Novas | 1971 a 1980 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

17/07/2012
Dezaoito proxectos benefícianse das axudas a produción audiovisual

A páxina web de Agadic acaba de facer pública listaxe de beneficiarios da única das liñas de axudas convocadas para o sector audiovisual ata o momento: a de produción ou coproducións audiovisuais. Un total de 18 proxectos recibirán os 2.878.390,83 desta convocatoria entre as categorías de longametraxes cinematográficas, opera prima, telefilmes ou os dous tipos de longametraxes documentais (de creación ou difusión cultural). Entre os títulos seleccionados figuran as adaptacións cinematográficas de A esmorga (por Vía Láctea Films, SL que recibe a contía máis alta con 334.369.75 euros) ou a banda deseñada Psiconautas (que recibiu en 2008 unha axuda a desenvolvemento de guión). Lobos Sucios, de Adivina Producciones ou Somos xente honrada de Vaca Films Studio SL son outros dos títulos beneficiarios de subvención. . Amplía a nova>>

17/07/2012
Luís Tosar participará na segunda longametraxe de Emilio Aragón

Despois da súa ópera prima, Pájaros de papel, Emilio Aragón (La Habana, 1959) está a preparar o seu segundo traballo como director. De momento son poucos os detalles que se coñecen deste traballo que se rodará este verán nos Estados Unidos. Entre os nomes confirmados está o dos galegos Luís Tosar (Lugo, 1971) e Javier Gutiérrez. Canda eles, figuran Angie Cepeda e Robert Duvall, que tamén está involucrado na produción xunto ao propio Emilio Aragón. . Amplía a nova>>

16/07/2012
Vaca Films traballa seu vindeiro thriller, O neno, con Tosar como protagonista

Luís Tosar como protagonista, Vaca Films como produtora, Daniel Monzón como director e coguionista xunto con Jorge Guerricaechevarría asinaron en 2009, o éxito Cela 2011. Agora ese equipo volve repetir aposta con O neno. Trátase dun filme coproducido con Telecinco, Ikiru Films e a francesa La Ferme Produccions que acaba de recibir unha achega de 650.000 euros do fondo de Consello de Europa. O filme ten previsto iniciar a súa rodaxe a principios de 2013 e chegar a carteleira a final dese mesmo ano. Conta a historia dun neno que comeza trapicheando con droga acaba por converterse nun dos principais traficantes do país, ao amparo dunha policía corrupta.. Amplía a nova>>

16/07/2012
O Festival de Ourense reduce a sección competitiva a longametraxes

As longametraxes foron sempre o “buque insignia” do Festival Internacional de Cine de Ourense, por iso é o único xénero que se mantén neste certame que cumpre dezasete edicións. A cita, que se desenvolverá do 2 ao 11 de novembro, reduce o seu modelo competitivo só a longametraxes aínda que desde a organización aseguran que manterán outros ciclos de exhibición. Así o decidiu o Consello Reitor do OUFF reunido o pasado venres nos que se barallaron outras fórmulas e modelos de festival. Este foi un ano especialmente complicado para a entidade, xa que en xaneiro a Deputación de Ourense aprobou a saída do Consorcio que conformaba co concello. Alén da publicación das bases, cuxo prazo de recepción abre hoxe, o festival mantén activa a súa sección OUFF Escola, actividade dirixida á comunidade escolar.. Amplía a nova>>

12/07/2012
Estréase en Vigo Galicia Caníbal, o musical de Antón Reixa sobre os anos oitenta

Unha rockeira morta, un ERE do metal e un proxecto de divorcio… todo isto aderezado coa banda sonora dos anos oitenta (do Bailaré sobre tu tumba de Siniestro Total ata a inexcusable Galicia Caníbal dos Resentidos, pasando por Malos tiempos para la lírica de Golpes Bajos ou No me beses en los labios de Aerolíneas Federales). O resultado é o músical Galicia Caníbal,a gran aposta de Antón Reixa para Filmanova Invest deste ano. O espectáculo estréase hoxe en Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia) desde onde partirá para a xira galega de verán con recaladas en Santiago, Vilagarcía e A Coruña. Tras un período en Madrid (de setembro a decembro), iniciará unha xira a principios de 2013 que o levará por varios escenarios do Estado.. Amplía a nova>>

