11/12/2008
¡Volven os ratiños!
Despois do éxito de
Perez, o ratiño dos teus soños, Filmax estrea a segunda parte que continúa coas aventuras dunha das personaxes máis populares do público infantil. Nesta ocasión, Lucas, un neno de oito anos, quere saber como fai o rato para trocar os dentes dos nenos por moedas sen que ninguén o vexa. Pero o seu empeño acaba por poñer en perigo ao popular animal. O desenlace podes velo nos cines a partir desta fin de semana..
Amplía a nova>>
10/12/2008
Un convenio cede ao CGAI as imaxes do NO-DO relacionadas con Galicia
As imaxes do NO-DO relacionadas con Galicia deixan a Filmoteca Nacional para pasar a engrosar os fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe. Así o acordaron onte César Antonio Molina, ministro de Cultura, e Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta, coa sinatura dun convenio. Trátase de cincuenta horas do noticiario franquista que ofrecen imaxes de actos sociais, estampas da época e acontecementos históricos de diversa índole. Ademais, á marxe deste convenio, a colaboración entre as administracións central e autonómica plásmase noutra actividade: a mostra de cine galego que se desenvolve estes días na Filmoteca Nacional, en Madrid. Por último, Molina anunciou que este vernes levará ao Consello de Ministros o decreto que desenvolve a Lei do Cine. Entre os aspectos que contempla destaca a creación dun fondo para producción cinematógráfica nas linguas cooficiais españolas..
Amplía a nova>>
09/12/2008
A Axencia Audiovisual abre un portal para difundir producións audiovisuais completas
“Dotar a produción galega dunha plataforma na rede para que toda persoa interesada do mundo poda ver na súa totalidade os filmes alí almacenados”. Así se explica desde o web da Axencia Audiovisual Galega, o que é Flocos.tv. Trátase dunha plataforma que pretende difundir integramente producións audiovisuais galegas. Nun primeiro momento só se poderán ver curtametraxes e documentais, pero no futuro ampliarase a longametraxes. O proxecto botou a andar este luns con 25 traballos completos que se poden ver en alta calidade e están clasificados en: ficción, documentais, experimentais e animación. O proxecto ofrecerá unha estrea diaria da que se encargará o equipo da Axencia, pero a intención é “que sexan os propios usuarios os que poidan subir directamente os seus traballos”. Ademais, a plataforma conta cun apartado de rexistro para contribuír ao desenvolvemento dunha rede social do sector audiovisual..
Amplía a nova>>
05/12/2008
Unha publicación analiza a situación da comunicación dixital do país
O apagón analóxico e a situación da TDT, a televisión po cabo no país, os dixitalización, a calidade do galego nos medios de comunicación, os novos formatos da comunicación actual... son algúns dos temas que trata
Emitindo en dixital, a última publicación do Consello Asesor de RTVE-G e da CRTVG. O libro, que se presenta foi elaborado por quince profesionais da comunicación coa coordinación de Miguel Túñez, membro do consello asesor e decano da Facultade de Ciencias da Comunicación..
Amplía a nova>>
04/12/2008
A mostra de curtametraxes de Noia homenaxea a Claudio Guerín no décimo aniversario
Cumpre dez anos e, para festexalo, os organizadores da Mostra de Curtas de Noia decidiron aumentar o seu apartado competitivo. Ás seccións de vídeo e 35 milímetros incorpóranse dúas categorías novas: curta comarcal e documental de creación. Ademais, a mostra conta con tres seccións paralelas. Unha delas para achegar animación aos centros escolares e outra, como novidade, para homenaxear a directores, produtores, actores relevantes. Para comezar o ciclo, a personaxe elixida foi Claudio Guerín Hill, que finou en 1973 en Noia mentres rodaba a longametraxe
A campá do inferno. Canda este filme, a mostra tamén proxectará o seu documental
Galicia..
Amplía a nova>>
04/12/2008
Cerezos en flor leva o premio de Cineuropa
O maratón da pasada noite foi a última actividade da XXII Edición de Cineuropa. En total máis de 35.000 persoas pasaron polo festival, 6.963 máis que o pasado ano, segundo informou a organización. Os votos do públcio outorgáronlle o premio de mellor filme á produción alemá
Cerezos en Flor de Dories Dorrie, que obtivo unha puntuación de 8,3. Pola súa banda
A Onda quedou no segundo posto a só unha décima..
Amplía a nova>>
04/12/2008
Un comité de expertos avoga por trasladar á TVG o modelo da RTVE
A Secretaría Xeral de Comunicación nomeara hai tempo un comité de expertos para redactar unha proposta de reforma da lei da CRTVG. Un documento cuxo contido avanza hoxe
El País. Entre as principais conclusións desa comisión figura mimetizar o modelo da Corporación RTVE para o ente galego. Ademais da denominación (Corporación RTVG), pretende crear un Consello Superior do Audiovisual con capacidade sancionadora que se encargará de velar pola pluralidade política, social e cultural. A corporación terá un presidente nomeado polo Parlamento (por maioría absoluta), e non polo Goberno, durante seis anos. .
Amplía a nova>>
03/12/2008
A dobraxe incorpórase ao proxecto Audiovisual nas aulas
Audiovisual nas aulas é o programa de alfabetización audiovisual para escolares. Comezou hai cinco anos e nese tempo cada ano foi incrementado o número de centros, ampliando e diversificando as actividades. Entre as novidades deste ano está a incorporación ao programa formativo do módulo
Dobraxe e Lingua así como un cambio no procedemento para participar. Debido a gran demanda, a Consellaría de Educación fará unha convocatoria pública que marcará os criterios para a selección dos centros. O proxecto está promovido polo Consorcio Audiovisual e a Secretaría Xeral de Comunicación en colaboración coa Consellaría de Educación e a Secretaría Xeral de Política Lingüística..
Amplía a nova>>
03/12/2008
Obertura Balboa
Foi coñecido polas músicas que compuxo para as películas de José Luis Garci (principalmente
O avó ou
Canción de berce, pola que foi candidato aos Goya). Pero non foron as únicas.
Martes de Carnaval,
O baile das ánimas,
Divertimento ou
Ilegal son algunhas mostras do seu traballo. Manuel Balboa (A Coruña, 1958- 2004) foi un dos músicos máis significativos da súa xeración, compositor de bandas sonoras e finou en pleno proceso creativo. Agora, a Academia Galega do Audiovisual recolleu parte dese traballo no disco que abre o proxecto
As músicas da Academia, do que escolmamos unha serie de pezas..
Amplía a nova>>
02/12/2008
A TDT é unha das prioridades da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual para 2009
No marco dunha xornada técnica co Clúster Audiovisual Galego, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, detallou as prioridades do seu departamento de cara ao vindeiro ano. Os obxectivos pasan por completar o despregamento da TDT no que atende ás emisións de ámbitos local, autonómico e estatal, para ir incrementando as porcentaxes de cobertura de cara o 2010, cando se producirá o apagón analóxico. Ademais, outra das prioridades pasan por desenvolver o Plan de Apoio á Produción Audiovisual Independente. Canda estes, existen outras iniciativas como potenciar o CGAI, incrementar a presenza na rede do sector audiovisual galego e ampliar a rede de Telecentros de Comunicación..
Amplía a nova>>