Novas | 251 a 260 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

24/07/2023
O Festival de Curtas de Verín rende homenaxe ao Festival do Imaxinario de Vilagarcía

A VIII edición do FIC Vía XIV de Verín contará cunha sesión na que se proxectarán e visualizarán algunhas das obras máis valoradas nas últimas edicións do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía, pezas que serán presentadas por membros do equipo directivo deste certame. Unha actividade que está inicialmente programada para o venres, 15 de setembro. Como cada ano, a organización do FIC Vía XIV de Verín selecciona un festival cinematográfico para renderlle homenaxe no marco da súa programación e intercambiar experiencias cos seus responsables ao longo da semana na que se desenvolve o certame. Na súa terceira edición, o foro cinematográfico verinés, que se vai celebrar na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro, instaurou a tradición de contar cun festival convidado e exhibir algúns dos seus traballos máis salientables. Este ano, o certame invitado polo FIC Vía XIV será o Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. . Amplía a nova>>

24/07/2023
A Xunta aproba a convocatoria de axudas á preprodución audiovisual

A Xunta ven de aprobar unha nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos cunha dotación de 300.000 euros, a mesma cantidade que en anos anteriores. Estas axudas públicas estarán destinadas aos diferentes traballos a cargo de produtoras independentes que teñen lugar na fase de preprodución de películas e series para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda, cara á súa produción e rodaxe nos vindeiros anos. En concreto, estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, inciden en labores previos relacionados co guión, dereitos de autor ou propiedade intelectual, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materiais de promoción, gastos de asesoría ou consultaría, alugueiro de espazos de traballo e outros que teñan lugar na fase anterior á filmación.. Amplía a nova>>

21/07/2023
Catro entidades sectoriais manifestan "malestar" por non seren incluídas na xuntanza da Xunta co sector audiovisual

Catro entidades gremiais vinculadas ao sector audiovisual galego denunciaron a través dun comunicado seren excuídas da xuntanza que mantivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co sector audiovisual galego o pasado 14 de xullo. Trátanse da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta. Estas entidades aseguran "aglutinar a preto de 600 profesionais da escrita, dirección, interpretación e do ámbito dos festivais e mostras de cinema" e sinalan que tiveron coñecemento da xuntanza pola nota de prensa posterior da Xunta. Estas entidades "alertan do prexuízo que pode supor unha análise do presente e do futuro dun sector sen contar coa opinión dos traballadores da creación". En concreto, as entidades sinalan como temas da axenda audiovisual do momento a aprobación de preto de 15 millóns de euros entre as comunidades autónomas para o desenvolvemento de proxectos e escrita de guións, a Lei de Ensinanzara Artísticas e do Estatuto do Artista ou a produción de ficción na TVG, entre outras cuestións. Na xuntanza do presidente galego participaron a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego e Agapi. . Amplía a nova>>

14/07/2023
A longametraxe 'O Corno' competirá pola Concha de Ouro de San Sebastián

"O Corno", segunda longametraxe da directora e guionista donostiarra afincada en Galicia Jaione Camborda, terá a súa estrea europea na Sección Oficial da 71ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, antes da súa distribución en cinemas o 11 de outubro, da man de Elastica Films. O filme fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial deste festival, o primeiro de produción galega, que aspira á Concha de Ouro. A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros. "O Corno" está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas entre Galicia e Portugal. O filme é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica).. Amplía a nova>>

12/07/2023
A webserie O gran reto retrata o día a día de tres neofalantes

A experiencia de tres persoas de entre 18 e 26 anos que apostan por falar en galego durante 21 días con vistas a mudar a súa lingua habitual. Este é a proposta de O gran reto. 24/7 en galego, a webserie que está a publicar nas rede Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega) como parte da súa campaña E túa! Pásaa!. . Amplía a nova>>

03/07/2023
O CCG analiza as últimas catro décadas de cultura en Galicia

A coincidir coa celebración de catro décadas de existencia, o Consello da Cultura Galega presentaba este 3 de xullo a análise Corenta anos de cultura galega en estatísticas. Segundo este estudo, a evolución positiva nos hábitos de consumo cultural aparece como unha das principais transformacións deste período no sector. Este avance levou a que a sociedade galega pasase a dunha posición desfavorable na maior parte dos indicadores consultados a superar a media estatal.. Amplía a nova>>

29/06/2023
Recoñécese o interese cultural á Fundación Margarita Ledo Andión

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a declaración de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación). Segundo consta na orde publicada, a fundación constituíuse pola académica (actual Secretaria da RAG), cineasta, escritora e Catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita María Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo.1951), mediante escritura pública o pasado 8 de febreiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: "a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación". O padroado inicial da Fundación, segundo consta no DOG, está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; o seu irmán José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e a súa sobriña Agar Ledo Arias, como secretaria. . Amplía a nova>>

26/06/2023
O cineasta Asghar Farhadi protagoniza a nova mostra do CGAC

Desde o pasado 22 de xuño o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, acolle a exposición Asghar Farhadi. A beirarrúa. O cineasta iraniano protagoniza esta proposta, pioneira sobre a súa figura a nivel estatal. A fotografía, canda ao traballo con actores en teatro e cinema, son a base desta mostra, que comisarían Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri e que se poderá ver ata o vindeiro 10 de setembro.. Amplía a nova>>

23/06/2023
A Deputación de Pontevedra pon na rede o documental Acorda

Logo da estrea, o pasado 20 de xuño, de Acordamos, o seu segundo documental sobre os lugares da memoria histórica na provincia, a Deputación de Pontevedra publicou na rede Acorda, a primeira produción desta serie audiovisual. O proxecto, que botou a andar en 2021, achega unha serie de actuacións musicais en espazos vencellados á represión franquista combinadas con memorias daqueles feitos.. Amplía a nova>>

16/06/2023
Matria distribuirase en diferentes países europeos

A película Matria proxectarase en Francia, Portugal, Italia ou Grecia mercé ao acordo de contratación subscrito pola produtora, Matriuska Producciones, coa axencia de vendas internacionais New Europe Film Sales. O acordo compleméntase coa visibilidade internacional do filme en festivais. O pasado 9 de xuño foi exhibida na sección 'Alternatives' do Shangai International Film Festival e o vindeiro martes 20 exhibirase no Mediterranean Film Festival de Split (Croacia). O filme tamén valerá para a reapertura dos Cinemas Pontiñas de Lalín, pechados desde 2014, e onde haberá unha sesión especial con coloquio a cargo do director Álvaro Gago e das actrices María Vázquez e Francisca Iglesias. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org