Novas | 2161 a 2170 de 4285

<< Anterior Siguiente >>

08/11/2011
O filme Engurras é preseleccionado para os Óscars na categoría de animación

Despois da boa acollida no Festival de San Sebastián, onde obtivo un apoio unánime da crítica, o filme Engurras figura entre o listado de cintas preseleccionadas aos Óscars. O filme producido pola produtora coruñesa Perro Verde Films, con guión de Ángel de la Cruz e música de Nani García, consiste na adaptación cinematográfica do cómic homónimo do ilustrador Paco Roca baseado no alzheimer. Tintin, Cars 2, Chico y Rita son algúns dos traballos cos que compite e que poderán pasar a ter a categoría de candidatos unha vez sexan estreados neste ano nunha sala comercial en Los Ángeles. A partir de aí iniciarase o proceso de selección dos candidatos por parte dos membros da Academia de Cine. A produción chegará as carteleiras españolas no vindeiro 2012.. Amplía a nova>>

07/11/2011
Lobos de Arga gaña o premio do público da Semana de Terror de San Sebastián

Despois do de Sitges, a Semana de Cine Fantático e de Terror de San Sebastián é unha das citas imprescindibles do xénero en todo o Estado. E por primeira vez na súa historia, o certame premiou unha película española. Trátase de Lobos de Arga, a coprodución de Vaca Films que conta unha historia de homes lobo en clave de comedia. O filme, de cinco millóns de euros de orzamento, rodouse nos arredores de Santiago e conta con gran equipo técnico e artístico galego. . Amplía a nova>>

04/11/2011
Aitana Sánchez Gijón e Jorge Drexler reciben os premios da XXV edición de Cineuropa

Producións independentes, de calidade e premiadas nos principais festivais de cinema de referencia. Estes son os ingredientes do éxito de Cineuropa, unha cita imprescindible no calendario cultural do mes de novembro en Santiago que cumpre neste 2011, vinte e cinco anos de existencia. “Sen o respaldo do público non tería sentido” aseguraba o seu director e alma máter, Jose Luis Losa, que presentou a sección oficial, os ciclos temáticos e as galas de entrega dos premios. Aitana Sánchez Gijón recibe o premio Cineuropa na gala que abrirá esta edición do certame o vindeiro mércores 9. O outro premio recae en Jorge Drexler, que ofrecerá un concerto especial (martes 15) e que para o director Jose Luis Losa, “é un regalo que lle fai o concello ao seu público pola súa asistencia”. Ademais, “xuntando a celebración do 800 aniversario da Catedral e as vodas de prata de Cineuropa, a Real Filharmonía de Galicia interpretara música de Shostakovich” engadiu o concelleiro de Cultura, Ángel Currás. O prezo mantense en 3 euros a entrada individual e 20 euros o bono de 10 filmes. . Amplía a nova>>

03/11/2011
Zircocine ficciona unha historia sobre as FARC en Operación E

O campesino cocaleiro José Crisanto (Luís Tosar) recibe o encargo de coidar de Enmanuel, o fillo que a Clara Rojas (Martina García) tivo cun guerrilleiro mentres estaba secuestrada. A FARC anuncian a liberación da nai e do fillo, pero o día previsto a guerrilla non sabe onde está o neno. Esta é a historia que conta Operación E, o último filme da produtora xestionada por Luís Tosar e Farruco Castromán, Zircozine. Ademais, ambos produtores son tamén actores neste trhiller. A rodaxe comeza agora na selva colombiana con Miguel Cuortois Paternina, realizador hispano-francés coñecido polos seus dous filmes sobre terrorismo: GAL e El Lobo, como director. O filme ten un orzamento de 3 millóns de euros, conta co apoio do ICAA e está coproducido coa española Tormenta Films e a francesa A.J.O.Z. Films, coa participación de Televisión Española e Canal + Francia.. Amplía a nova>>

02/11/2011
Manolo Paz, Quico Cadaval ou Rogelio Groba, entre os galardoados cos Premios da Cultura Galega

Son os galardóns máis destacados da cultura galega. Creados polo bipartido, modificados (perderon a etiqueta de nacionais máis a dotación económica, así como reduciron o número de premios) polo actual goberno recoñecen os mellores creadores do país. Nesta ocasión, os gañadores son Arcadio López Casanova na categoría de Letras, Manolo Paz en Artes Plásticas, Quico Cadaval en Artes Escénicas, a Fundación ‘Aquae Querquennae’ na de Patrimonio Cultural, Carlos Núñez en Promoción Cultural de Galicia, Rogelio Groba en Música e María Pujalte en Creación Audiovisual.. Amplía a nova>>

