Novas | 2021 a 2030 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

28/03/2012
O Festival de Cans bate a marca de participación

Os organizadores do IX Festival de Cans recibiron un total de 99 curtametraxes de ficción, 10 de animación e 57 videoclips para entrar en concurso no evento. O total de 166 producións supoñen unha marca para este evento, cun 53% máis curtametraxes e un incremento do 18% na categoría de videoclips. Malia á crise que afecta ao sector audiovisual, e que tamén se deixa sentir na organización de Festivais, a organización salienta as cifras acadadas e o feito de que se manteñen as dez categorías e as contías dos premios. Serán un total de 6.200 euros e estatuas de cans feitas en granito que se distribuirán entre oito curtas dous videoclips. Os responsables do evento están a seleccionar o material que entrará finalmente a concurso entre o 23 e o 26 de maio.. Amplía a nova>>

26/03/2012
O Vikingland de Xurxo Chirro gaña o Play Doc

Aínda que a película documental Vikingland xa participou en varios festivais internacionais, foi o xurado do Play Doc quen decidiu outorgar a vitoria a este filme do realizador gardés Xurxo Chirro. O xurado describiu así esta longametraxe documental: "Queremos premiar unha película que crea profundas reverberacións emocionais entre o protagonista e o cineasta, nun intervalo de 20 anos e nun sorprendente acto de xenerosidade. É unha película na que o protagonista mostra ao cineasta o camiño para descubrir a súa voz propia". Xurxo Chirro recolleu o galardón, consistente nunha estatuíña e en 5.000 euros, agradecendo á súa produtora Beli Martínez e a Luis Lomba, o "Haia", autor da metraxe orixinal, a súa xenerosidade. "Xa dixen ao presentala que era unha película especial e singular, cun complicado consenso en públicos e xurados", engadiu.. Amplía a nova>>

23/03/2012
Nace en Vigo un novo festival cinematográfico

Coa intención de amosar o traballo audiovisual feito en Galicia, as asociacións Musiquina 33MG e Reencanto Producións botan a andar a primeira edición do festival Primavera do Cine. O evento, que se celebrará entre o 30 de maio e o 2 de xuño, ten aberto ata o 25 de abril o prazo de inscrición para as producións, e non pon límite temporal ás que se poden presentar. Deste xeito, os organizadores pretenden amosar desde obras clásicas do cinema galego ata os últimos traballos que se fixeron no país. Está previsto unha entrada dun euro para asistir ás proxeccións.. Amplía a nova>>

21/03/2012
Máis visible, con menos cartos

O Play-Doc enfronta a crise con creatividade. O festival internacional de documentais de Tui inicia hoxe a súa VIII Edición cun programa recortado pero no que busca manter a creatividade e abre novos espazos para se dar a coñecer. . Amplía a nova>>

20/03/2012
Morris é o novo Pedigree do Festival de Cans

Antonio Duran Morris foi distinguido pola organización do Festival de Cans co premio Pedigree'12. O galardón recoñece a súa traxectoria como "actor de cine, televisión e teatro" e destaca "o seu apoio constante aos novos realizadores de curtametraxes". Canda a el, na vindeira edición do festival que se celebrará o vindeiro mes de maio, outorgaránselles os chimpíns de prata ao xornalista e presentador Gonzo e mais aos veciños Carme Fernández e Alberto Davila polo seu apoio ao festival.. Amplía a nova>>

13/03/2012
Xavier Villaverde estrea O sexo dos anxos

O Festival Internacional de Miami acollía o pasado día 4 de marzo a estrea mundial de O sexo dos anxos, o novo filme de Xavier Villaverde. O proxecto, que chega da man de Continental Producións e de Stop Line, é unha comedia sobre un trío amoroso protagonizado por Astrid Bergès-Frisbey, Llorenç González e Álvaro Cervantes. O filme foi xa seleccionado para a sección oficial do vindeiro Festival de Cine Español de Málaga. Dentro da campaña de promoción, o director convida ao público a participar nun concurso creando o seu propio trailer da película a partir e 70 planos e 3 cancións da mesma.. Amplía a nova>>

12/03/2012
Perro Verde leva o premio á mellor produtora no Cartoon Movie

A empresa coruñesa Perro Verde Films impúxose nos premios do XIV Cartoon Movie de Lyon. O seu traballo co filme Engurras valeulle á firma facerse co premio European Producer of the Year, un dos tres que se entregan anualmente no coñecido festival de animación de Lyon. A produción de Perro Verde foi tamén a encarga de abrir o evento o pasado día 7 de marzo. Os coruñeses competían coas firmas francesas Blue Spirit Animation e Moonscoop, e anunciaron que están a traballar nun novo filme de animación, tamén con Ignacio Ferreras de director.. Amplía a nova>>

06/03/2012
Matalobos encabeza os finalistas aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer esta mañá o candidatos aos Premios Mestre Mateo que recoñecen as mellores producións galegas de 2011. A serie Matalobos, con 15 nominacións, encabeza a listaxe, seguida pola longametraxe Doentes, que suma trece. A longametraxe de animación Engurras opta a oito, seguinda de Tralas luces, con 6, empatada co filme para televisión Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego. En total, concorreron aos premios un total de 132 obras, 85 produtoras e 385 profesionais, o que para a Academia verifica que "o talento en Galicia non está en crise", segundo afirmou Emma Lustres, da xunta directiva desta entidade.. Amplía a nova>>

06/03/2012
AGADIC abre Canle.tv con 120 títulos

A longamente agardada web Canle.tv, da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), botaba a andar hoxe. O espazo que substitúe a Flocos.tv, que pechara ai un ano, recolle producións cinematográficas galegas organizadas en seis categorías principais: ficción, animación, documental, experimental, videoclips e adiantos. O proxecto conta polo momento con 122 títulos, menos das metade dos 350 que ofertaba Flocos.tv no momento do seu feche. Segundo AGADIC, isto se debe a que foron estas producións ás únicas que os seus propietarios permitiron reproducir no marco deste proxecto.. Amplía a nova>>

05/03/2012
A Deputación de Lugo pon en marcha Cinemalugo.tv

A área de Cultura da Deputación de Lugo presentaba esta mañá Cinemalugo.tv. O web pretende facilitar "promoción e difusión do cinema galego" e para isto permite ver en rede obras que realizadas por creadores lugueses. O apoio aos novos valores e mais e a dixitalización de traballos do patrimonio audiovisual son outros dos obxectivos do proxecto. Polo momento, o web conta cos documentais Un viaje por Galicia, Riquezas Lucenses e mais Marcha de Xove de Carlos Varela. En ficción pode verse O documento de Enrique R. Baixeras, O labirinto Ario, Vivindo en Lugo e mais 33. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org