Novas | 3511 a 3520 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

02/11/2006
O Cineclube Padre Feijoo denuncia deficiencias no salón que complican o mantemento das súas actividades

Naceu nos anos setenta na Escola de Maxisterio de Ourense, foi un dos revulsivos culturais desta cidade durante décadas e hoxe pasa por horas baixas. Falamos do Cineclube Padre Feijoo cuxo responsable, Henrique Torreiro, explica en “Galicia hoxe” as dificultades que ten esta entidade para a súa continuidade. Segundo explica Torreiro no citado xornal, as malas condicións do espazo do que dispón na Casa de Cultura de Ourense así como a falta dun proxector dificulta o mantemento da súa programación. En todo caso, tanto o concello de Ourense como a Consellaría de Cultura apuntaron o seu interese por paliar as deficiencias denunciadas.

Máis información en Consorcio Audiovisual

. Amplía a nova>>

02/11/2006
O Consorcio Audiovisual organiza en Santiago o II Encontro sobre Educación Audiovisual

Por segundo ano consecutivo, o Consorcio Audiovisual de Galicia organiza un encontro para incidir na necesidade de ofrecer claves e información para facer correctas lecturas dos produtos audiovisuais. Co título “Enredados nas pantallas”, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá este II Encontro os vindeiros 4, 5 e 6 de decembro. O prazo de inscrición para poder asistir ao evento que reunirá a varios expertos na materia, nacionais e internacionais, está aberto ata o 26 de novembro.

Máis información no web do Consorcio Audiovisual de Galicia

. Amplía a nova>>

02/11/2006
Cineuropa arrinca cun concerto e coa entrega do premio ao compositor de bandas sonoras Stephen Warbeck

A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto moi especial no que interpretará fragmentos de bandas sonoras como “Amadeus” ou “Morte en Venecia”. Trátase dunha das citas do seu programa de abono e da actividade inaugural de “Cineuropa”. No concerto premiarase a Stephen Warbeck, autor da música de películas como "Billy Elliot" ou "Shakespeare in Love". Ademais da entrega do premio do festival ao kurdo Bahman Ghobadi o vindeiro venres, Cineuropa celebrará a vixésima edición coa proxección de 120 películas (das que 50 serán estreas) repartidas entre o Salón Teatro, a Sala Yago, a Fundación Caixa Galicia e o auditorio do CGAC, en Santiago.

Máis información no web de Cineuropa e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

27/10/2006
Ourense abre e pecha o seu festival con producións con participación galega

Entre “Miah Sarah” (produción de Fílmax) e “As vidas de Celia” (protagonizada por Luís Tosar) hai sete días de cine en Ourense. Falamos do festival de cine que presentou hoxe o seu programa definitivo no que da a coñecer todos os títulos participantes, entre os que destaca na sección competitiva de longametraxes “De bares”, a coprodución do Grupo Voz e Matriuska e ópera prima de Mario García. Nestes días pasaranse por Ourense, destacados actores e realizadores como Emilio Guitérrez Caba (premio do Concello) ou Juan Diego (a quen se lle dedica o ciclo “Memoria histórica”). Entre o amplo programa de actividades figura a presentación de proxectos de produtoras como Adivina e unha xornada informativa para produtoras nas que membros do Instituto da Cinematografía e Artes Visuais (ICAA) e a Xunta explicarán as liñas de axudas actuais e futuras para o sector.

Mais información no Festival de Cine de Ourense no seu web e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

27/10/2006
Retegal e Abertis chegan a un acordo polo que o sinal de televisión dixital de TVE chegará ao 98% dos galegos

O 3 de abril de 2010 desaparecerán as emisións en analóxico. Por iso, as empresas encargadas de fornecer de sinal dixital están a traballar para poder ofrecer a máxima cobertura para esa data. Así se pode entender o acordo que asinaron onte os directivos de Retegal (empresa pública encargada da xestión das infraestructuras e servicios de telecomunicación) e Abertis (corporación privada) que permitirá que o 98% da superficie galega poidan recibir o sinal dixital de Televisión Española antes do 2010. Coa infraestrutura preparada, poderá ter lugar a entrada e desenvolvemento das televisións privadas de carácter estatal no noso país.

