03/02/2009
Galicia é cinematografía convidada no Fantasporto
O Fasntasporto, o festival de cine fantástico de Porto, é unha cita habitual para as producións do país. Pero este ano (do 20 ao 28 de febreiro) a súa presenza vai ser máis destacada xa que o audiovisual galego foi escollido como cinematografía convidada. Seis longametraxes e dez curtas realizadas nos dous últimos anos conforman a escolma galega elaborada pola Axencia Audiovisual Galega e o Festival de Cine Independente de Ourense. Candas as proxeccións, haberá actividades paralelas que van desde mesas redondas sobre o audiovisual galego-portugués, o papel das coproducións e os festivais na promoción do cinema para o gran público. .
Amplía a nova>>
03/02/2009
Fílmax presenta un portal de distribución de contidos audiovisuais
A industria audiovisual está a presentar medidas para combater a piratería. Ademais de promover iniciativas lexislativas para que se cualifique como delito o intercambio de arquivos, diversas produtoras entran no negocio da distribución en liña. A última en facelo foi Fílmax. A empresa de Julio Fernández afincada en Barcelona acaba de presentar Yodecido.com. Un portal que achega máis de 700 películas, 3 millóns de cancións con prezos a partir de 0.69 euros por música, 1.95 por película se é alugueiro e 4.95 se é compra. Ademais, o portal conta con Camerino, unha rede social para que os usuarios poidan comentar, valorar e compartir opinións sobre as producións..
Amplía a nova>>
03/02/2009
Falece o actor Atilano Franco
O protagonista de
Cartas italianas, o actor marinense Atilano Franco, falecía onte nesta vila aos 52 anos de idade. Franco traballara xa noutras dúas producións de Mario Iglesias, coma a coñecida
De bares e mais
Catalina. O tanatorio de Marín acolle a capela ardente, e a incineración desenvolverase no cemiterio desta vila ás cinco e media da tarde..
Amplía a nova>>
03/02/2009
Audiovisual nas Aulas
Naceu como un programa experimental para educar aos rapaces no consumo audiovisual. Nos cinco anos que
Audiovisual nas Aulas leva en marcha xa participaron 265 centros con 8.225 alumnos. Deses 4.800 asistiron a proxeccións de cinema galego, 1.320 aos obradoiros de animación e 1.680 alumnos aos de televisión. Este ano, aos módulos anteriores (animación, televisión…) engádeselle un novo: o de dobraxe e lingua. O coordinador desta iniciativa, Miguel Anxo Fernández, afirma que o que “naceu como un plan experimental serviu para extraer conclusións para introducir no currículo escolar materias de audiovisual”. .
Amplía a nova>>
03/02/2009
Os partidos políticos explicarán nunha xornada as súas propostas para o sector audiovisual
A política marcou a situación do sector audiovisual galego na presente lexislatura. O reparto de competencias entre os dous partidos de goberno condicionou o desenvolvemento da industria ata tal punto que o sector chegou a reunirse co presidente, Emilio Pérez Touriño, para pedir que mediase no conflito. Por ese motivo, a Academia Galega do Audiovisual convidou a representantes dos tres partidos políticos con presenza no Parlamento (PP, PSOE e BNG) para que expliquen as súas visións e propostas para o sector. .
Amplía a nova>>
02/02/2009
Goya non fala galego
As cifras situan o sector audiovisual galego como o terceiro no conxunto do Estado pero esta importancia non se trasladou aos Premio Goya, que galardonan as producións máis destacadas do 2008. A participación de Perro Verde Films no filme ecoloxista
O lince perdido sintentiza a presenza galega nesta ocasión. Nin Jose Ángel Egido, nin Martín Rivas, nin a película de José Luís Cuerda (rodada en Galicia e con cartos galegos) auparon a presenza galega na 23ª edición duns premios nos que
Camiño foi a gran vencedora..
Amplía a nova>>
30/01/2009
O Foro do Audiovisual revisa e amplía o Dicionario do cine en Galicia
“É a nosa historia cinematográfica con nomes propios” afirmou Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, na presentación do
Dicionario do cine en Galicia 1896-2008. Unha reedición revisada e ampliada da obra editada polo CGAI no 2001 baixo a coordinación de José Luís Cabo e Miguel Anxo Fernández. Este último apuntou na presentación que a publicación conta con 400 voces entre actores (a súa inclusión é a principal novidade), técnicos, directores e cineclubismo, sempre relacionado co 35 milímetros. “Non hai curtametraxistas porque pensamos que pode ser un volume á parte” anunciou Miguel Anxo Fernández. Ademais, o dicionario incide no papel da CRTVG como centro no que iniciaron a súa carreira boa parte dos autores recollidos no texto. A publicación está editada polo Foro Galego do Audiovisual, formado pola Fundación Caixa Galicia e o CGAI..
Amplía a nova>>
27/01/2009
A Plataforma pola Normalización Lingüística do Grove inicia a campaña Xabaindulto
"O Xabarín foi un importante medio de comunicación da lingua do país", aseguran os promotores da campaña
Xabaindulto, "e non se pode ter condenado á programación en horario alleo ao seu público normal". A Plataforma pola Normalización Lingüística do Grove denuncian que o emblemático programa infantil da TVG, Xabarín Club, emítese só en horario matinal, impedindo que unha boa parte da audiencia potencial do programa non poida velo. A plataforma, integrada polos Equipos de Normalización dos centros de ensino do Grove, o Servizo de Normalización e a Concellería de Normalización deste concello, xa aprobou una moción no Pleno local e conseguiu o apoio de Anxo Quintana, Vicepresidente da Xunta e Teresa Táboas, Conselleira de Vivenda e Solo. A campaña continuará pedido apoios noutros puntos de Galicia e a máis institucións. .
Amplía a nova>>
27/01/2009
A actualidade do pop e o rock consegue un espazo na TVG co novo programa Banda Curta
A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “Banda Curta”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , dirixido por Alfonso pato e presentado por Luis Pardo, gravarase na sala Lp 45 de Ordes. “Banda Curta” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Para o primeiro programa estarán actuando os vigueses The Blows e os granadinos Lori Meyers. Ademais de música en directo, en “Banda Curta” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.
.
Amplía a nova>>
20/01/2009
O Fondo do Cine só destina 652.500 euros a promoción do audiovisual en galego
A Lei do Cine, que entrou en vigor hai dous anos, explicita a existencia dun fondo para fomentar a industria cinematográfica e audiovisual en lingua cooficial distinta ao castelán. Ese fondo (chamado popularmente "Fondo dous") ten unha partida de 2.500.000 euros para promoción da industria nas linguas propias de cada comunidade. Dese fondo, Galicia recibirá 652.500 euros, tal e como figura no convenio subscrito entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Cultura publicado hoxe no BOE. Esa partida servirá para subvencionar todas as iniciativas que a consellaría desenvolveu no 2008 en relación á produción, distribución e promoción da industria cinematográfica e audiovisual en lingua galega..
Amplía a nova>>