29/09/2009
O audiovisual máis alternativo volve a Ponteareas da man de Mívico
Obradoiros sobre audiovisual e novas tecnoloxías, exposicións sobre feitos que acontecen ao noso redor, concertos de experimentación sonora e proxeccións fan parte do cartel da terceira edición do Mívico. O encontro da arte audiovisual experimental que terá lugar en Ponteareas ata o domingo. A cita comezará o venres cunha retrospectiva do creador galego Toño Chouza e o teaser do seu novo proxecto,
One man band. Nesta terceira edición do MÍVICO concederánse tres premios (mellor videocreación, mellor curtametraxe e mellor documental) dotados de 400€ cada un deles. .
Amplía a nova>>
29/09/2009
O thriller carcerário Cela 211 abrirá a XIV edición do Festival de Cine de Ourense
Mañá darase a coñecer a programación oficial do que será a décimocuarta edición do Festival de Cine de Ourense, que se desenvolverá do 10 ao 17 de outubro. Un encontro que abrirá a coprodución de Vaca Films,
Cela 211, que está protagonizada por Luís Tosar. Na sección oficial de longametraxes a competición destaca a película de Pablo Iglesias,
Pedro e o Capitán, adaptación cinematográfica dun conto de Benedetti. Na sección documental compite a película
Flores tristes, mentres que na de animación destacan as producións galegas
O güerepork,
O pintor de ceos e o
O soldadiño de chumbo. Entre as novidades deste encontro, destaca o I Festival Ouff Escola de Ourense, sección que pretende implicar aos escolares na creación audiovisual ao longo de todo o ano e cuxos premios entregaranse no marco do festival..
Amplía a nova>>
28/09/2009
A produción arxentina O estómago gaña o premio do público da Semana de Cine de Lugo
O estómago chegou ao programa da Semana de Cine de Autor de Lugo cun longo palmarés no seu cartel, entre os que destaca a Espiga de Ouro do Festival de Cine de San Sebastián. E acaba de sumar un máis, o que lle concedeu o público lucense de entre unha listaxe na que destacan outros títulos como
Seraphine,
A boa vida ou
A clase. A nota negativa da Semana de Cine está na afluencia, xa que Manuel Curiel, responsable do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador do encontro, cuantificou en 7.000 os asistentes. Unha cifra lixeiramente inferior ao doutras edicións. .
Amplía a nova>>
28/09/2009
A Xunta estuda varias posibilidades para apoiar economicamente o Festival de Cine de Ourense
As declaracións de Enrique Nicanor, director do Festival de Cine de Ourense, sobre a supresión de liñas de axudas a estes encontros por parte da Xunta, acaban de ter contestación. O encargado de facelas foi Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta en Ourense, quen explicou que a Xunta estaba estudando diferentes posibilidades para concederlle unha axuda ao festival. Sen embargo, Martínez tamén asegurou que o goberno está a reconsiderar a súa opción ante as declaracións do director do encontro e advertiuno sobre a necesidade de non usar politicamente o festival. Polo demais, o Concello e a Deputación de Ourense incrementarán a súa participación este ano para que a programación se desenvolva con normalidade..
Amplía a nova>>
25/09/2009
A segunda cadea de TVG reforzará a súa programación cun magazine cultural
A programación da G2, a segunda canle da TVG, vaise reforzando pouco a pouco. Para o outono, a cadea prepara un magazine cultural que pretende ser a referencia da súa programación. Un espazo que será conducido por “un condutor de recoñecido prestixio”, como apunta a nota de prensa da CRTVG, e mesturará información e entretemento sobre a cultura máis actual. Canda iso, a G2 compilará todos os programas culturais da TVG para emitilos en horario de serán, xunto con informativos, e series da galega (tanto de produción propia como
As leis de Celavella ou allea como
Dawson Creek), e filmes en versión orixinal con subtítulos en galego. A programación completarase as fins de semana con retransmisión deportivas e, posiblemente, a redifusión do programa
En xogo..
