03/05/2006
O Centro Galego de Artes da Imaxe únese á festividade do día das letras con cine galego
O Centro Galego de Artes da Imaxe tamén celebrará o día das letras galegas. E faino co que mellor saber facer, programar cine. Para o día 17o centro que cumpre tres lustros de traballo ten previsto celebrar sesións especiais de cine galego. “O lapis do carpinteiro” de Antón Reixa, “Trece badaladas” de Xavier Villaverde e “O bosque animado” de Manolo Gómez e Ángel de la Cruz son as tres longametraxes coas que se achegará ao cine feito e producido en Galicia. Ademais, este mesmo mes tamén se poderán ver outros traballos galegos como “A mantaza caníbal dos garrulos lisérxicos” de Antonio Blanco e Ricardo Llovo dentro dun ciclo sobre “Cine fantástico español contemporáneo”.
Máis información no web do CGAI
.
Amplía a nova>>
28/04/2006
O programa de Televisión de Galicia aborda as últimas rodaxes que se fixeron no país
Televisión de Galicia achegarase esta noite (00:45 horas) en “Planeta cine” á longametraxe “One day in Europe: Galatasaray-Dépor”. O programa que presenta Piedad Cabo analizará a rodaxe desta producion, que chega as carteleiras da semana que vén, ademais de entrevistar ao actor Víctor Mosqueira. Tamén haberá espazo para analizar a Feira de Produtos Audiovisuais “Viaxes na lusofonía” que se organizou dentro do Congreso Internacional Lusocom..
Amplía a nova>>
28/04/2006
Dygra film crea un departamento de vendas internacional para comercializar os seus produtos
Desde os últimos anos estase a falar da necesidade de exportar o audiovisual galego. O Consorcio do Audiovisual é unha das entidades que se encarga de promover e difundir os produtos galegos fóra das nosas fronteiras. Pero ademais desta iniciativa, Dygra films acaba de adaptar a súa estrutura a esta nova necesidade. A produtora coruñesa acaba de poñer en marcha un departamento de vendas internacionais desde o que comercializará todos os seus traballos agás, “O Soño dunha noite de san Xoan”, que xestiona con Lumina Filmes.
Máis información en Galicia Hoxe e sobre Dygra Films na súa ficha
.
Amplía a nova>>
27/04/2006
O Festival de Cine de Ourense crea un premio para a dirección de documentais
O documental ten cada vez un maior protagonismo no noso país. Creouse un festival dedicado a este xénero (Play Doc) e os diferentes eventos foron abrindo seccións para acoller producións deste tipo. O festival de Cine de Ourense, que se celebra do 4 ao 11 de novembro na cidade das Burgas non é alleo a esta situación e acaba de crear un premio (dotado con 1.000 euros) para galardoar a dirección de documentais. Así, o palmarés do festival ten dous premios para os documentarios, seis para curtametraxes e nove para longametraxes cunha contía que supera os 50.000 euros.
Máis información en La Voz de Galicia e sobre o festival na nosa hemeroteca
.
Amplía a nova>>
27/04/2006
Educación valora os bos resultados da terceira edición do programa que achega aa linguaxe audiovisual ás aulas
Ao longo deste curso 2005-2006, preto duns 3.000 alumnos viron películas, estiveron nas instalacións da Televisión de Galicia vendo como se fai un programa, e mesmo chegaron a facer unha curtametraxe. Actividades que se englobaron dentro da terceira edición “Audiovisual nas Aulas 2005”, a través do que a Consellaría de Educación pretende introducir aos máis novos na linguaxe audiovisual.
Máis información no web do Consorcio
.
Amplía a nova>>
27/04/2006
Antonio Simón substitúe a Jose Luís Cabo á fronte do Centro Galego de Artes da Imaxe
Antonio Simón (A Coruña, 1949) é o novo director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). O polifacético creador substitúe a Jose Luís Cabo na dirección dun centro que asume novos retos. A información publicada por “La Voz de Galicia” e confirmada polo gabinete de prensa de Presidencia revela o último chanzo dado en materia de audiovisual desde o cambio de goberno. Simón, cunha ampla traxectoria neste eido e no campo teatral, chega a un CGAI que desempeñará mais funcións que as de filmoteca abríndose á difusión a través das novas canles. Situado organicamente en Presidencia e non en Cultura, onde estivera desde a súa creación, o CGAI levará as súas actividades fóra da Coruña.
Máis información sobre o cambio en La Voz de Galicia e sobre o futuro do centro na nosa entrevista co Director Xeral de Comunicación Audiovisual Manuel José Fernández. Para saber de Antonio Simón na súa ficha e do CGAI no seu web e na nosa hemeroteca
.
Amplía a nova>>
26/04/2006
”Un franco, catorce pesetas” e “One day in Europe (Galatasaray-Dépor)” chegan ás carteleiras o vindeiro venres
O día 4 de maio chegan as carteleiras galegas dúas producións con participación galega. Dunha banda está “Galatasaray-Dépor” realizador alemán Hannes Stöhr (“Berlín is in Germany”) que coproduce Filmanova e na que conta catro historias coa final da liga de Campións como telón de fondo. Da outra está “Un franco, catorce pesetas” (coproducida por Adivina Producións) na que Carlos Iglesias, fillo de emigrantes galegos, contou con Isabel Blanco para contar a vida dun inmigrante en Suíza baseándose na súa propia experiencia. Outros coñecidos intérpretes galegos como Fely Manzano e Miguel de Lira completan o reparto do filme.
Máis información sobre "Onde day in Europe" na súa ficha en AVG
.
Amplía a nova>>
25/04/2006
AISGE e o Consorcio Audiovisual de Galicia organizan un curso de interpretación
Despois da boa acollida dos cursos de inglés e de dobraxe, o Consorcio Audiovisual de Galicia volve ofertar un novo seminario de formación. Esta vez trátase de interpretación e conta coa colaboración da Fundación Aisge. Do dous ao sete de maio, o director, guionista e produtor de cine Mariano Barroso ofrecerá unhas clases prácticas nas que os actores seleccionados coñecerás as técnicas para desenvolverse mellor ante a cámara e combater a súa inseguridade.
Máis información no web do Consorcio do Audiovisual
.
Amplía a nova>>
25/04/2006
O Festival de Cans concede o seu premio Pedigree á actriz Mabel Rivera
Mabel Rivera (Ferrol, 1952) acaba de sumar un premio máis á súa nómina. Trátase do “Pedigree” que lle concede a Asociación Cultural Arela pola súa longa traxectoria no teatro, cine e na televisión. A actriz recollerá o seu premio no marco do orixinal Festival de Cans, que terá lugar do 25 ao 27 de maio.
Máis información sobre o Festival de Cans no seu web e na nosa hemeroteca
.
Amplía a nova>>
25/04/2006
Empresas galegas acudirán ao festival de documentais de La Rochelle baixo o paraugas do Consorcio
Do 27 ao 30 de xuño a localidade francesa de La Rochelle celebra un dos festivais de documentais máis coñecidos do mundo, o “Sunny side of the Doc”. Ata alí se desprazará unha delegación do Consorcio Audiovisual de Galicia coa marca “Galicia Film Commission” á que se poden acoller todas as produtoras interesadas en comercializar os seus produtos. As que queiran facelo deberán facer unha solicitude de rexitro antes do 1 de maio.
Máis información no web do Consorcio
.
Amplía a nova>>