Con nove mencións están tres longametraxes “O soño dunha noite de san Xoán”, “León e Olvido” e “Heroína”, seguidas por “Para que non me esquezas” de Patricia Ferreira con cinco. Todos coincidirán no “Theatre” de A Coruña (rúa Rei Abdalah, 13) o 9 de marzo na “Festa dos Nominados” celebración previa á gala de entrega dos premios, que terá lugar na Cidade Herculina o domingo 19.
Máis información en La Voz de Galicia, Academia Galega do Audiovisual, Galicia Hoxe e La Opinión. Consulta en AVG as fichas dos candidatos
.
Amplía a nova>>