07/06/2011
O BNG deslígase da ponencia para a reforma da CRTVG
Non foi o procedemento para nomear ao director –xerente da CRTVG, senón as “diferencias de fondo” as que fixeron que o BNG abandonara a ponencia para reforma da Lei da Compañía da CRTVG. Deste xeito queda paralizada a posibilidade de modificar, por consenso, a Lei 9/1984 que regula a organización dos medios públicos agrupados na CRTVG (ou sexa, a TVG e a Radio Galega). Segundo declarou a deputada nacionalista Ana Pontón o texto non era moi ambicioso en canto a promoción do idioma e non apostaba por unha verdadeira rexeneración democrática. Este grupo parlamentario ofrecerá esta semana a súa propia versión para a reforma..
Amplía a nova>>
06/06/2011
Doentes chegará a Moscova e Dobao remata a rodaxe de Sinbad
Chegou as carteleiras galegas hai unha semanas e inicia agora o seu percorrido por festivais.
Doentes (Filmanova e Zircozine) foi seleccionada para participar na 33 edición do Festival Internacional de Cine de Moscova na sección
Focus on Spain. Hai máis novas para o audiovisual galego, xa que Antón Dobao rematou a rodaxe da súa adaptación da popular obra de Álvaro Cunqueiro
Si o vello Sinbad volvese ás illas. A película, que se emitirá na Televisión de Galicia baixo o nome de
Sinbad, enmárcase no ciclo Un mundo de historias. E remata este repaso pola actualidade da produción audiovisual cunha publicación. Martin Pawley, José Manuel Sande e Xurxo González elaborarán a primeira monografía sobre o que deron en chamar
Novo Cinema Galego..
Amplía a nova>>
06/06/2011
Compostela na memoria
Reconstruír a historia de Compostela entre 1900 e 1975 a través dos recordos dos seus habitantes. Esta é a proposta de
A memoria da xente unha exposición que está a circular polos centros socioculturais de Santiago. A coincidir coa mostra, recóllense e escanéanse fotografías antigas e outros materiais que queiran achegar os veciños e vanse completando videos e paneis. Agora, ademais, o proxecto conta cunha páxina web na que se van publicando os contidos que se van icorporando ao mesmo, e que inclúe unha sección dedicada a aqueles composteláns que viviron a represión franquista. Achegámoste unha mostra dos contidos que fan parte deste proxecto..
Amplía a nova>>
30/05/2011
Agadic convoca as axudas á produción audiovisual que reducen a contía en dous millóns
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas á produción e coprodución audiovisual. É a liña de subvencións máis destacada para o sector audiovisual galego que reducen a súa contía en dous millóns de euros, pasando dos 4.9 millóns de 2010 a 2.9 millóns neste ano. A convocatoria mantén os memos parámetros de valoración (contidos culturais, o galego como lingua de rodaxe e primar a presenza de mulleres no equipo, entre outros) que en convocatorias anteriores e hai un mes para presentar as solicitudes..
Amplía a nova>>
27/05/2011
Héctor Carré regresa á dirección con Personal Movie, producida por Sun Lua
Un mozo érguese pola mañá e descubre na neveira un brazo cunha tatuaxe. Como non recorda nada desde a festa do día anterior, opta por non chamar a policía. Así comeza o último filme de Sun Lua e Filmanova,
Personal Movie. Dirixida polo coruñés Héctor Carré que regresa a dirección logo varios anos, tras dedicarse ao guión de, entre outros filmes,
O neno de barro (Adivina Producións) . O filme está aínda en fase de rodaxe pola zona da Coruña (a vindeira semana estarán en Bastiagueiro) e ten prevista a súa chegada a salas no primeiro semestre de 2012.
.
Amplía a nova>>
27/05/2011
Antonio Mourelos presidirá a Academia Galega do Audiovisual
Esta tarde terá lugar a asemblea da Academia Galega do Audiovisual na que se elixirá ao novo presidente deste organismo. E será, se non acontece nada imprevisto, Antonio Mourelos xa que é o único candidato que opta ao posto. Na súa listaxe conta co director Jorge Coira, o actor Luis Tosar, a produtora Enma Lustres, o guionista Daniel Domínguez e o decano da facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira, entre outros. Mourelos presidirá a Academia nun momento complicado para o sector ante o recorte de axudas anunciadas pola Xunta que destinará ao sector 6 millóns de euros entre a Agadic e o Consorcio Audiovisual de Galicia..
Amplía a nova>>
26/05/2011
Todos vós sodes capitáns, de Óliver Laxe, estrearase en tres salas comerciais
Non é habitual que este tipo de filmes cheguen a salas comerciais, por iso, aínda que só sexan 3 copias é destacado que o filme de Ólive Laxe,
Todos vós sodes capitáns, chegue a salas comerciais. Será na Sala Berlanga (Madrid), os Cinemes Girona (Barcelona) e tamén os Filmax (A Coruña) onde se poderá ver este filme galardoado co premio Fipresci. A película rodouse en Marrocos e conta a historia dun grupo de rapaces dun centro de acollida que participaban nun obradoiro de cine. Foi galardoado co premio Fipresci para novos realizadores na pasa edición do festival de Cannes, máis unha traxectoria exitosa en festivais. Está previsto que se emita pola canle de pago TCM, en datas aínda sen precisar. .
Amplía a nova>>
25/05/2011
Roberto Varela insiste que a política audiovisual está unificada entre o Consorcio e Agadic
“Todas as competencias sobre o audiovisual coordínanse dentro do marco da área de Cultura” asegurou Roberto Varela, conselleiro de Cultura, no marco dunha intervención no Parlamento. Con todo, recoñeceu que son a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Consorcio Audiovisual as dúas entidades que xestionan e coordinan as políticas públicas nesta materia. Varela anunciou unha “liña de axudas para a actualización das pantallas de cine aos novos sistemas dixitais e se garantirá un marco estable de apoio a festivais”. Ademais, no ámbito da internacionalización apuntou varias liñas: desde potenciar a Galicia Films Comission para atraer rodaxes; promoción en mercados exteriores e o reforzamento dos programas de coproducións (Semprecinema, Raíces, Galicia Brasil) así como os catálogos “curtas”, e “docs”. Alén de insistir que en breve se presentarán os sitios webs corporativos (que contarán cunha canle de visionado de productos audiovisuais), cifrou o apoio ao sector en 6 millóns de euros..
Amplía a nova>>
24/05/2011
A lingua, o cinema e as pantallas
Estes días está en carteleira “Doentes”, unha produción rodada íntegramente en galego. Unha aposta arriscada por parte de Filmanova, que puxo cinco copias nas carteleiras, e que pensou no mercado exclusivamente galego. Nos últimos tempos, estase a notar certo aperturismo por parte dos produtores audiovisuais que asumen o compromiso de rodar en galego pero quedan camiños por percorrer: público e administración, que teñen moito que dicir para contribuír á normalización cinematográfica..
Amplía a nova>>
23/05/2011
Estereoscopía e Birdboy, gañadores no VIII festival de Cans
Estereoscopía é a terceira parte da pentaloxía que Xacio Baño dedicou a explorar os sentidos, mentres que
Birdboy é unha metáfora dos problemas dos adolescentes. Ambas son as gañadoras da VIII edición do Festival de Cans e recibirán 1.500 euros máis o correspondente Can de Pedra. O público, que este ano bateu marcas de participación, votou a
Vicenta, na categoría de animación e a
De que rin as hienas en ficción. Esta última produción, marchou de Cans coas mans cheas, ao recibir tamén os premios a mellor interpretación feminina e mellor guión..
Amplía a nova>>