Máis información no web da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual

. Amplía a nova>>

27/10/2006
“As fillas de Mohamed” faise co premio ao mellor filme nesta edición de Amal

Tal e como era previsible “As fillas de Amal” converteuse na vencedora da última edición do Festival Amal 06. A cinta de Silvia Munt recibiu os premios a mellor longametraxe e o seu protagonista, Abdelhamid Krim o de mellor actor. Ademais, “Palestine Blues” que analiza a resistencia existente contra o muro da seguridade israelí levou o premio a mellor documental. O recoñecemento a mellor guión foi para Emma Tussell con “A habitación de Elías” cuxa protagonista, Ana Cuerdo, levaba o de mellor actriz. O último premio do xurado foi para a curtametraxe “Hiyab” de Xavi Sala, mentres que o público premio “César e Caín” o filme de Larry Levene. Coa entrega de premios pecha esta edición dun festival que pasa a ter unha periodicidade bianual.

Máis información no web do Festival e no noso tema . Amplía a nova>>

27/10/2006
As producións audiovisuais de animación e videoconsolas chegan ao MARCO no ArtFutura

A visualización atractiva e dinámica de datos centra a XVII edición de ArtFutura, o festival de creación dixital e novos medios que arrincou onte en varias cidades españolas, entre as que destaca Vigo (no MARCO, o museo de arte contemporánea da cidade). “One Rat Short, o filme gañador da cita máis importante de animación 3D (o Siggraph) ou “Brush” de Lei Chen son algúns dos títulos dos traballos de animación e videoxogos que se presentan nesta ocasión. Mentres, en Pontevedra ten lugar o encontro "Artech 2006", a conferencia luso-galaica de arte dixital que pretende proporcionar un foro para artistas dixitais na creación, comprensión e apreciación destas novas formas.

Máis información en Galicia Hoxe, no MARCO e en ArtFutura. Descarga aquí o programa (en pdf)

. Amplía a nova>>

27/10/2006
Cineuropa empezará premiando ao compositor Stephen Warbeck e Ourense pechará con “As vidas de Celia”

Os festivais de cine máis importantes de Galicia, o de Ourense e Cineuropa en Santiago veñen de presentan os seus programas. Cineuropa comezará o vindeiro xoves 2 entregando no Teatro Principal un dos seus premios, pola súa traxectoria, ao compositor británico Steven Warbeck (“Billy Elliot”, “Shakespeare in love”). A entrega terá lugar no transcurso dunha gala na que a Real Filharmonía de Galicia interpretará música en directo.Por diante haberá un mes no que se proxectarán filmes de Kaurismaki, Pollack, Soderberg ou Claude Chabrol. Mentres, o de Ourense daba a coñecer o seu programa definitivo, no que destaca a produción “As vidas de Celia”, protagonizada por Luís Tosar e Najwa Nimri, que pechará o programa.

Máis información sobre Cineuropa en Compostelacultura.org, La Voz de Galicia, El Correo Gallego e na nosa hemeroteca e sobre o Festival de Cine de Ourense no seu web e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

25/10/2006
Os actores presentan o seu catálogo nunhas xornadas que analizarán os proxectos futuros do cine e da televisión

A Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galicia (AADTEG) é unha entidade nacida para promover aos seus membros, por iso, entre os seus cometidos organiza un catálogo de actrices e actores para que teñan a maior distribución e repercusión posible así como tamén organizan xornadas para analizar a súa situación. Precisamente estes dous aspectos terán lugar nos encontros que se celebrarán o venres 27 e o sábado 28 na sede do Consello da Cultura Galega. No transcurso desta xornadas analizarase o futuro próximo no cine e na televisión galega e presentarán a nova edición do catálogo da AADTEG.

Máis información no web da AADTEG

. Amplía a nova>>

25/10/2006
A Fundación Caixa Galicia organiza un ciclo de cine que ten os hoteis como nexo

“Toc, toc...Avanti!” é un dos diálogos máis populares da historia do cine. Foi pronunciada por Jack Lemon e Juliet Mills na película de Billy Wilder “Que pasou entre teu pai e miña nai?”. Pero é tamén o título do último ciclo de cine que organiza a Fundación Caixa Galicia que ten o hoteis como nexo de unión. O ciclo conta cos seguintes títulos “State and main” de David Mamet , “Lost in traslation” de Sofía Coppola , “O hotel dos líos” de 1938 de William A. Seiter, “Caio longo” de John Huston, “Morte en Venecia” de Luchino Visconti, “California suite” de Herbert Ross, “Ninotchka” de Ernst Lubitsch e “León, o profesional” de Luc Besson. Os títulos rotarán nas sedes que a Fundación Caixa Galicia ten nas distintas localidades galegas.

Máis información no web da Fundación Caixa Galicia

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org