Goya non fala galego

Escasa repercusión galega na 23 edición dos Goya

As cifras situan o sector audiovisual galego como o terceiro no conxunto do Estado pero esta importancia non se trasladou aos Premio Goya, que galardonan as producións máis destacadas do 2008. A participación de Perro Verde Films no filme ecoloxista O lince perdido sintentiza a presenza galega nesta ocasión. Nin Jose Ángel Egido, nin Martín Rivas, nin a película de José Luís Cuerda (rodada en Galicia e con cartos galegos) auparon a presenza galega na 23ª edición duns premios nos que Camiño foi a gran vencedora.

Crise, piratería e moitos, moitos agradecementos. Foron as tres constantes na gran noite do cine español. Esta na que as representación galega pasou desapercibida. Moitas non pasaron nin a peneira das candidaturas e as que chegaron esvaéronse entre Camiño (Jordi Dauder arrebatoulle a Jose Ángel Egido a estatuíña) e a gran sorpresa, O truco do manco, (Juan Manuel Montilla, “Langui”, acabou coas esperanzas de Martín Rivas). Quen non defraudou foi a animación O lince perdido

A produción de Jose Luis Cuerda, Los girasoles ciegos, rodada en Galicia con participación galega (a través da sociedade Sempre Cinema) e con equipo técnico e artístico galego, tivo que conformarse co Goya a mellor guión adaptado (para Rafael Azcona e José Luis Cuerda). Foi a gran perdedora da gala, xa que só colleitou unha das quince candidaturas ás que optaba.

O palmarés
Antes de que comezara o desfile de premios. Carmen Machi, conductora da Gala espectoulle a Javier Fesser “Javier, moita sorte esta noite. Pero se non gañas, como dis na túa película sempre podes ofrecer o teu sufrimento a Deus”. Pero non foi necesario, a súa película, que reflexiona o complexo problema dos fanatismos relixiosos, da forma na que o Opus Dei manexou de xeito interesado a enfermidade dunha rapaza de 13 anos, foi a a gran vencedora. Camiño fíxose cos premios máis importantes: mellor película, mellor director (Javier Fesser), actriz principal (Carmen Elías), actor de reparto (Jordi Dauder), actriz revelación (Nerea Camacho) e guión orixinal (Javier Fesser).

Canda esta produción O truco do manco foi a sorpresa da noite ao levar tres estatuíñas: mellor actor revelación, mellor director novel (Santiago A. Zannou) e mellor canción orixinal (Tientas). Tres tamén foron os Goya para Os crímenes de Oxford, que levou o de montaxe (Antón Lázaro), música orixinal (Roque Baños) e dirección de Produción) .

A nota curiosa da noite púxoa o equipo técnico de Mortadelo e Filemón, que chegou a partir a estatuíña coa que lle concedían aos mellores efectos especiais.

Tendencia recesiva
Desde o 2002, cando Manolo Gómez e Ángel de la Cruz subiron ao escenario a recoller o primeiro Goya de animación por O espírito do bosque (en realidade foron dous porque a canción orixinal desa película, composta por Luz Casal tamén foi galardoada) a animación converteuse nun valor seguro. O cid, a lenda (Filmax animation), Pérez, o ratiño dos teus soños (Filmax) ou Nocturna. Desde o 2003 e o ano 2005, cando dúas longametraxes rodadas en Galicia (Os luns ao sol de Fernando León e Mar adentro de Amenabar) se traduciron nun regueiro de Goyas para os valores do país (Mabel Rivedra, Mara Collazo, Luis Tosar, José Ángel Egido, Tamar Novas….), o audiovisual galego non volveu repetir semellantes cifras. As producións do audiovisual galego non chegan nin a pasar á peneira das candidaturas. Nos premios Goya a visibilidade do audiovisual galego pasa por horas baixas.
Palmarés da 23ª edición dos Premios Goya.