Novas | 3551 a 3560 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

27/09/2006
Dygra suspende a produción da longametraxe “Os mortos van ás presas” no quinto día de rodaxe

Neus Asensi, Morris, Chete Lera, Manquiña, María Castro e así ata un total dun equipo de cen persoas estaba en Rinlo, preto de Ribadeo, para rodar unha das escenas previstas no plan de traballo de “Os mortos van ás présas” cando, e segundo contan membros do equipo artístico e técnico, chegou un comunicado da empresa informando que se cancela a película, alegando problemas financeiros. Esta foi a situación explicada polo equipo técnico e artístico que fixo público un comunicado para explicar, o que para eles é un feito sen precedentes, perxudicial para o audiovisual galego, ao tempo que amosan o seu interese por seguir adiante coa película. “Os mortos van ás présas” é a primeira longametraxe de ficción de Dygra dirixida e guionizada por Ángel de la Cruz.

Máis información sobre Os mortos van ás présas na súa ficha

. Amplía a nova>>

27/09/2006
A Asociación Cultural Enfoques organiza a terceira edición do Festival de Documentais “Play-Doc”

Ten só tres edicións, pero a súa solidez e a súa seriedade convérteno nun dos festivais de cine documental actual de referencia no país. Falamos de “Play Doc.” cuxa terceira edición acaba de convocar a Asociación Enfoques. O prazo para participar na sección oficial está aberto ata o 15 de novembro de 2006 e poderán facelo todas as obras producidas a partir do 1 de xaneiro de 2005 das diferentes categorías establecidas: longametraxes, para películas cunha duración superior aos 40 minutos, curtametraxes, para películas de menor duración, e Atlántico, para películas en galego ou portugués ou producións galegas.

Máis información no web de Play Doc

. Amplía a nova>>

26/09/2006
O CGAI inaugura en Santiago unha exposición que se achegará a Julio Cortázar a través das súas propias imaxes e as dos seus amigos

O pasado mes de novembro, o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, anunciaba que a viúva de Julio Cortázar, Aurora Bernárdez, cedía ao CGAI os fondos fotográficos e fílmicos do escritor. Como resultado daquel acordo, a Igrexa da Universidade e no Pazo de Fonseca, en Santiago, ofrecerán a partir do xoves 28 unha selección das preto de catro mil imaxes que conformaban ese arquivo. A comisaria da exposición, Rocío Santacruz, explica que “ademais da escolma do arquivo fotográfico e fílmico en Súper 8, exhibiranse varios obxectos que amosarán a relación que Cortázar mantivo con outros artistas, entre eles, Luís Seoane”. A mostra achega a faceta máis descoñecida e persoal do autor de “Rayuela”.

Máis información no web Compostela Cultura e sobre a cesión do fondo de Cortázar que gardará o CGAI na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

26/09/2006
A conexión do mundo árabe con Galicia centra os vindeiros traballos de Ibisa TV

Acaba de estrear nova sede, pero Ibisa TV segue fiel aos seus principios, os de fomentar o dialogo intercultural e a reflexionar sobe xeografía, historia ou etnografía a través de documentais. De feito, nos próximos meses a TVG estreará “Linatakalam”, unha serie de seis capítulos que segundo o productor executivo, Valentín Carrera, “ten como o eixe o diálogo a través de diferentes temas como a emigración, os dereitos da muller ou os problemas da escaseza de auga”. Nesa mesma liña está tamén “Bassir & Karpin”, documental que se estrea no vindeiro mes de outubro e no que aproveita a historia de dous xogadores de fútbol do Deportivo e do Celta para falar do diálogo intercultural. Por último, entre os proxectos máis inmediatos de Ibisa está a estrea de “Sherezade en Galicia. As palabras de Nélida Piñón”, un documental que fai un percorrido sobre Brasil e Galicia a través da coñecida escritora.

Máis información no web de Ibisa TV

. Amplía a nova>>

25/09/2006
Seis traballos de Chano Piñeiro pechan as proxeccións de “Curtocircuíto na Rúa”

Este xoves 28 remata o ciclo de proxeccións de curtametraxes nas rúas e prazas de Compostela do programa Curtocircuíto. E faino cunha homenaxe ao realizador forcaricense Chano Piñeiro baixo o título “Sempre Chano”. Os seus primeiros traballos “Os paxaros morren no aire” e “Eu, o tolo”, exhibidos no seu momento en circuítos moi independentes e reducidos, forman parte dun cartel no que figuran “Esperanza”, “Mamasunción” e “O camiño das estrelas”.

