Novas | 3541 a 3550 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

06/10/2006
“O neno de barro” é un dos tres filmes que se beneficiarán do Fondo Raíces no que participa o Consorcio

“Algo farían” de Fernando Nogueira, “O vestido” de Paula de Luque e “O neno de barro” de Jorge Algora son os tres títulos que se beneficiarán de 175.000 euros con cargo ao fondo Raíces, ao que este ano se incorpora a Xunta de Andalucía. Os beneficiarios deste fondo de axuda decidíronse o pasado 22 de setembro no marco do Festival de Cine de San Sebastián ao que asistiron representantes do Consorcio Audiovisual de Galicia, do Instituto Catalá das Industrias Culturais (ICIC), do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais (INCAA) arxentino e da Junta de Andalucía.

Máis información no web do Consorcio Audiovisual

. Amplía a nova>>

06/10/2006
Dygra presenta a súa secuela de “O bosque animado” nun festival de animación madrileño

Hoxe remata en Pozuelo de Alarcon “Animadrid”, un dos festivais de animación máis destacados do país. Ata alí se desprazou un equipo de Dygra entre os que estaba Manolo Gómez e un dos directores, David Rubín, para presentar “O espírito do bosque”. A seguinte produción cinematográfica de Dygra (que tiña prevista a súa estrea no 2006) comparte os mesmos protagonistas co “O bosque animado”, o traballo máis premiado da produtora coruñesa.

Mais información no web de Animadrid e na nosa ficha sobre O bosque animado

. Amplía a nova>>

06/10/2006
TVG estrea platós virtuais e a nova serie “Maridos e mulleres” tivo un 18.7 de share

Hai unhas semanas a Televisión de Galicia estreaba imaxe corporativa. Con ela, os novos platós de informativos acordes co novo estilo. A remodelación dos decorados complétase co, “Estudio 4”, o novo plató virtual que permitirá aforrar custes de produción, almacenamento e tempo, que servirá para programas como “A nosa ciencia” ou “Planeta cine”. Falando de estreas, a cadea autonómica programou onte o primeiro episodio de “Maridos e mulleres” producida por Zenit TV e Continental. Dirixida por Jordi Frades e Gerardo Rodríguez e protagonizada por Dorotea Bárcena, Maxo Barjas, Laura Ponte ou Cristina Pascual tivo na súa estrea un 18.7 de share e foi seguida por 190.000 espectadores.

Máis información no web da CRTVG e na súa ficha en AVG

. Amplía a nova>>

04/10/2006
Dygra asegura que continuar coa rodaxe de “Os mortos van ás présas” poría en perigo a compañía

Manolo Gómez, propietario de Dygra Films, a produtora coruñesa que realizaba a longametraxe “Os mortos van ás presas”, xustificou a súa decisión de paralizar a rodaxe por problemas de financiamento: “o risco de seguir era moi alto e existía case a total seguridade de que non se completaran os dous millóns de euros necesarios para rematar os tres meses de rodaxe”. Segundo Gómez, “os recursos buscáranse e concretáranse, pero non puideron chegar en tempo e hora”. A escasa liquidez orzamentaria levaría, segundo o produtor, a que non encaixaran “os ingresos cos pagamentos que había que facer aos traballadores”. Gómez tamén sinalou que el “non será un obstáculo” para que a película saia adiante.

Máis información en El Correo Gallego e en La Voz de Galicia; ficha de Os mortos van ás présas en AVG

. Amplía a nova>>

04/10/2006
O equipo de “Os mortos van ás présas” non denunciará a Dygra, mentres buscan financiamento para seguir coa produción

Os membros do equipo técnico e artístico de “Os mortos van ás présas” reuníronse onte con membros do Clúster, da Academia do Audiovisual e da Televisión de Galicia para analizar a situación da produción, despois da suspensión por parte da produtora Dygra. Segundo publica hoxe, “La Voz de Galicia” chegaron a tres acordos básicos: non denunciarán á produtora, nomearon un equipo de seis persoas para garantir que se resolvan os asuntos pendentes entre Dygra e cada un dos membros e, por último, continuarán actuando como colectivo. Despois de que o director Ángel de la Cruz pedise moderación nas críticas á produtora coa que fixo, entre outros, “O bosque animado”, agora o equipo está a buscar a continuidade da produción. Por outra banda, Dygra ofrecerá hoxe unha rolda de prensa para explicar os motivos que o levaron á suspensión da rodaxe.

