12/08/2011
O ICAA abre prazos das súas liñas de axudas
O BOE publicou estes días as convocatorias de axudas dunha serie de liñas de apoio do Instituto da Cinematografía e Artes Audiovisuais (ICAA). Concretamente son as axudas para a produción de series de animación sobre proxecto (segunda convocatoria, prazo ata o 1 de setembro); formento de realización de películas en réxime de coprodución internacional (ata o 15 de setembro), a produción de filmes e documentais para televisión sobre proxecto (ata o 9 de setembro), e para a amortización de longametraxes (segunda convocatoria, prazo a ta o 20 de setembro)..
Amplía a nova>>
12/08/2011
Comeza a rodaxe de Quérote pero, unha comedia pensada para a web
Esta semana arrincou en Galicia a rodaxe de
Quérote pero, unha comedia formada por oito capítulos (dez minutos de duración) que conta as aventuras e desventuras dun grupo de amigos que rondan os trinta anos e non queren nin saber o que significa a palabra “adulto”. A serie está protagonizada pola actriz Tati García, que encarna a Berta, unha moza atractiva, divertida que chega a revolucionar a vida dun grupo de amigos. O proxecto está dirixido polo comunicador Carlos Gulías e entre as súas particularidades, destaca que está concibido para emitirse a través da rede. A rodaxe pódese seguir e comentar a través da súa propia web e as redes sociais. .
Amplía a nova>>
03/08/2011
AGADIC resolve axudas por valor de 674.097 euros
A Axencia Galega das Industrias Culturais publicou a resolución de catro das cinco liñas de axudas de convocara este ano. En concreto, trátase dos subsidios destinados á promoción do talento audiovisual, á produción de curtametraxes e mais ao desenvolvemento de proxectos fílmicos e contidos interactivos, que se repartirán un total de 674.097 euros. Benefícianse destas axudas 55 proxectos audiovisuais presentados por 49 produtoras, sendo o maior porcentaxe, 209.239 euros, o destinado ao desenvolvemento de contidos interactivos. .
Amplía a nova>>
01/08/2011
Ordes acolle a II edición do Cinestable
Logo do éxito da primeira edición, a casa da cultura de Ordes acolle os vindeiros 4 e 5 deste mes a segunda xeira do Cinestable. A iniciativa, centrada en curtametraxes feitas baixo licenza Creative Commons, contará coa presenza de Nicolás Alcalá, director do filme
El Cosmonauta que desenvolve con este sistema e recadando fondos mediante crowdfunding. Canda a isto proxectaranse os corenta filmes que entraron a concurso nesta edición. O evento está organizado pola Asocición de Usuarios de Linux Inestable coa colaboración do Concello e de Radio Ordes..
Amplía a nova>>
21/07/2011
Un convenio permite dixitalizar quince anos da memoria audiovisual recente do país
Son 4.564 latas de cine que contén a memoria visual de Galicia entre 1971 e 1986, é dicir, dos últimos anos do franquismo e os primeiros anos da democracia. Un material que agora se catalogará e dixitalizará grazas a un acordo a catro bandas (Consello da Cultura, Secretaría Xeral de Medios, Fundación Cidade da Cultura e a Corporación RTVE) que se asinou hoxe coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Non hai prazos establecidos para fixar a elaboración deste traballo que recupera quince anos de imaxes, entrevistas e demais materiais que preservan a imaxe audiovisual do país e entre as que hai reportaxes, entrevistas, documentación de actividades oficiais, paisaxes ata mobilizacións sociais..
Amplía a nova>>
15/07/2011
As Xociviga non se desenvolverán no mes de agosto
Son as xornadas audiovisuais máis antigas de Galicia. A súa é unha historia de adiamentos, atrasos e mesmo de edicións sen celebrar, ao tempo que fan parte da historia do audiovisual deste país. Nesta ocasión, as Xociviga non se desenvolverán no mes de agosto. Tal e como publica hoxe
La Región, o cambio de goberno fixo que o actual equipo non teña tempo para organizar a súa celebración que, segundo se recolle nese mesmo medio, os anteriores rexedores non deixaron organizado nin orzamentado. Con todo, o novo concelleiro de cultura, Rodrigo González, espera iniciar os trámites para organizar este encontro no mes de setembro..
Amplía a nova>>
14/07/2011
A Comisión Europea propón fusionar todos os seus programas culturais
O actual proxecto cultural da Unión Europea remata en 2013. Por iso, a Comisión Europea está a elaborar o seu programa para o seguinte sexenio. A súa proposta chámse “Creative Europe” e unificaría os programas Cultura, Media (destinado a promoción do sector audiovisual) e Media Mundus, e contaría cun orzamento de 1.600 millóns de euros. A proposta debe ser negociada entre a Comisión, o Parlamento Europeo e o Consello da UE para o vindeiro marco orzamentario..
Amplía a nova>>
13/07/2011
A CRTVG renova o seu sitio web apostando por un "formato multisoporte"
Nun acto celebrado hoxe á mañá no Estudo 5 da Televisión de Galicia, a CRTVG presentou o novo web da compañía. A nova versión levaba en fase "beta" (en probas) desde o 17 de maio, pero foi hoxe cando iniciou oficialmente as súas actividades substituíndo á anterior. Cunha importante reforma de deseño, o novo web reestrutura os contidos e incorpora outros novos, como unha canle temática da escultura onde se amosan vídeos e reportaxes que identifican a cada concello galego, ou unha base de datos coa información das producións audiovisuais participadas pola compañía. Ademais, o servizo incorpora máis contidos á carta. "Atendemos ás demandas dos usuarios do servizo e incorporamos todos os capítulos de series antigas como
Mareas Vivas ou
Pratos Combinados. Sánchez Izquiero, director xeral da CRTVG, destacou o éxito dalgunhas das novas propostas, como a canle deportiva, e enfatizou que o novo web está optimizado tamén para teléfonos e
tablets. Para Esther Medina, un dos elementos importantes é a aposta da nova versión pola integración coas redes sociais e "a gran conversa" que é Internet. .
Amplía a nova>>
07/07/2011
Mundos Dixitais premia o proxecto Libro de Pedra cun 3D Award
A proposta da empresa coruñasa Ilux Visual Technologies e Video Lab, co Grupo de Visualización Avanzada da Universidade da Coruña acaba de gañar un dos premios 3D Awards, un dos máximos galardóns en infoarquitectura. Foi na categoría de Real –Time Presentation (presentación dun espazo en tempo real), na que proxecto galego permite facer un paseo virtual pola Catedral de Santiago. Ademais, dentro da programación de Mundos Dixitais, hoxe é o día no que o sector profesional galego ten máis relevancia, xa que tres empresas galegas (Perro Verde Films, Otiiplanet e Moonbite Games) presentarán os seus últimos traballos..
Amplía a nova>>
01/07/2011
A TVG regula a forma na que lle cheguen os proxectos e ideas para programas e contidos
Hoxe entran en vigor as regras que a dirección xeral da CRTVG estableceu para regular a forma na que os creadores e empresas presenten ideas para programas de interese para a empresa. Cada proxecto (que presentar unha copia en papel e outra en dixital) contará cun número de entrada, ha de incluír unha memoria que inclúa unha serie de apartados establecidos nas bases (calidade, identidade, difusión da lingua, promoción, innovación e tecnoloxía, reponsabilidade na xestión), así como unha serie de datos formais comúns a todos eles (títulos, xéneros, propostas de programación e multiplataforma, orzamento…) e específicos por proxecto. .
Amplía a nova>>