Consulta o programa neste documento (en pdf) e a nosa ficha sobre Chano Piñeiro

. Amplía a nova>>

25/09/2006
A CRTVG muda a súa imaxe corporativa e presenta un servizo de televisión á carta por Internet

A Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) estrea hoxe nova imaxe corporativa. A imaxe corporativa, que veu precedida dunha gran campaña de publicidade, modificará as cortinas, o logo corporativo do ente audiovisual e a aparencia visual dos programas informativos, que se emitirán desde un plató redeseñado e ampliado. Ademais, a partir deste luns 25 estrearase a nova web da compañía, que se centrará nos contidos dos propios medios públicos e que incluirá un servizo de televisión á carta. Nunha rolda de prensa, o director da Televisión de Galicia, Xesús Iglesias, presentou tamén as novidades da programación, entre as que destacou o reality show cultural “A casa de 1906”, do que afirmou que se comezará a emitir dentro de “dúas ou tres semanas” e que contará, cando menos, cunha emisión en prime-time, varios resumos e presenza en “Luar”.

Web da CRTVG; ficha de "A casa de 1906"

. Amplía a nova>>

22/09/2006
“Un franco, catorce pesetas” e a participación de Luís Tosar compoñen a presenza galega en San Sebastián

Acaba de arrancar en San Sebastián a 54 edición do festival de cine máis prestixioso do Estado. Un evento no que tamén haberá presenza galega repartida entre as salas de proxeccións e as de presentacións. No primeiro caso, o filme coproducido por Adivina “Un franco, 14 pesetas” representa o único filme galego que figura no programa dentro do ciclo Emigración. Ademais, o actor lucense Luís Tosar figura na produción “As vidas de Celia” que compite na sección oficial. Fóra das salas de proxección, asinarase o convenio do “Fondo Raíces” que este ano incorpora a Andalucía e que presentará as producións subvencionadas no 2005 e que as que axudarán nesta edición.

Máis información na fichas de AVG en “Un franco, 14 pesetas”

. Amplía a nova>>

21/09/2006
Adivina estreará un filme sobre a historia do primeiro neno asasino en serie no primeiro trimestre de 2007

“O neno de barro” é o último traballo de Adivina, unha das produtoras máis veterás de Galicia que leva anos curtíndose no mundo da publicidade e do documental. Con esta longametraxe de ficción, que chegará ás carteleiras entre marzo ou abril de 2007, dan un salto cara adiante na súa traxectoria. “O neno de barro” é unha longametraxe de época, cunha produción complexa, rodada en Bos Aires con máis setecentos extras, que conta a historia do primeiro neno asasino en serie. A película, primeira longametraxe de Jorge Algora, está protagonizada por Maribel Verdú, Chete Lera e Daniel Freire. A produtora coruñesa está tamén a producir con Pol-Ka Patagonic e Just Films, "O home de Area", unha longametraxe de José Manuel González Berberl con Hugo Silva e María Valverde. Ademais, teñen en produción media ducia de proxectos de documental ("De cores" e "Trazas" son algúns exemplos) e varias tv-movies (entre as que hai títulos como "Vida de familia" ou "Non me toques")

Máis información no web de Adivina e na súa ficha en AVG

. Amplía a nova>>

20/09/2006
Vídeo Voz apunta un cambio de tendencia ao apostar polas producións cinematográficas

A longametraxe documental “Laboratorio Ñ” e o filme de ficción “De bares” son as últimas producións de Voz Audiovisual. A produtora dependente do grupo de comunicación Voz, que conseguiu unha das concesións de televisión dixital autonómica, inicia un decidido camiño nos traballos para cine. No marco da presentación de “Galicia, terra de cine” os participantes asistiron a unha sesión de rodaxe de “O menos dos males”, un proxecto a que lle seguirán “Catalina” e “Garbo” que están en desenvolvemento.

Máis información nas fichas en AVG das producións: Laboratorio Ñ, O menor dos males, Garbo, De Bares e Catalina

. Amplía a nova>>

19/09/2006
A vindeira edición de Cineuropa será de transición de cara un evento que se achega ao concepto de Festival

A próxima edición de Cineuropa perfílase como máis ambiciosa do que vén sendo habitual. O director do festival, José Luís Losa, confirmou que se manterá fiel aos seus principios (proxección de películas que por problemas de distribución non chegan á carteleira, premio do público e premio especial) pero que se completará para achegarse máis ás características dun festival. Malia que non quixo avanzar nada antes da presentación oficial do programa, si apuntou que será unha edición de transición que apunta a converter Cineuropa nun Festival de Cine. A isto hai que engadir que este ano contará por primeira vez co apoio da Xunta, que lle concedeu 75.000 euros, na primeira concorrencia competitiva de axudas para o desenvolvemento e organización de festivais.

Consulta a entrevista ao Director Xeral de Comunicación Audiovisual, na que falaba da necesidade de buscar un festival de cine de referencia en Culturagalega.org e no web desa Dirección Xeral a listaxe de axudas a festivais

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org