31/08/2023
O Chanfaina Lab volve poñer San Sadurniño diante das cámaras
Durante esta vindeira fin de semana o concello de San Sadurniño ( A Coruña) celebra a oitava edición do Chanfaina Lab, un encontro de cineastas que pon en valor o territorio do concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. Eses días os realizadores participantes usarán do territorio e as xentes de San Sandurniño para gravar unha película coa duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, transforman grazas a esta actividade a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras. Este ano está prevista a participación de máis de trinta realizadores, reunindo ata medio cento de persoas nos equipos de rodaxe..
Amplía a nova>>
28/08/2023
'O Corno' abrirá o 20º Curtocircuito o 3 de outubro
"O corno", a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, terá a súa estrea galega na xornada inaugural do 20 Curtocircuíto o 3 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tras o seu paso pola Sección Oficial do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e polo Festival Internacional de Cinema de Toronto onde será a primeira película española que compite na sección Platform. Segundo a organización do festival, a elección de 'O corno' para a inauguración "subliña o interese de Curtocircuíto por xerar un espazo de visibilidade para o cinema realizado en Galicia", aposta que tamén indican que se reflexa nas seccións para ao cinema galego: Planeta Gz, Supernova, a sección Terra, adicada a Arancha Brandón, #OutraCompostela, ademais da homenaxe á Roberto Vidal Bolaño que renderáse na sección paralela Curtocircuíto x Cineclube de Compostela..
Amplía a nova>>
24/08/2023
Lois Patiño competirá na Seminci con Samsara
A organización da Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci), daba a coñecer este 23 de agosto un avance dos filmes que proxectará na súa vindeira edición, que se celebra entre o 21 e o 28 de outubro vindeiros. Entre os nove primeiros títulos que competirán pola prestixiosa Espiga de Ouro está a longametraxe
Samsara, do galego Lois Patiño..
Amplía a nova>>
22/08/2023
O I John Balan Fest achega 48 filmes a Marín
John Balan Fest - Filmes Atlánticos e Novos Medios é o título do novo encontro audiovisual que bota a andar no concello de Marín entre o 24 e o 26 de agosto. A cita, que nace coa intención de promover o cinema independente galego e de homenaxear o popular persoeiro que lle dá nome, conta cun total de 48 filmes a concurso nas tres seccións coas que conta esta cita..
Amplía a nova>>
21/08/2023
Vinte e un proxectos reparten as axudas da Xunta a producións audiovisuais
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este venres 18 de agosto a resolución da convocatoria anual de subvencións para a produción e coprodución audiovisual. Esta liña de axudsa, dotada 2,5 millóns de euros, é a que achega unha maior contía a este sector por parte da Xunta, e facilitará o desenvolvemento de 21 novas longas cinematográficas, curtametraxes e series..
Amplía a nova>>
11/08/2023
Presentan a serie 'Rockefeller en Mondariz'
Hoxe venres ás 20:00 horas terá lugar no salón de actos do Concello de Mondariz Balneario (Pontevedra) a presentación en primicia da serie de televisión "Rockefeller en Mondariz". Este traballo audiovisual indaga na visita que o famoso millonario americano John Davison Rockefeller III fixo a Galicia no verán de 1929, cando visitou a catedral de Santiago, asistiu a unha corrida de touros en Pontevedra e tivo un encontro no Gran Hotel de Mondariz co entón xefe do Estado, o ditador Miguel Primo de Rivera. A produción forma parte do programa organizado pola Fundación Mondariz Templo del Agua e o Concello de Mondariz-Balneario para conmemorar o 150 aniversario da Declaración de Utilidade Pública das Augas de Mondariz (1873-2023) esta realizada en coproducción coa TVG.
Amplía a nova>>
09/08/2023
Premios Alecrín para Cans, Leilía, Acisclo Manzano e María Xosé Porteiro
O Festival de Cans, na categoría de Promoción Cultural, a escritora María Xosé Porteiro en Literatura, o escultor Acisclo Manzano en Artes ou o histórico grupo Leilía, en Música, recibirán este mércores 9 de agosto o Premio Alecrín da Cultura, concedido pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat), que agrupa a 14 entidades culturais galegas en toda Cataluña. A entrega destes premios terá lugar nun acto que se celebrará no Castelo do Concello ourensán de Castro Caldelas, presidido pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega. Os Premios Alecrín entréganse desde hai quince anos, para recoñecer o traballo a prol da cultura de asociacións, empresas e entidades galegas. Cada ano celébrase o acto de entrega nun concello galego diferente, case sempre vinculado á presenza de galegos en Cataluña..
Amplía a nova>>
04/08/2023
Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas
Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG..
Amplía a nova>>
03/08/2023
O festival de Toronto acollerá a estrea mundial de 'O Corno'
A película 'O Corno', da directora e guionista Jaione Camborda (Donostia, 1983), competirá na sección Platform do Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF), onde terá lugar a súa estrea internacional. O certame celebrarase entre o 7 e o 17 de setembro. A película, unha "road movie" rural ambientada na Galicia dos anos 70, está rodada en galego e portugués en diferentes localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal), e conta no seu reparto co protagonismo da bailarina e coreógrafa Janet Novás, debutando no cine, ademais de Diego Anido, Carla Rivas, Siobhan Fernandes, Nuria Lestegás e Julia Gómez, entre outros. O filme é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica). .
Amplía a nova>>
28/07/2023
Luís Zahera, Xurxo Fernández e Lume na palleira levan os Premios Rebulir
O actor Luís Zahera, na categoría de Artes escénicas; o músico Xurxo Fernándes na de Música Galega e o programa da Radio Galega Lume na Palleira, conducido por Emilio Españadero, na categoría de Homenaxe, xa poden presumir de ser os destinatarios dos XII Premios Rebulir da Cultura Galega. Ata o vindeiro 16 de decembro, dentro do Festival Internacional Rebulir, haberá que agardar para ver aos homenaxeados recoller os galardóns que lles veñen de ser outorgados. Un xurado composto por dez persoas convocadas pola Asociación Cultural Rebulir de Ramirás (Ourense), que organiza os galardóns e o festival, ven de decidir os destinatarios destes recoñecementos dirixidos a persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. As tres categorías dos premios (foron decididas por este xurado no que están presentes representantes de institucións públicas (Xunta de Galicia, deputación de Ourense e Concello de Ramirás) xunto con outros do tecido artístico, cultural e académico da provincia. .
Amplía a nova>>