06/02/2007
Un ciclo de cine abre o Mes da Astronomía en Pontevedra
Comezou sendo unha semana pero agora é xa todo un mes. O período destinado á astronomía que organiza a Asociación Astronómica Rías Baixas e a Fundación Caixa Galicia empeza esta semana cun ciclo de cine. “Contact” de Robert Zemmechis, “Apolo XIII”, “2001, unha odisea no espazo” e “Deep Impact” son algúns dos títulos que se proxectarán esta semana para ambientar este ciclo. As actividades presentaranse no edificio Café Moderno a partir das 20:00 horas da tarde e a entrada é de balde.
Máis información no web da Asociación Astronómica Rías Baixas
.
Amplía a nova>>
06/02/2007
Cinco realizadores galegos asistirán a unha xuntanza da SGAE para analizar o borrador da Lei do Cine
A Sociedade Xeral de Autores (SGAE) acaba de convocar unha xuntanza para os vindeiros 13 e 14 de febreiro co obxectivo de debater sobre o borrador da Lei do Cine. A este encontro asistirán os realizadores galegos Jorge Coira, Rivadulla Cortón, Ignacio Vilar, Xosé Cermeño e Ángel de la Cruz. Ademais, a SGAE ten previsto aproveitar o encontro para analizar tamén as posibilidades de distribución no eido dixital arredor da Lei de Propiedade Intelectual.
Máis información no web da SGAE
.
Amplía a nova>>
06/02/2007
A TVG emitirá en todas as súas canles os concertos da Orquestra Sinfónica
Javier Losada, presidente do Consorcio para a Promoción da Música do que depende a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG), e Benigno Sánchez, director xeral da CRTVG, asinaron onte un acordo que une música e imaxes. En virtude deste convenio, A Galega gravará os concertos da OSG co obxectivo de emitilos no programa cultural “Sempre clásica” (os domingos pola mañá), ademais de poder difundilos a través das canles de televisión que ten para Europa e Latinoamérica.
Máis información en La Opinión e no web da Orquestra Sinfónica
.
Amplía a nova>>
05/02/2007
O Consorcio e a Universidade da Coruña organizan unha xornada para ensinar a vender produtos audiovisuais
Os vindeiros 23 e 24 de febreiro mais o 13 e 14 de abril todos aqueles que estean interesados en coñecer as claves de cómo se vende un produto audiovisual teñen unha cita na Coruña. É onde se produce unha das xornadas organizadas polo Consorcio Audiovisual e o CICA (Curso de Posgrao de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais), coñecidas na xerga profesional como "Pitching" e teñen un carácter eminentemente práctico.
Máis información no web da Academia Galega do Audiovisual. Amplía a nova>>
02/02/2007
Ciudadano Frame presentará conxuntamente en maio os seus últimos traballos
“Grazas”, “Non é boa idea” e “A carreira” son os títulos dos tres traballos que ultima a produtora “Ciudadano Frame”. Tres curtametraxes que segundo declarou o produtor Carlos Taboada a “La Voz de Galicia” se estrearán de forma conxunta a partir do vindeiro mes de maio. “Grazas”, dirixida por Jorge Dorado, foi rodada en Santiago;“Non é boa idea” contou coa dirección de Hugo Sanz mentres que “A carreira” gravouse en Arxentina.
Máis información en La Voz de Galicia e na ficha de “Ciudadano Frame”
.
Amplía a nova>>
02/02/2007
O Clúster Audiovisual Galego explica o seu modelo de traballo en Valencia
A Cidade da Luz de Alacante acolleu onte unha xuntanza do Clúster Audiovisual Galego con numerosos empresarios valencianos. O obxectivo era que o presidente do Clúster, Antón Reixa, explicara o seu traballo e funcionamento así como as súas liñas de acción. Un modelo que os valencianos pretenden mimetizar agora que están a desenvolver do seu futuro clúster.
Máis información no web do Clúster
.
Amplía a nova>>
01/02/2007
Audiovisual, literatura e arte serven de mostra da cultura galega en Berlín
As longametraxes Mia Sarah, De Profundis, os documentais sobre memoria histórica Memorial de Camposancos e sobre o cambio climático 2050: How soon is now?, así como unha escolma da produción audiovisual recente, conforman a representación da cultura galega en Berlín. Unha actividade organizada pola Consellaría de Cultura e que inclúe, ademais das proxeccións (2, 9, 16 e 23 de febreiro), unha conferencia de Manuel Rivas centrada na relevancia dos movementos sociais a prol do medio ambiente, en especial da plataforma Nunca Máis, creada trala marea negra do Prestige e a exposición comisariada polo director do CGAC "Destino:Santiago" que chega despois de exhibise no Instituto Cervantes de Sofía.
Máis información na ficha de Consellaría de Cultura. Amplía a nova>>
30/01/2007
Fílmax reclama apoio da administración para competir no mercado mundial da animación
O Goya conseguido pola mellor longametraxe de animación por “Pérez, o ratiño dos teus soños” serviu para que a delegación galega de Fílmax, capitaneada por Xosé Manuel Barreira, reclamase un maior apoio institucional. Barreira lembrou o complexo panorama internacional da animación e a necesidade do apoio da Xunta para poder levar a cabo os seus proxectos ante a “desigualdade de condicións”. Ademais, segundo os datos de Nielsen EDI, este filme acadou preto de 560.000 espectadores nas seis semanas que leva en carteleira.
Máis información na ficha de Pérez, o ratiño dos teus soños e sobre as peticións de Xosé Manuel Barreira en Galicia Hoxe
.
Amplía a nova>>
30/01/2007
O Consello Galego de Cooperativas convoca un concurso de curtametraxes
As características da linguaxe audiovisual como medio de comunicación son o principal argumento esgrimido polo Consello Galego de Cooperativas para convocar o concurso de curtametraxes “Cooperación XXI”. Poden concorrer persoas físicas ou xurídicas domiciliadas en Galicia que presenten curtas nas que se dean a coñecer os pricipios e valores da fórmula cooperativa. O gañador recibirá un premio de 5.000 euros e haberá dous accésits dotados con 2.000 euros cada un.
Mais información no DOG
.
Amplía a nova>>
29/01/2007
O CGAC analiza nun ciclo as relacións entre os videoclips e as series televisivas
Entre “Bohemian Rapsody” de Queen, considerado o primeiro videoclip da historia e hoxe, hai polo medio máis de vinte e cinco anos de xéneros e formatos audiovisuais. As relacións e os puntos de conexión entre os videoclips e as series de televisión son o obxecto de estudo do novo ciclo, Videoclisión, que organiza ata o 15 de febreiro do Centro Galego de Arte Contemporánea.
Máis información na canle do CGAC en El Correo Gallego
.
Amplía a nova>>