Novas | 1641 a 1650 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

26/02/2014
O 48h film project volta á Coruña

Logo do éxito do pasado ano, o coruñés centro Ágora acollerá na fin de semana do 28 ao 30 de marzo unha segunda xeira do 48h film project. Esta iniciativa internacional desafía aos participantes a realizar en só dous días unha curtametraxe, e selecciona as mellores para a súa exhibición no festival Filmapalooza 2015. Os traballos resultantes do proxecto poderán verse no mesmo ágora o vindeiro 4 de abril.. Amplía a nova>>

24/02/2014
Os XII Mestre Mateo revelan os seus finalistas

Somos xente honrada, o filme de Alejandro Marzoa producido por Vaca Films, preséntase como favorita na XII Edición dos Premios Mestre Mateo ao acumular 13 candidaturas. A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer esta mañá os traballos aspirantes aos seus galardóns anuais, que se fallarán o vindeiro 12 de abril na gala que transcorrerá en Palexco, na Coruña. Logo da produción favorita, destaca a serie Luci, de Portocabo e a TVG, con opcións a nove estatuas, e mais Era visto! de Zopilote con oito. A película para TV Salgadura, de Continental, Dream Team, TVG e TV3 é a cuarta proposta con máis candidaturas, sumando un total de seis.. Amplía a nova>>

21/02/2014
Galaxia crea unha canle de videos musicais en Youtube

Recoller os videoclips de cancións incluídas na colección Sonárbore. Este é o obxectivo de SonárboreTV, a canle en Youtube que acaba de abrir a editorial galaxia e que compila polo momento 17 vídeos para os máis novos. Os libro-discos Bicos de música de Mamá Cabra e mais María Fumaça protagonizan a posta en marcha da canle, aos que se irán sumando, segundo anuncia a editora, novas producións.. Amplía a nova>>

19/02/2014
Nace o Festival Carlos Velo de cinema rural

Un espazo centrado no cinema rural. Esta é a vocación coa que nace o Festival Internacional Carlos Velo, que se desenvolverá en Cartelle e Celanova os vindeiros 20 e 21 de xuño. A organización do encontro,a cargo dos colectivos Lareira Pop e Arraianos, abriu xa o prazo de inscrición para curtametraxes de ficción e documentais "cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo".. Amplía a nova>>

19/02/2014
Escollen o Play-Doc coma un dos 10 mellores festivais do mundo

O Play-Doc, o Festival Internacional de Documentais de Tui, foi seleccionado pola sala Town Hall de Nova York como un dos dez mellores festivais de cine do mundo, e convidado a presentar na cidade norteamericana unha selección das películas proxectadas en Tui. Os organizadores do Play Doc levarán unha selección de filmes galegos que presenten a cultura e a identidade do país.. Amplía a nova>>

14/02/2014
Cans abre o patrocinio de galpóns para asegurar o financiamento

A falta de financiamento público o Festival de Cans, en Porriño, busca novas formas de apoio privado para sufragar a súa XIII Edición, prevista para maio. Así, a organización presentaba onte a campaña "Apadriña un Jalpón" pola que empresas e particulares poderán, previa achega de 300 euros, patrocinar un dos espazos nos que se desenvolve a programación do evento. Segundo informaba o Facebook do Festival esta mesma mañá xa contaban con dous galpóns apadriñados. . Amplía a nova>>

13/02/2014
Lalín fica sen salas de cinema

As cinco salas exhibición que había en Lalin, integradas no cinema Filmax Fontiñas botarán o fecho a finais desde mes. Sen ter aínda unha data definitiva para o fin da actividade, a empresa xestora, Filmax, sinalou que a falta de público e mais o investimento necesario para enfrontar a dixitalización dos aparellos de proxección son inasumibles. A empresa anunciou un expediente de regulación de emprego que afectará aos seis traballadores do cinema. As salas abriran as súas portas en 2004.. Amplía a nova>>

11/02/2014
O CGAI intégrase no circuíto de cine independente en centros públicos

A sede do Centro Galego de Artes da Imaxe na Coruña estréase esta semana como sala de exhibición do primeiro Circuíto de Cine Independente en centros culturais públicos que se acaba de crear a nivel estatal. Esta rede, que conta coa participación de entidades como o Centro Cultural Niemeyer de Avilés, a Tabakalera de Donostia, o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León (Musac) de León e a Filmoteca de Culturarts-IVAC de Valencia pretende achegar ao público filmes que non chegan a se distribuír en salas convencionais no Estado. Museum Hours de Jem Cohen, é o filme que abre hoxe este programa, que continuará a vindeira semana con I used to be darker de Matthew Porterfiled.. Amplía a nova>>

11/02/2014
Dous vídeos científicos galegos acadan recoñecemento internacional

Os vídeos Breaking the Rules e Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais, integrados no proxecto de difusión científica Divulgare da Universidade de Vigo, acaban de recibir cadanseu recoñecemento. O festival virtual internacional Hollywood Shorts Reel 14 galardoou as curtametraxes cos premios do Xurado ao Mellor vídeo de animación (Breaking the Rules) e co Premio honorífico do xurado (Ecoloxía e evolución de polimorfismos florais). Con estes o proxecto suma xa 14 galardóns internacionais.. Amplía a nova>>

10/02/2014
Galicia fica sen Goyas

A gala dos Premios Goya que se celebrou onte en Madrid deixou sen galardóns o cinema galega. O xigante, que aspiraba ao galardón de mellor curta de animación, foi derrotada por Cuerdas de Pedro Solís García, mentres que as opcións de Juan Pinzás á mellor fotografía por New York Shadows víronse truncadas polo traballo de Pau Esteve Birba en Caníbal.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org