Amplía a nova>>
25/09/2009
O Apóstolo chegará as carteleiras o 25 de xullo de 2010
Conta a historia dun preso que é recluído por uns seres estraños nunha vila do Camiño de Santiago logo de fugarse da cadea. Este é o argumento do
Apóstolo, a primeira película de plastilina feita fotograma a fotograma (chámase a técnica stop-motion) e na que actores como Geraldine Chaplin, Luis Tosar, Pedro Alonso ou Paul Naschy prestaron as súas voces e as súas caras. Agora, a produtora
Artefacto acaba de anunciar que o filme se estreará en Compostela o 17 de xullo de 2010, e que chegará as carteleiras no día o apóstolo (25 de xullo)..
Amplía a nova>>
24/09/2009
O Festival de Cine de Ourense quere ser o foro no que se unifique o sector audiovisual
A 14 edición do Festival de Cine de Ourense pretende recuperar o espírito de lugar de encontro entre profesionais do sector audiovisual. Nesta ocasión, o obxectivo é servir de foro de debate sobre a unificación da estrutura administrativa para darlle pulo ao sector. Ademais, o encontro que se celebrará do 10 ao 14 de decembro, cambia a sede das súas actividades (que non o das oficinas) para o centro comercial Ponte Vella coa finalidade de implicar á cidadanía. As homenaxes a Blanco Amor, Eloy Lozano ou a retrospectiva de Norman Mac Laren son algúns dos pratos fortes dun encontro que conta con 200 películas na sección competitiva. Enrique Nicanor, director do Festival, advertiu que pode ser a última edición ao retirar a Xunta a súa convocatoria de axudas a festivais..
Amplía a nova>>
23/09/2009
O ICAA anuncia como novidade liñas de axuda ao sector audiovisual que xa existen en Galicia
Ignasi Guardans, director xeral do Instituto Nacional de Cinematografía (ICAA), presentou onte no Congreso (na comisión de Cultura) o borrador da Orde Ministerial que desenvolve a vixente Lei do Cine. Entre as novidades que detallou, figuraba a introducción de mecanismos correctores para incentivar a presenza de mulleres na dirección e produción dos proxectos audiovisuais. Unha figura que xa aparece na última convocatoria de axudas da Xunta de Galicia (a través de Agadic e baixo o mandato do bipartito), no que tamén apareceron as axudas automáticas a producións estreadas (entendida como comercial ou venda en televisións en aberto ou pechado) conforme a criterios obxectivos..
Amplía a nova>>
23/09/2009
O apagón analóxico comezará en Galicia en xaneiro de 2010
Seis meses despois do previsto, a Televisión Dixital Terrestre chegará a Galicia. O novo goberno ten previsto que o apagón analóxico comece en xaneiro de 2010 e se desenvolva ata o 3 de abril. Será entón cando se produza o cese das emisións analóxicas. Así o confirmou Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta, no marco dunhas xornadas organizadas pola Asociación para o Progreso da Dirección. Nela Cabaleiro afirmou que durante o bipartito “houbo falta de planificación, previsión orzamentaria, atraso nas licitacións e nas contratacións” que xustifican o atraso no cumprimento dos prazos previstos. Ademais, apuntou que traballarán para que a Axencia Española do Espectro Radioeléctrico estea en Galicia. .
Amplía a nova>>
22/09/2009
Os empresarios galegos comparten cos vascos a caseta do Mipcom de Cannes
É o gran mercado internacional de contidos, unha cita ineludible para os empresarios do sector audiovisual. Por iso, do 5 ao 9 de outubro na localidade francesa de Cannes, unha delegación de 16 empresas galegas estará presente no Mipcom. Ademais, vaino facer nun espazo compartido co Basque Audiovisual que permitirá fortalecer os contactos e as vendas internacionais. O Mipcom celebra este ano o seu 25 aniversario cun programa de actividades que inclúe eventos e conferencias no que estará o creador dos Simpson ou o presidente de Hasbro..
Amplía a nova>>