Novas | 2731 a 2740 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

28/04/2009
A extinción está a punto

Evento Ligado á Extinción (E.L.E.) está chamado a ser un fito na industria do videoxogo galego. Esta produción, resultado da alianza de Alia3D con Continental Producións, está xa rematada e só agarda fechar acordos de distribución para chegar aos nosos aparellos electrónicos. O responsable deste proxecto, Carlos Fernández, fálanos dunha ambiciosa iniciativa que naceu cos ollos postos no mercado internacional. Na casa, a nominación aos premios Mestre Mateo deste ano supón xa un primeiro recoñecemento a este traballo.. Amplía a nova>>

22/04/2009
Ángel de la Cruz recibe o premio Manuel de Oliveira

Os filmes de animación O bosque animado e Soño dunha noite San Xoán e a de imaxe real Os mortos van ás présas acábanlle de valer a Ángel de la Cruz o premio Manuel de Oliveira como mellor realizador. Un galardón que recoñece a súa traxectoria e que se lle entregou no marco do 1º Festival de Cine Independente do Porto, Portocine.. Amplía a nova>>

20/04/2009
O Festival de Cine Independente de Nova York premia a María Ruído

Do CGAC a Manhattan. Este é o percorrido que fixo a segunda entrega do proxecto Rosebud, pola que a artista María Ruído acaba de recibir o premio ao mellor documental internacional no Festival de Cine de Nova York. O filme, producido polo Centro Galego de Arte Contemporánea no marco do Proxecto_Edición, reflexiona sobre a memoria da Transición Política.. Amplía a nova>>

17/04/2009
Arrinca en Málaga o festival de cine español con maior presenza galega

Hoxe comeza en Málaga unha nova edición do seu festival de cine, o máis importante do audiovisual español. Un encontro que este ano conta con máis presenza galega que nunca, con catro títulos na sección oficial. Tres na categoría de longametraxes (Galadas, Un bo home , Un axuste de contas) e un (Eloxio da distancia) na de documentais. O encontro, no que este ano destaca o incremento de óperas primas, desenvólvese na cidade andaluza ata o 25 de abril.. Amplía a nova>>

17/04/2009
Padre Casares finalista en catro categorías do Festival de Televisión de Montecarlo

Cuéntame, El internado e Padre Casares son as series españolas finalistas a acadar as Ninfas de Ouro do Festival de Televisión de Montecarlo. Trátase dun dos certames máis prestixiosos no mundo da televisión desde que se constituíu en 1961. Producida por Voz Audiovisual, Padre Casares é única serie autonómica presente no certame e é finalista nas categorías de mellor actor, mellor actriz, e mellor productor europeo e internacional.. Amplía a nova>>

16/04/2009
Un concerto recupera as cancións do Xabarín Club no seu decimoquinto aniversario

Comezou sendo un programa televisivo para público infantil e acabou por conveterse nun fenómeno social. O Xabarín Club cumpre este mes quince anos de emisión nos que cambiou de horario, saíu de xira musical, editou varios discos, creou unha páxina web e está presente nas redes sociais (Blogspot, Facebook e Fotolog). Esta tarde, a discoteca LP 45 de Ordes acolle un concerto “Oinkplugged” na que se versionarán todas aquelas cancións que constituíron a banda sonora deste programa. O programa emítese todas as mañás no seu formato habitual e, a partir do luns, incorpórase ademais á segunda canle da TVG (a G2). Será pola tarde cando a cadea que se emite exclusivamente na TDT emitirá a “Xeración Xabarín”, unha sección que nace coa pretensión de recuperar os arquivos, reportaxes, vídeos musicais e debuxos animados requiridos polos telespectadores, ademais das series como O Detective Conan, A Máscara, Cousas de Tolos e, en breve, a estrea en breve de Mr. Bean animación.. Amplía a nova>>

16/04/2009
O Festival Amal abre o prazo de recepción de traballos

Naceu no 2003 co obxectivo de achegar a sociedade galega á realidade social e cultural do mundo árabe. Neste tempo foi incrementado a súa participación tanto en número de traballos presentados como en público. Agora, os organizadores acaban de abrir o prazo de presentación de traballos da VII edición que se desenvolverá do 23 ao 31 de outubro en Santiago. Non é a única mostra que abreu estes días as súas convocatorias, xa que Filminho, a festa do cinema galego e portugués, recibirá traballos ata o 30 de maio. Este encontro terá lugar do 16 ao 19 de xullo nas localidades de Cerveira e de Goiám.. Amplía a nova>>

16/04/2009
A Fundación Seoane achégase ao universo temporal de Andei Tarkovski

É un dos cineastas máis destacados da historia do cine. Andrei Tarkovski (1932-1986) pasou á historia pola súa peculiar forma de transmitir en imaxes o paso do tempo e Solaris foi a súa película máis coñecida. A Fundación Seoane achégase á súa figura a través de Luz instantánea, un proxecto que inclúe unha exposición, un espazo sonoro, un ciclo de documentais e unha instalación audiovisual. O eixe central dese achegamento á súa figura, está composto por 80 fotografías polaroid tomadas polo cineasta mentres rodaba Nostalxia, a súa primeira película no estranxeiro.. Amplía a nova>>

14/04/2009
Morre o cineasta ourensán Eloy Lozano por mor dun infarto

O cinema audiovisual galego está de luto. Esta mañá falecía en Santiago por mor dun infarto, o realizador ourensán Eloy Lozano. Foi o autor, entre moitos outros traballos, da primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, Retorno a Tagen Ata (1973). Ten unha ampla traxectoria profesional no ámbito do documental, ficción e publicidade, nos que combinou as facetas de guionista e de director. No seu currículo destaca As Belas Dormentes, a súa primeira longametraxe, así como ser o encargado de reelaborar e sonorizar O carro e o home, o filme etnográfico que Xaquín Lorenzo (Xocas) rodou en 1941. . Amplía a nova>>

13/04/2009
A gala dos Mestre Mateo revisarán a historia do audiovisual galego

O 30 de abril, o Pazo da Cultura de Pontevedra converterase no epicentro do audiovisual galego. Será ese día cando se entreguen os Mestre Mateo, galardóns que recoñecen os mellores traballos e interpretacións do audiovisual do último ano. A gala estará dirixida por Jorge Coira, con guión de Carlos Portela e presentada por Sergio Zearreta. Como antelasa da gala, a Academia Galega do Audiovisual organizará dúas actividades: dunha banda a tradicional Semana do Audiovisual Galego, que dará a coñecer por diferentes localidades os traballos finalistas e, da outra, as xornadas de reflexión e debate entre profesionais e académicos. Os Encontros da Academia convértense nos Encontros Mestre Mateo e adiántanse aos días antes da gala. Os candidatos participarán nun total de 11 coloquios nos que achegarán a súa experiencia a alumnos de diferentes centros docentes.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org