Novas | 3331 a 3340 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

14/05/2007
Continental Games e Alía 3D presentan un videoxogo producido integramente en Galicia

“E.L.E. Evento ligado á extinción” é un videoxogo que adopta o formato coñecido como “First Person Shooter”, é dicir, xogos de acción en primeira persoa. Pero, ademais, é un produto pensado en tres bloques, cuxa primeira entrega se presentou no Cultur.gal, a feira do libro e da Industria Cultural de Pontevedra. Ademais, conta coa particularidade de ser un traballo feito integramente no país grazas ao equipo formado por Continental Games (a división de videoxogos da produtora Continental Produciones) e Alía 3D.

Máis información en Galicia Hoxe

. Amplía a nova>>

14/05/2007
A Coruña acolle a estrea de “A muller invisible” e “O neno de barro”

Despois da estrea de “Hotel Tívoli” a segunda longametraxe de Antón Reixa, dúas producións galegas están a piques de chegar ás carteleiras. Dunha banda, “O neno de barro” a produción de Adivina que chegará este venres ás carteleiras galegas con catro copias, das que tres estarán en galego. Da outra, “A muller invisible” (Continental e Tornasol) prevista para o 25 de maio. Os cines Fílmax da Coruña acollerán a preestrea destas producións esta semana, o mércores a de “A muller invisible” e o xoves a de “O neno de barro”.

Máis información en AVG sobre “A muller invisible” e ”O neno de barro”

. Amplía a nova>>

14/05/2007
Os representantes dos clústeres audiovisuales deciden en Santiago crear unha rede de traballo conxunta

Unión de unións. Isto é o que veñen de anunciar os representantes dos oito clústeres (agrupacións de empresas) do sector audiovisual que existen en todo o Estado. A rede destas sociedades permitirá desenvolver proxectos conxuntos e estimular a creación audiovisual. O acordo tivo lugar na xuntanza que o clúster galego organizou esta fin de semana en colaboración coa Consellaría de Innovación e Industria e Caixa Galicia.

Máis información no web do Clúster Audiovisual Galego e en La Voz de Galicia

. Amplía a nova>>

14/05/2007
Morre en Muxía Ramón Caamaño, o fotógrafo da Costa da Morte

Kodak en man, dedicouse a inmortalizar todo o que aconteceu na Costa da Morte ao longo do século XX. Ramón Caamaño, un dos valores consagrados da fotografía galega, morreu este domingo aos 98 anos de idade. Chegou á fotografía da man de Ruth Matilde Anderson, fotógrafa da National Geographic Society que chegou a esta vila a comezos de século, e de Ksado, outro dos piares da fotografía galega. Coa súa cámara retratou as feiras da zona ademais de tirar numerosos retratos para os familiares que vivían na emigración. Caamaño tamén introduciu o cine en moitas vilas da Costa da Morte, realizando funcións itinerantes polas noites. O seu funeral tivo lugar esta tarde no santuario da Barca, ao que acudía todos os anos na tradicional romaría e foi enterrado en Muxía, localidade que tantas veces retratou.

Máis informacións obre Ramón Caamaño nos nosos arquivos

. Amplía a nova>>

11/05/2007
O Centro Cívico de Teis celebra o Día das Letras Galegas cun ciclo de cine do país

Con “Trece badaladas” o Centro Cívico de Teis acolle unha nova sesión do ciclo que pretende celebrar o Día das Letras Galegas. As proxeccións, que se celebran todos os venres ás 20:00 horas do auditorio, comezou o pasado venres con “O lápis do carpinteiro”. A seguinte sesión será o 18 de maio coa proxección de “O cid, a lenda” (ás 18:00 horas por ser para os máis pequenos) e remata o 25 de maio co filme “A lingua das bolboretas”.

