Novas | 3621 a 3630 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

16/05/2006
O concello de Santiago aproba de xeito provisional o desenvolvemento da Cidade da Imaxe

Malia que se barallaba que neste 2006, Santiago xa contaría coa súa “Cidade da imaxe”, o certo é que o proxecto acaba de dar un paso importante pero aínda lle queda bastante camiño por andar. Agora, o concello de Santiago acaba aprobar, de xeito provisional, o proxecto do que será o futuro polígono industrial especializado da imaxe, pero precisará do visto bo da Xunta para comezar a expropiación dos terreos. O proxecto, de 487.000 metros cadrados, está situado preto de San Marcos, onde figuran as instalacións da CRTVG e da Televisión Española en Galicia.

Máis información en La Voz de Galicia e na nosa hemeroteca sobre o proxecto

. Amplía a nova>>

12/05/2006
O Consello da Xunta declara deserto o concurso de radio dixital ao considerar que actualmente non existe mercado

O mercado galego aínda non está preparado para a radio dixital. Este foi un dos principais argumentos que esgrimiu o Consello da Xunta para declarar deserto o concurso que convocara o anterior equipo de goberno hai xustamente un ano. Ademais, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou a próxima convocatoria de 100 novas licencia analóxicas por parte do Ministerio de Industria. Por outra banda, Touriño tamén se referiu ao concurso das licenzas de Televisión Dixital Terrestre (TDT) local que confía que se adxudicarán “en breve”.

Máis información sobre este tema, xa avanzada na nosa entrevista do director xeral de Comunicación Audiovisual, USC, en Manuel José Fernández e sobre o concurso na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

11/05/2006
A televisión local de Chantada emitirá o vindeiro martes a primeira serie de ficción feita polos veciños da comarca

“Cabo do mundo” é título da serie de ficción que emitirá a televisión local de Chantada a partir do vindeiro martes. Ten de peculiar que é un proxecto feito por actores aficionados cos medios técnicos dunha televisión local e que naceu dun traballo académico. A xornalista e actriz Comba Campoy foi a que puxo en marcha un proxecto que mobilizou durante varias semanas aos veciños de Chantada que contaron como única achega económica, unha subvención da Xunta de Galicia.

Máis información sobre o proxecto na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

10/05/2006
Jaime Pena asume a dirección dun CGAI que exhibirá os fondos de Julio Cortázar nunha exposición

Jaime Pena é o director en funcións do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). O seu nomeamento non será efectivo, segundo o gabinete de prensa da Secretaría Xeral de Comunicación, ata que se solucionen “trámites administrativos”. Pena é un bo coñecedor do CGAI, xa que este funcionario era, ata o momento, o responsable da súa programación. A confirmación oficial tivo lugar esta mañá na rolda de prensa convocada no centro para presentar as actividades para o segundo semestre do ano. A partir do vindeiro 15 de setembro o centro exhibirá o fondo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar que lle cedeu ao CGAI a súa viúva o pasado mes de decembro. Ademais, o centro coruñés está a producir un documental sobre a vida do escritor que contará coa participación da súa viúva, moi reticente a estas colaboracións.

Máis información sobre en La Voz de Galicia, en El Correo Gallego, no web do CGAI e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

09/05/2006
La Voz de Galicia achega unha escolma do audiovisual galego a través de 12 DVD

“Sempre Xonxa”, “O lápis do carpinteiro”, unha selección de documentais e curtametraxes galegas, a película de animación“O cid: a lenda”, a longamentraxe para televisión “Entre bateas”, unha escolma da serie “As leis de Celavella” e “Trece badaladas” son algúns dos títulos que conforman a promoción “Galicia de cine”. Trátase dun coleccionable de 12 DVD co que “La Voz de Galicia” que achega unha escolma do audiovisual galego máis recente cada domingo.