12/07/2012
Os filmes Arraianos e Polvo debutan no Festival de Locarno

É unha vila pequena de Suíza pero Locarno convértese nos primeiros días de agosto (este ano o festival celébrase entre o 1 e o 11) nunha das referencias internacionais do cinema de autor. Na programación deste ano destacan dous títulos galegos. Dunha banda, a segunda longametraxe de Eloy Enciso (Meira, 1975) que se inspira na obra teatral O bosque do escritor coruñés Jenaro Marinhas del Valle. A produción, rodada na fronteira galego-portuguesa nos últimos cinco anos, compite na sección “Cineastas do presente”. Da outra, está Polvo, a coprodución galego (Tic Tac Producciones), chilena (Fábula) e guatemalteca (Melindrosa Films) que compite na sección internacional. Este filme dirixido por Julio Hernández conta unha historia persoal, a de Alexandra e Ignacio, cando están a rodar un documental sobre a Guerra Civil de Guatemala (1960-1996).. Amplía a nova>>

10/07/2012
Miguel de Lira recibirá a Insignia de Honra das Xociviga

Do 3 ao 7 de agosto terá lugar as Xociviga 2012. Malia que aínda non se coñece o cartel desta edición, o Cineclube Carballiño deu a coñecer que Miguel de Lira será o homenaxeado este ano, e estará na localidade ourensá o vindeiro día 7 para recibir a Insignia de Honra. Despois do acto de entrega, exhibirase unha das súas curtas. Ademais, para abrir boca, o cineclube organiza entre os días 31 de xullo e 2 de agosto “Cine ó aire libre” no que se proxectarán varias longametraxes.. Amplía a nova>>

10/07/2012
Un curso analiza a creatividade como fórmula ante a crise audiovisual

Como cada ano, Celanova acollerá un curso de verán que pretende servir de lugar de reflexión sobre o audiovisual galego. Nesta ocasión, baixo o título “Crise versus creatividade” pretende analizar as últimas producións audiovisuais galegas e a situación ante o contexto delicado que atravesa o sector. O documental "Tralas luces", a longametraxe “O sexo dos anxos” (Xavier Villaverde) e a curta "Birdboy" (Pedro Rivero e Alberto Vázquez) son algúns dos títulos dos que se falará nesta cita. Como novidade, o curso incluirá a realización dun documental que implicará tamén a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo, no que catro actores participarán na rodaxe. O curso, organizado pola Universidade de Vigo, a Fudnación Carlos Casares, desenvólvese entre o 18 e o 20 de xullo.. Amplía a nova>>

09/07/2012
Toño Casais preside a Asociación de Actores buscando potenciar a plataforma da artes escénicas

A asamblea da Asociación de Actores e Actrices de Galicia votou este domingo a Toño Casais como o seu novo presidente. Era unha candidatura proposta polo seu antecesor, Antonio Durán “Morris”, polo que a nova xunta directiva mantén nomes da anterior, xunto con novas caras do sector escénico. Toño Casais asegura que entre as liñas claves do seu mandato destaca “permanecer na plataforma das arte escénicas como unha ferramenta de loita diante das institucións”, continuar defendendo os intereses do sector a través da súa participación no Consello Reitor de Agadic diante dunha situación que cualificou como “dramática para o sector”. Ademais, a implicación activa na celebración do Día das Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño, así como presiona pola celebración da feira das artes escénicas. . Amplía a nova>>

05/07/2012
Comeza a programación de verán do Festival de Cine de Ourense

Historias cotiás, relacións humanas, moito humor e en formato breve. Son os ingredientes de Baixo as Estrelas 2012, a programación de verán paralela ao Festival de Cine de Ourense. En medio das dúbidas sobre a continuidade do encontro trala anunciada disolución do Consorcio (entre a Deputación e o Concello de Ourense) que organizaba este encontro, mantense a programación de verán. O Baixo as Estrelas, en colaboración con Promofest, terá lugar todos os venres de xullo e agosto. A asistenza é de balde e a última sesión acollerá algunha sorpresa. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org