Novas | 261 a 270 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

15/06/2023
Premiada a Academia do Audiovisual pola construción dun selo propio do audiovisual galego

Aínda que resulta máis habitual que as academias repartan premios tamén hai contadas ocasións nas que ocorre noutro sentido,. É o caso da Academia Galega do Audiovisual que ven de recoller un galardón en Valencia no marco dos Premis AAPV que outorga a Associació d'Actors i Actrius Professionals Valencians. A entidade galega foi recoñecida co Premi Taules por "converterse nunha institución de referencia ao construír un selo propio e significativo do audiovisual galego". O Premi Taules é un dos dous galardóns honoríficos que entrega cada ano a AAPV e recoñece o traballo de institucións que, aínda que pertenzan a outras comunidades autónomas, defenden e promoven o labor dos intérpretes valencianos. Opremio foi recollido por Miguel Mariño e Marisela Lens, director e xerente da AGA, que na súa intervención fixeron extensivo o premio ao resto de institucións e entidades públicas e privadas e ao resto de asociacións do sector audiovisual galego, por contribuír á creación dese "selo propio e significativo" ao que fai referencia o premio.. Amplía a nova>>

09/06/2023
A webserie Pringadas entra en Filmin

A webserie Pringadas é xa a primeira serie creada en galego que se ofrece no catálogo da plataforma dixital Filmin. A primeira temporada desta produción, dirixida por Belén Piume xa está dispoñible neste repositorio. Pringadas é unha comedia xuvenil que retrata os problemas e vivencias da Xeración Z. Esta comedia foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo e no seu paso polo Carballo InterPlay, no ano 2021, obtivo o premio a mellor proxecto de webserie, o cal facilitou a súa produción. Pringadas xira arredor de tres rapazas compañeiras de piso en Santiago, encarnadas por Carmela Vázquez, Camila Ferreyra e Lara Álvarez A actual temporada conta con tres capítulos de 11 minutos, rodados en galego e que na plataforma son accesibles con subtítulos noutros idiomas.. Amplía a nova>>

07/06/2023
A serie 'Motel Valkirias' gaña o premio CIRCOM 2023

A serie de televisión 'Motel valkirias' coproducida pola TVG e máis a canle portuguesa RTP, ven de recoller o Premio CIRCOM 2023 no apartado de entretemento e ficción. Estes premios recoñecen as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas. 'Motel Valkirias' é unha coprodución entre as empresas CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado. Emítese na TVG e na RTP e pode verse actualmente na plataforma de HBO en España e Portugal.. Amplía a nova>>

02/06/2023
O cine Tamberlick volve existir en Vigo

A cidade de Vigo recupera desde hoxe un espazo para a proxección audiovisual e ademáis un nome asociado á cultura viguesa desde finais do século XIX: os cines Tamberlick. As salas de cine do Centro Comercial Praza Elíptica reabren, volvendo á actividade tras uns meses pechados e usan o nome da histórica sala que acolleu as primeiras proxeccións de cine mudo na cidade. Unha nova empresa operadora do espazo situado nos sotos do centro comercial recolleu a luva de volver á actividade de proxección audiovisual e renomeu as salas cun nome ilustre de fonda pegada na vida cultural viguesa, Tamberlick, o lugar que acolleu as primeiras proxeccións de cine da cidade e cuxo edificio estaba situado a 700 metros do actual. . Amplía a nova>>

31/05/2023
A Academia Galega de Teatro premia a traxectoria de Rosa Álvarez

A Directiva da Academia Galega de Teatro acordou, na súa xuntanza celebrada o pasado 19 de maio de 2023 no Pazo de Mariñán, conceder o Premio Academia Galega de Teatro 2023 á directora e actriz Rosa Álvarez Cabo (Carballeda de Avia, Ourense, 1950). A AGT xustifica este recoñecemento á artista "pola súa dilatada carreira, sempre na procura da excelencia artística, e o seu compromiso coa loita pola dignificación da profesión teatral, nomeadamente pola visibilización e posta en valor do rol da muller no teatro galego". Álvarez comezou a súa carreira profesional como actriz de teatro en 1984, a súa galardoada traxectoria na que hai catro premios María Casares e dous Premios Mestre Mateo de interpretación, alén de outros recoñecementos de honra pola súa traxectoria e achegas á escena teatral galega, está estreitamente relacionada tamén co audiovisual galego a través do cine e de series da televisión autonómica. Foi a fundadora, xunto ao seu finado home Ernesto Chao, da compañía teatral Lagarta, Lagarta. Faráselle entrega deste Premio o venres, 21 de xullo, ás 13:00 horas, no salón de actos do Concello de Ribadavia, dentro da celebración da XXXIX Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, un marco moi acaído para ela xa que formou parte do grupo fundador que puxo en marcha primeiramente a Agrupación Cultural Abrente e, pouco despois, as primeiras Mostras de Teatro de Ribadavia.. Amplía a nova>>