Máis información en La Voz de Galicia

. Amplía a nova>>

10/05/2007
“Un franco, 14 pesetas” vence na quinta edición dos Mestre Mateo

Os prognósticos non fallaron e “Un franco, 14 pesetas” foi a gran gañadora da noite do audiovisual galego na que se entregaron os Mestre Mateo. A ópera prima de Carlos Iglesias foi a gran vencedora ao facerse cos galardóns de mellor longametraxe, dirección de produción, maquillaxe, guión, actriz principal e mellor dirección. Este último compartido con “De profundis” a outra vencedora da noite con catro estatuíñas. “De bares” obtivo dúas, a de montaxe e actriz de reparto, mentres que a Academia recoñeceu “A casa de 1906”, o primeiro espazo de telerrealidade galego, como mellor programa de televisión e mellor vestiario.

Máis información no web da Academia Galega do Audiovisual, en La Voz de Galicia, El Correo Gallego. Consulta as fichas de De Bares, De Profundis, Mía Sarah, Un franco, 14 pesetas, A casa de 1906 en AVG

. Amplía a nova>>

08/05/2007
Borja Cobeaga e Nacho Vigalondo imparten un obradoiro para ensinar a facer curtametraxes

Comparten o mérito de ser candidatos ao Óscar á mellor curtametraxe, por iso, Borja Cobeaga e Nacho Vigalondo poden achegar moito da súa experiencia ao obradoiro “Como se fai unhacurtametraxe” que organiza o Consorcio Audiovisual. Un taller que dura ata o vindeiro 11 de maio e que ofrecerá o xoves (ás 20:15 horas na facultade de Ciencias da Comunicación) unha xornada libre na que se poderán ver os traballos destes experimentados realizadores.

Máis información no web do Consorcio

. Amplía a nova>>

08/05/2007
A Academia escolle as mellores producións do audiovisual galego que se entregarán mañá na Coruña

“Un franco, 14 pesetas” con 15 candidaturas é a gran favorita para os premios Mestre Mateo que se entregarán mañá no Teatro Colón da Coruña. O pasado 14 de marzo rematou o prazo para que os membros da Academia Galega do Audiovisual votasen as producións favoritas nunha edición á que se presentaron 125 traballos de 63 produtoras. A gala de entrega estará na que se repartirán as 25 estatuíñas estará presentada por Manuel Manquiña e Morris.

Máis información no web da Academia Galega do Audiovisual. Consulta as fichas de De Bares, De Profundis, Mía Sarah, Un franco, 14 pesetas, A casa de 1906 en AVG, consulta o pdf cós candidatos

. Amplía a nova>>

08/05/2007
A arquitectura e a informática aplicada ao patrimonio centran a vindeira edición de Mundos Dixitais

A cita anual de Mundos Dixitais (A Coruña, do 3 ao 7 de xullo) céntrase esta edición na arquitectura e na informática gráfica aplicada ao patrimonio. Dous ciclos de conferencias abordarán tanto a creación de mundos virtuais como o ámbito da infografía aplicada á reconstrucción virtual, estudo, catalogación e difusión do patrimonio histórico. Ademais, Filmax aproveitará a cita para dar a coñecer “Nocturna” a súa última produción que se está a elaborar nos estudios que a empresa ten en Santiago.

Máis información no web de Mundos dixitais e na nosa hemeroteca e na ficha da produción Nocturna

. Amplía a nova>>

07/05/2007
Tristán Ulloa inaugurará a nova sección do cuarto Festival de Cans que dá o salto á longametraxe

Entre o 24 e o 26 de maio a localidade de Cans desenvolve unha nova edición do Festival de Cans de Porriño. Este ano o festival de curtametraxes incorpora ata 26 curtametraxes e, por primeira vez, dúas longametraxes. Entre as novidades destaca “Can Parade”, un espazo dedicado aos creadores emerxentes no ámbito local que se encarga de inaugurar o actor e director Tristán Ulloa.

Máis información no web do Festival e na nosa hemeroteca

. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org