Novas | 2801 a 2810 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

11/02/2009
Política lingüística crea un certame audiovisual para escolares

Promover a lingua e a creación audiovisual. Estes son os obxectivos que persegue o I Certame de Cinema OUFF Escola que hoxe deu a coñecer a Secretaría Xeral de Política Lingüística. O concurso conta con dúas categorías (infantil e primaria dunha banda e secundaria e non universitarios da outra)e os gañadores recibirán premios de 600, 400 e 300 euros (que son para os centros). Ademais, créase a categoría de mellor guión que recibirá o premio Blanco Amor dotado con 3000 euros. Os gañadores proxectaranse na XIV edición do Festival de Cine de Ourense, que colabora na iniciativa.. Amplía a nova>>

10/02/2009
Espírito do bosque e Guante blanco gañan os últimos premios do audiovisual galego

Despois da escaseza dos Goya, chegan outros recoñecementos para o audiovisual galego. Espírito do bosque, de Dygra Films foi votada polo público de Zoom Net (La 2, de luns a xoves) como Mellor Película de Animación. A produción de Dygra recibiu o 33.5% dos votos nesta categoría. Canda isto, a produción galega de Guante Branco(Bambú Producciones, 2008) recibirá o vindeiro 19 de febreiro o Premio dos Grupos de Análisis de Programas do TAC (Telespectadores Asociados de Cataluña) pola súa aposta de “calidade nos guións, a realización e o equipo artístico” desta serie que foi emitida en TVE. . Amplía a nova>>

09/02/2009
Margarita Ledo leva o cine ao seo da Real Academia Galega

Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega. Este é o título do discurso co que Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) se converteu este sábado na quinta muller numeraria da Real Academia Galega. O seu discurso foi un percorrido histórico sobre a cultura galega galega comezando con Rosalía de Castro no século XIX e pechando coa figura do cineasta Carlos Velo. Deste xeito, o audiovisual e o cine entra na RAG. A resposta ao discurso de ingreso leuna Rosario Álvarez que destacou a súa produción literaria. Científica, xornalística e cinematográfica.. Amplía a nova>>

06/02/2009
O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca a terceira edición do catálogo de documentais

O documental é un xénero á alza, pero non por iso exento de axudas para promoción e difusión. E iso é precisamente o que fai o Consorcio Audiovisual de Galicia a través do seu catálogo de documentais. O catálogo selecciona (por concorrencia competitiva) catro traballos que, ademais de integrar o DVD promocional, recibirán 4.500 euros. A convocatoria desta edición está aberta ata o 4 de marzo.. Amplía a nova>>

06/02/2009
Os anunciantes apostan por Internet como modelo de negocio

A baixada do consumo televisivo, o marco lexislativo (que limita 12 minutos por hora o volume de anuncios) e a aparición de novos soportes fai que os anunciantes busquen novos camiños na rede. Así se deduce do monográfico sobre publicidade que acaba de dar a coñecer o Observatorio Audiovisual Galego. Segundo os datos de INFOADEX e os Anuarios de Audiencias de Televisión de TNS que manexa o Observatorio, o investimento en publicidade no medio televisivo descendeu na TVG un 0.20% no 2007 con respecto ao ano anterior. Ademais, o informe establece que Internet se converterá no terceiro medio en investimento publicitario, por detrás da televisión e de xornais.. Amplía a nova>>

05/02/2009
Produtores e representantes da administración reúnense para falar dos novos modelos de negocio do sector audiovisual

A TDT supón un cambio para administracións, canles de televisión e produtoras de contido. Por iso, todos estes axentes están presentes na Xornada sobre o cambio do modelo de negocio no sector audiovisual. Promovida por AEGA, estas xornadas pretenden abordar un modelo que integre todas as áreas de traballo que permita simplificar os proceso, reducir os custes e aumentar a distribución dos produtos audiovisuais.. Amplía a nova>>

05/02/2009
Dosier: financiamento audiovisual

O Teatro Principal acolle mañá (21:30 horas) a proxección da curta 5 pezas. A cita non tería moito de especial, se non fora porque é unha precuela, o avance do que espera sexa Setembro, a primeira longametraxe de José Manuel Bazarra “Sepi”. Malia contar con subvencións da Xunta e da TVG non conseguíu o financiamento bancario que precisaba para comezar a rodaxe por mor da crise. Non é a primeira produción que se adía, repasamos neste dosier o financiamento cinematográfico.. Amplía a nova>>

04/02/2009
Os ciclos de cine protagonizan as axendas culturais galegas do país

O cine é o protagonista da FNAC, do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), e dos cines Dúplex de Ferrol. En cada un deses espazos estes días celébranse sendos ciclos de cine. A FNAC para apoiar a candidatura da Torre de Hércules a ser declarado Patrimonio da Humanidade. O CGAI achegará os cinco últimos títulos que contemplan o seu repaso pola filmografía de David Lean, mentres que o concello de Ferrol e a Universidade da Coruña retoman nos Dúplex os seus ciclos de cine. Nesta ocasión a “imaxinación e a personalidade” son os dous eixos conductores dos filmes que se poderán ver de balde todos os mércores.. Amplía a nova>>

04/02/2009
Arrinca en Berlín un dos mercados audiovisuais máis destacados con presenza galega

Do 5 ao 15 de febreiro, os produtores do audiovisual teñen unha cita en Berlín. A capital alemá acolle a celebración do European Film Market, o apartado mercantil da Berlinale, a gran festa do cine europeo. Dez empresas do Clúster Audiovisual Galego: Xamalú Filmes, Voz Audiovisual, Adivina Producións, Ficción Producións, Formato Producións, Filmanova, Continental, Abano Producións e Perro Verde Films asistirán a partir de mañá a este encontro. Visionados, proxeccións de prensa, reunións informais entre produtores e debates son algunhas das actividades nas que participarán as empresas galegas. . Amplía a nova>>

04/02/2009
Os Mestre Mateo 08 entregaranse o 30 de abril en Pontevedra

A gala de entrega dos premios do audiovisual galego, os Mestre Mateo, terá lugar en Pontevedra o vindeiro 30 de abril. Así o confirmou María Bouzas, presidenta da Academia Galega do Audiovisual (AGA), entidade que concede estes galardóns. Mentres tanto, o sitio web da AGA ofreceu un listado de listaxe definitivo de candidatos. En total, presentáronse 148 producións ás 25 categorías establecidas desta edición. A gala, que retransmitirá a TVG cuns minutos de atraso, estará dirixida por Jorge Coira con guión de Carlos Portela.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org