Máis información en La Voz de Galicia

. Amplía a nova>>

09/05/2006
Unha curtametraxe producida por unha cooperativa inaugurará o Festival de Cans

Naceu como contrapunto irónico dun dos festivais de cine mais glamourosos do mundo, o de Cannes (Francia). Aproveitou que ambas localidades se chaman igual para ofrecer un festival que dese conta das curtametraxes que se fan no país. Falamos do Festival de Cans, un evento que permanece fiel á súa orixinalidade tres anos despois da sua creación, pero evidencia un proxecto de traballo que o converte nun referente dentro do mundo das curtametraxes. Nas sete salas espalladas polo lugar proxectarán os dezaoito traballos que hai a concurso, aderezado por espectáculos musicais que completen a programación. Ademais do xa sabido, Mabel Rivera premio Pedigree, o aumento de salas e de días do festival, o certame proxectará a primeira longametraxe feita por unha cooperativa galega. Chámase “por min e polos meus compañeiros” e é obra do realizador coruñés Xudas Xiz.

Máis información sobre a longametraxe de Xudas Xiz en Vieiros e sobre o Festival no seu web e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

08/05/2006
A devolución dunha subvención atrasa o nomeamento de Antonio Simón como director do CGAI

Hai dúas semanas a prensa anunciaba o próximo nomeamento de Antonio Simón como director do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Pois ben, a toma de posesión do cargo terá que esperar por mor dun problema administrativo. Simón recibiu en 1999 unha axuda de preto de 70.000 euros para facer a película “Verán de chumbo”. Un proxecto que non puido ser desenvolvido e, tal e como figura na propia convocatoria, obriga ao solicitante a regresar á Consellaría os cartos recibidos antes de decembro deste 2006. Sucede entón, que mentres non faga efectiva a devolución non pode ter un contrato coa Administración. Unha vez solucionado este problema, para o que xa hai prazos, farase efectivo o seu nomeamento.

Máis información en La Voz de Galicia, El Correo Gallego e Galicia Hoxe . Amplía a nova>>

05/05/2006
“Un franco, 14 pesetas” chega ás carteleiras galegas despois da pre-estrea de “Galatasaray-Dépor”

As carteleiras galegas acollen hoxe “Un franco, 14 pesetas”. Un filme no que o actor Carlos Iglesias achega unha peculiar ollada sobre a emigración. Isabel Blanco e Feli Manzano son algunhas das actrices galegas que participaron nesta coprodución de Adivina. Falando de estreas, A Coruña acolleu onte a presentación de “Galatasaray-Dépor”, a última longametraxe na que participou a produtora coruñesa Filmanova. Unha película que aproveita un feito histórico, o final da Liga de Campións que xogou o Deportivo, para abordar as diferenzas entre Oriente e Occidente. A película chegará ás carteleiras o día 19 deste mes e contará con tres copias en galego.

Máis información sobre “Galatasaray-Dépor” en AVG e La Voz de Galicia; e sobre “Un franco, 14 pesetas” en AVG e en La Voz de Galicia

. Amplía a nova>>

04/05/2006
A vida e a obra do músico galego Bal y Gay chega hoxe á Residencia de Estudantes nun documental

A Residencia de Estudantes estrea hoxe “A xanela ignorada”. Trátase dun documental que recupera a figura do compositor galego Xesús Bal y Gay (1905-1993) co que se completa unha exposición sobre o músico comisariada polo profesor da Universidade de Santiago, Carlos Villanueva. O músico, que estivo na residencia de Estudantes e foi considerado a voz galega da xeración do 27, cedeu todo o seu legado á Xunta de Galicia, á Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais e a varias institucións.

Máis información sobre Bal y Gay na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

03/05/2006
A CRTVG e doce empresas máis intégranse no Clúster

Hai tres anos nacía en Santiago o Clúster do Audiovisual Galego. Un consorcio empresarial específico do sector audiovisual para darlle un impulso ao sector desde un punto de vista empresarial. Naceu con 32 entidades, ás que se lle acaban de sumar doce empresas. Entre a nómina de incorporacións destaca a Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), as produtoras Isabella Audiovisual, Congo Producions, as empresas de novas tecnoloxías Loroestudio e Lambdastream.

Máis información no web do Clúster e no noso tema do día sobre a súa constitución

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org