Máis información sobre a suspensión da produción nos nosos arquivos e na ficha da produción

. Amplía a nova>>

04/10/2006
O MACUF presenta nun ciclo os pioneiros da videocreación galega dos anos oitenta

Por todos é ben sabido que os oitenta foron anos de grande efervescencia cultural. No campo da música, das artes escénicas, pero sobre todo no audiovisual. Nesta década comezaron a agromar os primeiros traballos neste campo, en formatos afeccionados, a medio camiño entre o cine e a experimentación desta época. “Ringo, rango” do polifacético Antón Reixa, “Denantes” de Manuel Abad ou “Veneno Puro” de Xabier Villaverde son algúns exemplos da creatividade desta época. Sobre este momento, os autores e baixo o título “Pioneiros da videocreación. Galicia Anos 80”, o Macuf (Museo de Arte Unión Fenosa) estrea hoxe un ciclo que se prolongará ata o 30 de novembro.

Máis información no web do Macuf

. Amplía a nova>>

03/10/2006
O Certame do Liceo Casino de Vilagarcía cumpre 34 edicións ininterrompidas presentando un programa cultural paralelo ás proxeccións

O venres comeza a 34 edición do Certame Audiovisual Internacional Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, a cita máis lonxeva do audiovisual galego. Nesta edición presentáronse a concurso (que reparte máis de 10.000 euros en sete categorías) preto de 372 producións e presenta, como novidade, un programa cultural “En paralelo” que completa as proxeccións audiovisuais e que terán lugar ata o 4 de novembro.

Máis información no web do certame

. Amplía a nova>>

03/10/2006
Daniel Domínguez presenta en Manhein o seu proxecto “Tan pouquiña cousa”

O festival de Mannhein é un dos principais eventos de coprodución e cofinanciamento no mundo, que se celebra na localidade alemá do mesmo nome (esta ano terá lugar do 20 ao 24 de novembro). Entre as producións seleccionadas figura unha galega “Tan pouquiña cousa, un corazón”, dirixida por Daniel Domínguez e producida por Tic Tac Producións. Ademais, segundo figura nunha nota de prensa da Consellaría, “a política de promoción do audiovisual do departamento que dirixe Ánxela Bugallo espertou o interese da dirección do festival, que convidou a Consellaría a explicar no festival as súas iniciativas”.

Mais información no web da Consellaría de Cultura

. Amplía a nova>>

29/09/2006
O equipo técnico e artístico de “Os mortos van ás présas” denunciará a Dygra mentres Manolo Gómez dimite como presidente da Academia

Os profesionais contratados para a produción de “Os mortos van ás présas” denunciarán a Dygra. Así o manifestaban onte, antes e despois da xuntanza que o equipo mantivo co director de Dygra, Manolo Gómez, quen asistiu a Rinlo (Ribadeo) a explicar os motivos da paralización da primeira produción de ficción con imaxe real que desenvolvía a factoría. En Rinlo, Manolo Gómez volveu repetir que a suspensión foi por motivos puramente económicos xa que os cartos “comprometidos non se concretaron”. Ademais, ante a situación, Gómez presentou a súa dimisión como presidente da Academia, cargo que, segundo os estatutos, ocupa pasa a ocupar a ata agora vicepresidenta, María Bouzas.

Mais información sobre a paralización da rodaxe na nosa nova e sobre a dimisión de Manolo Gómez no web da Academia Galega do Audiovisual

. Amplía a nova>>

28/09/2006
A Xunta integra en Cineuropa o premio Chano Piñeiro, dotado con 60.000 euros

Hai unha semanas anunciabamos que esta edición de Cineuropa sería de transición para converterse nun evento máis próximo a un festival de Cine ao uso. O primeiro paso nesta dirección deuna onte o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo cando asinaron un convenio de colaboración para a promoción do patrimonio audiovisual galego. Trátase de integrar no festival Cineuropa o premio Chano Piñeiro, dotado con 60.000 euros, que distinguirá o filme galego máis relevante da sección.

Máis información no web da Xunta e na nosa nova sobre esta edición de Cineuropa

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org