02/11/2011
A CRTVG convértese en corporación pública

Elección do Director Xeral por maioría cualificada no Parlamento, redución do Consello Asesor de 12 a 6 membros, elexido tamén por maioría de dous terzos, e mandato de 5 anos para ambas as dúas entidades; simplificación das tres sociedades (CRTVG, TVG e Radio Galega) que se converten en Corporación e coa cualificación de “medio público” con financiamento público. Estas son algunhas das características da nova Lei de Medios Públicos de Galicia que se aprobou hoxe no Parlamento con 61 votos a favor e 12 en contra, pertencentes ao Bloque Nacionalista Galego que presentou 85 emendas, todas elas rexeitadas. A lei aprobouse despois dunha serie de manifestacións e unha xornada de folga convocada polos traballadores do ente que denunciaban que o texto abre a porta á privatización do ente.. Amplía a nova>>

02/11/2011
Os Cineclubes denuncian que o desamparo administrativo afoga as súas actividades

No bienio 2010-2011, os 22 cineclubes galegos proxectaron 559 producións audiovisuais que chegaron de 35 nacionalidades diferentes cunha media de cen espectadores por sesión. “As cifras evidencian a nosa liña de traballo, que dá conta da diversidade cinematográfica e o cinema non comercial e independente” explica Manuel Precedo, presidente da Federación de Cineclubes de Galicia. Sen embargo, este volumen de actividade non conta co respaldo administrativo xa que a Xunta non renovou o convenio que viñan asinado desde hai quince anos “por falta de financiamento” o que pon a entidade nunha difícil situación. Con todo, a Federación presentou o “Encontro de Cineclubes” que terá lugar esta fin de semana (5-6 de novembro) para intercambiar experiencias con entidades homólogas de Portugal e de Cataluña.. Amplía a nova>>

28/10/2011
Cineuropa comezará o 9 de novembro fiel á fórmula de "festival de festivais"

"O cabalo de Turín" (de Bela Tarr, galardoado co Oso de Prata en Berlín), "Le Havre" (de Aki Kaurismaki, Premio da Crítica en Cannes), "Fausto" (de Aleksandr Sokurov, León de Ouro en Venecia), "Route Irish" de Kean Loach, "L’Apollonide" de Bertrand Bonello, ou acontrovertida "Hors Satan" de Bruno Dumontson algúns dos títulos que se poderán ver nesta edición de Cineuropa. Nesta ocasión, o festival dirixido por Jose Luís Losa, cumpre 25 anos fiel á súa liña de traballo de cinema independente e de traer filmes premiados noutros festivais internacionais. O vindeiro 4 de novembro presentarase ao público o programa completo, os gañadores do premio Cineuropa deste ano e "sorpresas" para celebrar as vodas de prata. O Teatro Principal, o Salón Teatro , o CGAC e os espazos da Fundación NovaCaixaGalicia serán a sede deste festival.. Amplía a nova>>

27/10/2011
Mudan os hábitos

Os galegos están a mudar os seus hábitos culturais. A crise económica, a integración das novas tecnoloxías ou mesmo as modas están a facer que algunhas das opcións máis habituais neste campo teñan que compartir espazo con novos xeitos. Tanto na asistencia a espectáculos como, de xeito especial, nas actividades artísticas que desenvolven os galegos, detéctase que estamos ante novos tempos. O Observatorio da Cultura Galega explota os datos da enquisa de hábitos e prácticas culturais en España do Ministerio de Cultura e amósanos, entre outras cousas, a pegada que teñen os videoxogos no noso país.. Amplía a nova>>

26/10/2011
Un documental recupera imaxes dos anos vinte gravadas polo xuíz Bellver

Case cinco décadas despois de que o xuíz José Bellver falecera na súa casa de Pontevedra, na súa casa repousaba un dos seus segredos. Coñecíase a súa afición á fotografía (autor do album de postais “Estampas de Galicia”), pero non á cinematográfica polo que o achado tivo un valor dobre. Agora, as 29 latas que rexistraron estampas de feiras, peiraos, e rúas de todos aqueles lugares nos que o maxistrado viviu descansan no Centro Galego de Artes da Imaxe. Espazo no que hoxe se presenta o documental Milímetros, no que o director Xes Chapela aproveita as ese material para por en valor o patrimonio audiovisual e, ao mesmo tempo, trasladarnos á Galicia dos anos vinte. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org