Novas | 3501 a 3510 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

09/11/2006
Festival de Cine de Ourense estrea hoxe a súa sección dedicada ao cine e ao medio ambiente

“How soon is now?” é, baixo o seu título en inglés, unha longametraxe documental galega codirixida por Ruth Chao e Javier Silva. Pero tamén é o traballo que inaugura o ciclo “Ourensáns”, co que o Festival de Cine de Ourense crea un espazo dedicado ás producións audiovisuais que se centran no medio ambiente. Dentro deste ciclo proxectaranse outros traballos galegos como “Mar de lira” de Tania Estevez ou “Trawnco. Reunidos xunto á auga” de Mario Tondato.

Máis información no web do Festival

. Amplía a nova>>

08/11/2006
Ourense e Italia inician os contactos para crear bolsas de intercambio entre ambos países

A Fondazione La Colombaia de Luchino Visconti e o Festival de Cine de Ourense traballan xuntas da man para que poidan existir bolsas de intercambio entre estudantes, así como unha colaboración entre profesionais de ambos países. Son os primeiros pasos do preacordo que asinaron onte na cidade das Burgas os directores de ambas entidades. Ourense dedica a Visconti un dos ciclo de homenaxe da súa programación, motivo polo que están en Galicia os responsables da fundación que promove legado do cineasta.

Mais información no web do festival

. Amplía a nova>>

08/11/2006
O Clúster do Audiovisual organiza catro xornadas para analizar os retos da revolución dixital

As novas tecnoloxías supoñen un desafío para o sector audiovisual. Por iso, o Clúster acaba de organizar o “Foro Multiplataforma: a converxencia das producións dixitais” para atender a catro aspectos diferentes da revolución dixital. Un feito que se traduce en catro xornadas: “Contidos audiovisuais para a rede” (9 novembro, Ourense), “Contidos para TDT” (20 novembro, Lugo), “Servizos para móbiles” (4 decembro, Santiago) e “Lecer Interactivo” (11 decembro, Pontevedra).

Máis información en Clúster Audiovisual

. Amplía a nova>>

08/11/2006
O Festival de Cine de Ourense homenaxea ao documentalista Elixio González

Elixio González (Entrimo, Ourense, 1899- Bos Aires 1972) non foi exactamente un realizador, senón máis ben un documentalista que se achegou coa súa cámara de 16 mm dun xeito case xornalístico, á vida da colectividade galega en Bos Aires. Todo este traballo quedou filmado e, polo tanto, o seu nome ten un lugar importante na historia do noso audiovisual. Por todo isto, é a personalidade homenaxeada este ano no ciclo “Cine e emigración” do Festival de Cine de Ourense cunha serie de proxeccións do seu traballo e a súa figura e a edición dun libro.

Mais información no web do festival

. Amplía a nova>>

07/11/2006
O Festival de Cine homenaxea hoxe a Luchino Visconti no centenario do seu nacemento

Malia que desenvolveu un intenso labor teatral, Luchino Visconti (1906-1976) é moito máis coñecido polo seu traballo cinematográfico. Precisamente sobre esta faceta e aproveitando que se cumpren cen anos do seu nacemento, o Festival de Cine de Ourense réndelle unha homenaxe. Para iso, hoxe estará na cidade das Burgas Baniele Morgera, director da Fondazione La Colombaia que preserva o legado do cineasta. No ciclo dedicado na súa memoria proxectaranse algúns dos títulos máis coñecidos “O Gatopardo”, “Morte en Venecia”, “Belísima” ou “Rocco e os seus irmáns”.

Consulta a programación no web do Festival

. Amplía a nova>>

06/11/2006
Ourense acolle a segunda xornada do Festival de cine concedéndolle o premio “Cine en feminino” a Lola Dueñas

Gaia Adducchio, directora de "Sunday afternoon", Ozo Perozo director de "Baseado en feitos...que puideron ter acontecido", Carlos Lapeña, director de "Tolerancia cero", Erik Probanza, actor de "Correntes circulares" e Javier Aparisi, director de "Nati" estarán esta mañá en Ourense dentro dos habituais “Encontros co público” na segunda sesión do Festival de Cine. Ademais, hoxe teñen lugar as inauguracións das V Xornadas Audiovisuais e do ciclo “Cine en feminino” no que se lle entregará o premio á actriz Lola Dueñas.

Mais información no web do festival

. Amplía a nova>>

06/11/2006
A Secretaría Xeral de Comunicación anuncia a creación dun portal do Audiovisual de Galicia

Un espazo na rede no que os escolares, estudantes das facultades de comunicación, das escolas de FP e todos aqueles interesados poidan subir o seu traballo. Este é o obxectivo do portal “Audiovisual de Galicia” que acaba de anunciar o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias. O proxecto, que estará dispoñible en breve, ofrecerá servizos como buscadores, almacenamento para descargar en “streaming” os seus traballos e unha presenza continuada na rede. O anuncio tivo lugar na presentación das cornadas sobre a mocidade en internet, "Enredad@s" que celebrará o Consello da Xunventude de Galicia entre o 16 e 18 de novembro en Santiago.

Máis información no web do Consello da Xuventude

. Amplía a nova>>

03/11/2006
Os realizadores Jorge Saavedra e Jairo Iglesias presentan as súas últimas curtametraxes

“Sen chumbo” é o título da curtametraxe dirixida por Jorge Saavedra e Julio López que se estreará o día 22 de novembro no Auditorio da Fundación Caixa Galicia en Santiago. O traballo protagonizado por Cristina Castaño, Isabel Nabeira e Xulio Abonjo pretende explorar o momento no que un grupo de persoas de diferente clase social descubre algo sobre si mesmo e no que queren converterse de cara o futuro. Doutra banda, o realizador santiagués, Jairo Iglesias, acaba de presentar en Pontevedra o seu segundo traballo “Cicatrices” mentres ultima o terceiro “Rosa dos Ventos” que foi rodado integramente en galego.

Mais información no web de Jairo Iglesias

. Amplía a nova>>

03/11/2006
Ourense integrarase na rede nacional que definirá as características dun festival

Mañá comeza en Ourense a XI edición do Festival de Cine. Faino coa proxección da película de Fílmax “Miah Sarah” e coa entrega do premio Concello de Ourense a Emilio Gutiérrez Caba. Pero entre as actividades paralelas que acompañan ao programa desta edición destaca a xuntanza da rede nacional de festivais, unha entidade que se constituirá nos próximos meses e que xorde coa vocación de definir qué é un festival de cine e que o diferencia dunha mostra, xornada ou encontro audiovisual.

Máis información na nosa hemeroteca sobre o Festival de Cine de Ourense

. Amplía a nova>>

02/11/2006
Pontevedra acolle un cásting de actores para a segunda película de Mario Iglesias

Despois da boa acollida de “De bares” na Seminci de Valladolid (aínda pendente do que acontece nos festivais de Montpellier e Ourense), o realizador pontevedrés Mario Iglesias xa ten os ollos postos en “Catalina”. É o título da súa segunda longametraxe que comezará a rodar o vindeiro sete de novembro en Pontevedra. De feito, hoxe e mañá a produtora realiza un cásting na facultade de belas Artes de Pontevedra (entre as 9:00 e as 21:00horas) para buscar actores que participen na película e que compartirán espazo con Celso Bugallo, Nancho Novo e Emma Álvarez.

Máis información na ficha de Catalina

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org