18/10/2006
A animación é o xénero que ten mellores resultados do cine galego
O cine galego non acaba de callar nos espectadores das salas de cine. Entre os preto de vinte millóns recadados por “Mar adentro” (na que participou Filmanova Invest) e o case dous mil quiñentos euros de “Nena” (Xamalu Filmes e a TVG) existe un amplo abano de películas feitas con capital galego e desigual éxito. Segundo publica hoxe “La Voz de Galicia” o cine galego ten dificultades para abrirse oco no mercado, e eses atrancos son menores se a película foi en coprodución cunha empresa foránea. Ademais, o mesmo medio indica que a animación ten máis éxito que as películas de imaxe real.
Máis información en La Voz de Galicia, comproba as cifras de recadación e espectadores na base de datos do Ministerio e na nosa reportaxe sobre a presenza das producións galegas nas carteleiras
.
Amplía a nova>>
18/10/2006
TVG estrea hoxe “A casa de 1906” o primeiro espazo de telerrealidade da televisión pública
“Imaxinas vivir como hai cen anos? Illado da vida moderna?” Deste xeito a Televisión de Galicia publicita “A casa de 1906”, o primeiro espazo de telerrealidade da televisión pública do país que se estrea hoxe (TVG, 21:40 horas). O programa emitirase os mércores, xoves e venres e nel poderemos ver como viven dúas familias cos mesmos medios que en 1906.
Máis información no web do programa e no da CRTVG
.
Amplía a nova>>
17/10/2006
O Festival de Cine de Ourense asinará un convenio de colaboración co Fantasporto portugués
O vindeiro 4 de novembro ten lugar a inauguración da XI Edición do Festival de Cine de Ourense. Unha xornada festiva que o presidente do Consorcio organizador do evento, o actual concelleiro de cultura, José Araújo, aproveitará para asinar un convenio de colaboración con Mario Dominsky, director do “Fantasporto”. Por mor deste acordo, o festival estreitará lazos co país veciño e permitirá que películas que se proxectaron no certame portugués como “O maligno” (dirixida por Tiago Guedes e Frederico Serra) se poida ver en Ourense.
Máis información no web do Festival
.
Amplía a nova>>
17/10/2006
O Teatro Principal acolle a segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes
“En teoría”, “Round 5”, “AB+”, “Proverbio Chino”, “Medianeras”, “Spain”, “Avatar”, “Contratempos” e “Homes de palla” son algúns dos traballos que se poden ver na segunda edición do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto que organiza a Santiago Film Comission, co apoio do concello de Santiago. As proxeccións de hoxe terán lugar noTeatro Principal en dúas sesións (de 20 a 22 horas e de 23 a 01:00 horas). Ademais, na gala inaugural que tivo lugar onte, o traballo "Medianeras" de Gustavo Taretto recibiu o Premio do Público, dotado con 1.500 euros.
Mais información no web de Curtocircuito
.
Amplía a nova>>
16/10/2006
Curtocircuíto arranca en Santiago incorporando ao cartel un Mercado Internacional de Curtametraxes
Coa entrega do Premio do Público ao traballo emitido durante este verán comeza esta tarde en Santiago a semana grande de Curtocircuíto. Falamos do festival de curtametraxes que organiza o Concello de Santiago e no que se exhibirán 95 traballos. Entre as principais novidades desta edición está a creación dun Mercado Internacional de Curtametraxes, co obxectivo de darlles saída aos traballos que se presentan neste evento. Ademais, o audiovisual ten outra cita esta semana, xa que o venres comeza o IV Festival Amal 06 que organiza a Fundación Araguaney. Un ciclo que traerá na sección competitiva producións árabes e doutros países que aborden calquera asunto relacionado con esta cultura. Amal 06 rematará o vindeiro xoves 26 coa entrega de premios ás curtas e documentais que participan na sección competitiva.
Máis información nos webs de Curtocircuítoe Amal
.
