Novas | 2391 a 2400 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

26/10/2010
Os actores tamén reflexionan sobre a crise nunha xornada

“Xornadas terapéuticas en busca dun tratamento eficaz”. Baixo este título tan gráfico, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAG) convoca unha xornada para falar de como lle afecta a crise aos actores. Terá lugar mañá mércores 27 e pola mañá analizarase a situación no teatro mentres que pola tarde se centrarán no sector audiovisual. A cita será no Consello da Cultura Galega onde a vindeira semana Escena Galega ten convocado a profesionais e analistas para abordar o mesmo tema pero enfocado só ao eido teatral. . Amplía a nova>>

25/10/2010
O Festival de Cans leva os seus traballos a Madrid e Barcelona

O agroglamour que desprende o festival de curtametraxes de Cans (Porriño) chegou onte á capital do Estado. No marco do 13º Festival Internacional de Curtametraxes, La Boca de Lobo, presentábanse dous traballos premiados no certame pontevedrés (Xeonllo e A nena que tiña unha soa orella). Fai parte da estratexia do certame de expendir o traballos dos novos realizadores fóra do marco do propio festival. Nesta liña, o Festival de Cans tamén se achegará mañá a Bruxelas onde participa por terceira vez na proxección que terá lugar no cine Vendome. . Amplía a nova>>

22/10/2010
Santiago prepárase para unha nova edición de Amal, o festival de cine euroárabe

A temática do encontro está clara: a cultura árabe. Pero o festival ábrese cada ano máis a diferentes manifestacións para achegar a cultura árabe. Empezou sendo un encontro exclusivamente cinematográfico, pero foi incorporando música, gastronomía e danza a medida que foron sucedéndose as edicións. A última arrinca mañá coa proxección do filme Zindeeq, de Michel Khleifi, gañador en 1987 do premio da crítica internacional no Festival de cananes e da Cuncha de Ouro de San Sebastián. Por diante quedan seis días no que haberá oco para ficción, documentais e numerosas actividades paralelas. . Amplía a nova>>

21/10/2010
Preséntase en Pontevedra a nova edición de Culturgal

O recinto feiral de Pontevedra acollerá entre o 26 e o 28 de novembro a nova edición de Culturgal, a feira das industrias culturais. O evento está organizado pola Asociación Culturgal, que agrupa as principais industrias da cultura do país e conta como principal patrocinador coa Axencia Galega das Industrias Culturais. Nesta edición, a feira fai parte do programa Creativa, que busca favorecer a conexión entre industrias do sector galegas e portuguesas. Os organizadores aseguraron que agardan manter o nivel do encontro malia á crise, e Juan Carlos Fernández Fasero, responsabel de AGADIC, anunciou que a súa entidade ten previsto o apoio á edición 2011. As entidades interesadas en participar teñen aberto ata o 29 de outubro o prazo de inscrición.. Amplía a nova>>

20/10/2010
O Festival de Cine de Ourense tivo preto de 14.000 espectadores

“Ourense punto de encontro e de desenvolvemnto da industria cinematográfica galega” así resumiu o director do festival de Cine, Enrique Nicanor, a valoración desta décimoquinta edición. En canto ás cifras, a organización facilitou un desglose detallado de participación xeral (13.964), dos profesionais (999), de escolares (1.275) e, ata do impacto económico que supuxo a cidade (355 noites de hotel repartidas en 6 establecementos hotaleiros). No lado das análises cualitativas, a presidenta do Consorcio, Isabel Pérez, apuntou a implicación de Luís Tosar, o anuncio da celebración en Ourense da gala dos Mestre Mateo así como a presentación dos filmes “A esmorga” e “Anos Despois” dirixida pola neta de Carlos Velo, Laura Gardós. . Amplía a nova>>

20/10/2010
Un manifesto pide o mantemento das axudas a desenvolvemento do talento

Era a a liña de axudas que permitía premiar a particulares, non a empresas, que lle daba a posibilidade de desenvolver a súa creatividade. Beneficiouse delas, entre outros, Óliver Laxe, que lle permitiu facer Todos vós sodes capitáns, coa que gañou na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes 2010. Este ano viron reducidas a súa contía a 300.000 euros, polo que un grupo de profesionais promoveron un manifesto de “Defensa das axudas de talento”. O texto, está colgado no web actodeprimavera.blogaliza.org, pide non só que se manteña esta convocatoria, senón tamén un incremento para chegar a máis beneficiarios. . Amplía a nova>>

19/10/2010
O xurado do Festival de Sitges concede unha mención especial a Vicenta de IB Cinema

É unha mediametraxe, unha adaptación do clásico Frankenstein en clave de comedia e en stop motion. O traballo Vicenta de IB Cinema recibiu onte unha mención especial do xurado do Festival de Sitges “pola súa orixinal homenaxe a unha obra maestra do cinema fantástico”. Vicenta conta coas voces de Santiago Segura, Esperanza Elipe e Marta Poveda. . Amplía a nova>>

18/10/2010
Un ciclo de proxeccións exhibe as creacións do “novo cinema galego”

Son autores nados a finais dos setenta, a maior parte deles comparten o denominador común de se formar fóra de Galicia. Manteñen unha actitude crítica coa ficción, máis próximos ao documental e unha plasticidade que evidencia que proceden de campos alleos ao cinematográfico. Son o “novo cinema galego” unha etiqueta que lle conceden J. M Sande, Martín Pawley e Xurxo González, os tres directores dun curso homónimo que se desenvolve todos os venres en pontevedra. É aí onde se poderán ver os traballos de creadores como Oliver Laxe, Susana Rei, Ramiro Ledo, Alberte Pagán ou Carlos Alberto Alonso que completarán a proxección cun coloquio. O ciclo desenvólvese na Casa das Campás ata o vindeiro 3 de decembro.. Amplía a nova>>

15/10/2010
Rodrigo Cortés dirixirá a Robert de Niro e a Sigourney Weaver

O seu Soterrador encandilou a crítica e público no Sundance, non para de colleitar premios (o último, o Méliès d´or ao mellor filme fantástico do ano en Sitges), pero a gran revelación deste 2010, o ourensá Rodrigo Cortés, xa está a preparar o seu seguinte traballo. Chamarase Red light e contará con Sigourney Weaver, que encarga a unha piscóloga cuxos estudos a levan a investigar a un coñecido parasicólogo, protagonizado por Robert de Niro. Ademais de director, Cortés estrearase como guionista. O filme comezará a rodarse en febreiro en Barcelona (sete semanas) desde onde se trasladarán a Canadá. . Amplía a nova>>

15/10/2010
A Seminci proxecta en sesións non competitivas tres filmes galegos

Retornos (na sección Punto de encontro), Cela 211 (no apartado Spanish Cinema) e A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol conforma a participación galega na Seminci, o festival de cine de Valladolid. O certame sufriu este ano un severo recorte (500.000 euros) no seu orzamento, pero mantese fiel ás súas principais sinais de identidade, desde homenaxear a figuras representativas (este ano Antonio Banderas) ata o de achegar películas diferentes que poucas veces chegan a carteleira tanto no panorama internacional como nacional. Non será o caso das producións galegas xa que Retornos (Vaca Films) chegará a salas o 23 de outubro e unha semana despois (o 29) estará A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol (Abano e Continental Producións), que se converte no primeiro filme 3D español en estrearse na carteleira.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org