29/05/2023
O MOCA de Vigo estrea o filme que recibiu a súa primeira bolsa de creación

Unha mediametraxe autobiográfica sobre o aborto que sufriu aos 40 anos co título Lo que no fue. Esta é a proposta coa que a directora madrileña Sandra Ruesga se fixo coa primeira bolsa de creación MOCA-Candelas, que convoca o Museo Online de Cine Doméstico, con sede en Vigo. O filme pode verse durante quince días no web desta entidade a partir deste 29 de maio.. Amplía a nova>>

26/05/2023
Vinte e tres proxectos documentais recibirán financiamento da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións do departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico para editar -en formato papel, audiovisual, mixto e ou especial- traballos en galego sobre diversos temas relacionados coa provincia de Pontevedra. Este exercicio os 90.000 euros dispostos chegarán a 20 entidades sen ánimo de lucro e permitirán a creación de oito audiovisuais, trece publicacións, un audiolibro e unha gravación que se detallan desde o ente provincial. As temáticas son moi variadas e inclúen a recuperación dunha escolma fotográfica, a edición de novos textos dramáticos, a publicación de investigacións etnográficas, patrimoniais, históricas ou sobre flora e fauna, xa sexa en formatos de papel como sonoros ou audiovisuais.. Amplía a nova>>

25/05/2023
A Deputación de Pontevedra reparte 150.000 euros aos festivais audiovisuais

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as subvencións para o desenvolvemento dos oito festivais audiovisuais da marca provincial Rías Baixas Film Fest que se desenvolven entre abril e decembro nos concellos de Tui, O Porriño, Vigo, Bueu, Pontevedra e Vilagarcía. Trátanse de 150.000 euros en total que chegarán ao Play-Doc de Tui (que se celebrou xa entre o 26 de abril e o 1 de maio), que recibe 28.891 euros; para o Festival de Cans no Porriño, que rematou agora a súa vixésima edición e que conta cunha axuda de 26.118 euros; o Primavera do Cine en Vigo (que terá lugar do 5-10 setembro), que se beneficiará de 7.149 euros; o Fic Bueu (9-23 setembro), que recibirá 26.118 euros; o Galician Freaky Film Festival de Vigo (22 e 23 e do 27- 30 setembro), que contará con 10.068 euros; o Festival de Cine Inclusivo de Vigo (17-22 outubro), que terá 10.214 euros; o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (27 outubro-5 novembro), que recibirá 18.968 euros e o Novos Cinemas de Pontevedra (12-17 decembro), que contará con 22.470 euros. A marca dos Rías Baixas Film Fest da Deputación crea unha identidade corporativa única e imaxe propia e distintiva para estes eventos que se celebran na provincia. A Deputación está a darlle visibilidade a Rías Baixas Film Fest en feiras e eventos culturais e turísticos autonómicos e nacionais e a traballar para aproveitar os fluxos de público entre festivais.. Amplía a nova>>

24/05/2023
O FICBueu bota a andar unha residencia creativa

Este 22 de maio o Festival Internacional de Curtas de Bueu e mais a Axencia Galega das Industrias Culturais presentaban a primeira edición da Residencia FICBueu. Esta iniciativa, que se desenvolverá entre os días 9 e o 15 de outubro na Illa de Ons, facilitará o desenvolvemento de curtametraxes mediante accións formativas e titorías para os proxectos seleccionados.. Amplía a nova>>

22/05/2023
Falece o mergullador e director da Semana de Cine Submarino José Luis González

A noticia do falecemento este sábado do mergullador e fotógrafo submarino José Luis González, tivo amplo eco nas páxinas de sucesos e locais do sur de Galicia. O que moitos non sabían era que este desgraciado feito tiña tamén un impacto na comunidade universitaria e cultural, xa que o finado era o director da Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo, unha das citas cos traballos audiovisuais relacionados cos fondos mariños máis consolidadas e de referencia internacional que vai poa súa 31 edición. Segundo comunica o DUVI, González faleceu nun tráxico accidente durante unha inmersión en augas de Moaña. Asturiano de nacemento, González era un experimentado fotógrafo subacuático, obtendo en 2002 o título de campión mundial. Como un dos principais impulsores da divulgación submarina, en 1985 puxo en marcha en 1985 a Semana do Cine Submarino de Vigo, organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e o dende Club Subacuático Ría de Vigo. Durante as súas 31 edicións traballou por converter este festival nun foro de divulgación e debate co fin de preservar a vida mariña e nunha cita obrigada para os amantes do mar e do cine.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org