Amplía a nova>>
16/10/2006
Os socios da Academia Galega do Audiovisual ratifican a María Bouzas como presidenta
María Bouzas é desde esta fin de semana a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, despois de que os socios a ratificasen no cargo que ocupaba de xeito provisional desde a dimisión de Manolo Gómez. A elección tivo lugar no transcurso dunha asemblea extraordinaria na que ademais da votación, se presentaron as actividades para o 2007. Os premios Mestre Mateo 06, novos temas para Foro Academia Aberta, dinamizar o sitio web e iniciativas como a creación dunha Comisión para a realización de publicacións relacionadas co audiovisual foron algúns dos actos previstos para o vindeiro ano.
Máis información no web da Academia Galega do Audiovisual e nesta nova, a demisión de Manolo Gómez
.
Amplía a nova>>
11/10/2006
A produción galega “De bares” competirá pola Calpurnia no Festival de Cine de Ourense
A cinta producida por Voz Audiovisual e Matriuska “De bares”, dirixida por Mario Iglesias, é a única produción galega a concurso no XII Festival de Cine Independente de Ourense. Un evento que se celebra do 4 ao 11 de novembro e que este ano conta con traballos (longas, curtas e documentais) procedentes de 40 países. O Festival entregará este ano a mesma contía en premios que na última edición (45.500) malia que creou unha categoría nova, a de “Mellor director de documentais”, dotada con 10.000 euros. Entre as novidades desta edición, que viu recortada a súa achega da Xunta de Galicia en 20.000 euros, figura a creación dun ciclo dedicado ao medio ambiente. Luchinio Visconti (no centenario do seu nacemento), Juan Diego (no apartado “Memoria histórica”) e Eligio González (na sección “Cine e Emigración”).
Máis información na nosa hemeroteca sobre a programación desta edición e a creación da categoría de dirección de documentais e no web do Festival de Cine Independente de Ourense
.
Amplía a nova>>
10/10/2006
A Xunta destinará 25 millóns de euros a mellorar a cobertura da TDT
En pleno proceso de substitución da televisión analóxica pola dixital (compre lembrar que o “apagón” tecnolóxico se producirá no 2010) existen aínda moitas zonas de sombra en Galicia. Para eliminalas, a Xunta acaba de destinar unha partida de 25 millóns de euros para o despregamento da infraestruturas de rede para a difusión da TDT de ámbito autonómico e local nos vindeiros tres anos. O obxectivo desta partida é que, a finais do 2010, a cobertura se estenda ao 98% do territorio.
Mais información no web da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual
.
Amplía a nova>>
09/10/2006
As novas tecnoloxías e a animación incorpóranse á cuarta edición de “Audiovisual nas aulas”
Saber que é un plano, unha secuencia, os diferentes tipos de planos, os xéneros audiovisuais e, a partir deste ano, unha páxina web e as ferramentas coas que se fan. Estes son algúns dos obxectivos da cuarta edición de “Audiovisual nas aulas”, o programa promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellaría de Educación que coordina Miguel Anxo Fernández. Entre as novidades deste ano está á iniciación ás novas tecnoloxías, que permitirá a 21 centros crear o seu propio portal web, así como a incorporación de tres volumes de “Os bolechas” de Pepe Carreiro para achegar aos máis pequenos a linguaxe audiovisual. O programa chegará nesta edición a 4.500 alumnos de preto de noventa centros.
Máis información no web do Consorcio Audiovisual de Galicia
.
Amplía a nova>>
09/10/2006
Comeza en Cannes o mercado de televisión e multimedia ao que asisten catro produtoras galegas
Continental Producciones, Isabella Audiovisual, a acabada de crear tdtv.tv Distrivisión e Televisión de Galicia participarán desde hoxe e ata o vindeiro 13 de outubro na edición de outono do MIPCOM de Cannes, un dos mercados televisivos e contidos multimedia máis destacado de Europa. As produtoras ofrecerán os seus produtos de maneira conxunta no espazo facilitado polo Consorcio Audiovisual. Ademais, a Universidade de A Coruña tamén asistirá para continuar coa promoción internacional, xa iniciada no MIPTV, do seu postgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais.
Máis información no do MIPCOM e no web do Consorcio
.
Amplía a nova>>