Novas | 161 a 170 de 4109

<< Anterior Siguiente >>

09/08/2024
Margarita Ledo presenta 'Prefiro condenarme' no Festival de Locarno

O Festival de Cine de Locarno, que está estes días a celebrar a súa 13ª edición na localidade suíza, acollerá o primeiro pase mundial da nova longametraxe da cineasta Margarita Ledo Andión. O filme 'Prefiro condenarme', que inicia deste xeito o seu percorrido no circuíto de festivais, poderase ver dentro da sección First look, un apartado dentro do programa para profesionais que ofrece o festival e que está dedicado a filmes en proceso de post-produción. O feito de que este ano sexa a cinematografía española a que centre este espazo con seis proxecto, permite que a longametraxe de Ledo Andión sexa unha delas, grazas aos organismos estatais ICAA e ICEX. Os filmes de First Look presentaranse ante un público profesional internacional de programadores , axentes comerciais e representantes de fondos de investimento para a post-produción. Esta sección ten tamén os seus propios galardóns, fora da competición oficial do festival, decididos por un xurado de directores e comisarios de varios festivais.. Amplía a nova>>

06/08/2024
Miguel de Lira recibirá o premio do Festival RiR de Allariz

A nova edición do premio RiR Contigo, que recoñece traxectorias profesionais vinculadas á comedia no noso país foi para Miguel de Lira. O actor e cómico ve recoñecido o seu labor de anos neste campo no marco do VII Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR de Allariz, que se celebra na Vila do Arnoia entre os vindeiros 1 e 7 de setembro.. Amplía a nova>>

05/08/2024
Zas acolle o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema

A vila de Zas convértese este sete de agosto na capital do audiovisual galego. A Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta organiza nesta localidade o I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema, unha cita que pretende "crear un espazo relacional que inclúa outras áreas do sector audiovisual, facilitando o debate e a reflexión conxunta entre representantes de festivais de cinema, cineastas e profesionais da industria".. Amplía a nova>>

02/08/2024
As axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais manteñen a contía

Desde este 2 de agosto e ata o vindeiro 2 de setembro, as produtoras independentes poden solicitar o apoio das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos que convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais. Cun orzamento de 300.000 euros, ao igual que en 2023, esta liña apoia as tarefas previas á produción de proxectos galegos de longametraxes e series tanto de ficción, como de animación ou documentais. . Amplía a nova>>

02/08/2024
Vilagarcía centra a súa Semana de Cine no son

O son e o silencio preséntanse como os eixes da nova xeira da Semana do Cine que acolle Vilagarcía de Arousa entre o 4 e o 10 de agosto. O programa que coordina o Cineclub Ádega co apoio do Concello contará o vindeiro día 7 cun obradoiro sobre o silencio a cargo de Juan Quintáns e cunha proxección do filme mudo Safety last!, de 1923 con música ao vivo a cargo de Fuzzo.. Amplía a nova>>

01/08/2024
A Fundación Margarita Ledo abre sede en Castro de Rei

Castro de Rei, en Lugo, conta desde este 31 de xullo cun novo espazo cultural. A Fundación Margarita Ledo Andión inauguraba nesta localidade A Casa da Galería coa presentación da antoloxía poética Prefiro condenarme e mais coa apertura da mostra de debuxos Paisaxe interior [debuxos que escriben versos] que Luís Moscardó realizou a partir dos versos da autora.. Amplía a nova>>

30/07/2024
As axudas a talento audiovisual reparten 176.000 euros entre 11 proxectos

A Axencia Galega das Industrias Culturais deu a coñecer a resolución da liña de subvencións para a promoción do talento audiovisual galego. En total concedéronse os 176.000 euros de orzamento con que contaba esta liña, que apoiarán o desenvolvemento de 11 proxectos de curtas e longametraxes.. Amplía a nova>>

24/07/2024
Premio de honra do FIC Bueu para María Vázquez

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, Fic Bueu, ven de facer pública a concesión do seu galardón honorífico deste ano, Premio Cinema Galego. A honra será para a actriz María Vázquez (Vigo, 1979). Vázquez estivo nomeada ao Goya á Mellor Actriz este ano polo seu traballo en 'Matria', filme polo que recibiu en 2023 a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga e levou este mesmo ano o Premio Pedigree de Honra no Festival de Cans A actriz recollerá o galardón durante a celebración da 17ª edición do festival o 14 de setembro, nun acto que incluirá unha conversa coa intérprete.. Amplía a nova>>

23/07/2024
A memoria documental e viva dos cines de Pontevedra nunha exposición

O vestíbulo do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra, acolle desde onte e ata o 30 de agosto a mostra 'Cines de Pontevedra'. Esta exposición recupera a memoria das salas de cine da provincia, con materiais e documentación, que dan a dimensión da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio, e tamén a máis barata. Ademais dos restos materiais das vellas salas e dos documentos de arquivo, a exposición inclúe tamén un documental que recolle os testemuños e recordos de persoas que viviron o esplendor destas salas previo á chegada da televisión, memorias e vivencias persoais recollidas en colaboración cos concellos e centros de persoas maiores da provincia de Pontevedra, que participaron cubrindo máis de 500 enquisas e mantendo conversas sobre os seus recordos do cine. Froito dese traballo, realizáronse as gravacións durante o verán de 2022. A mostra está comisariada por Jesús Ángel Sánchez García e tra-lo seu período no Pazo Prvincial percorrerá os concellos da provincia.. Amplía a nova>>

19/07/2024
Fondo pesar pola inesperada morte de Xabier Deive

Un comunicado da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) deu a coñecer onte publicamente o inesperado falecemento do actor Xabier Deive (Narón, 1970) aos 54 anos. A triste noticia tiña rápido eco entre o sector da escena e o audiovisual galego onde caeu coma unha bomba. Nas redes sociais numerosas mostras de aflición entre actores e actrices, compañeiros de rodaxes e escenarios do falecido, foron deixando o rastro dixital do pesar do sector. Intérpretes como Antonio Durán "Morris", Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Luis Iglesia, Camila Bossa, Tito Asorey ou Pepo Suevos, ademais da realizadora Sonia Méndez coa que moi recentemente rodou o filme 'As Neves', entre outros deixaron sentir a súa tristeza. Tamén a Academia Galega do Audiovisula tivo unha lembranza do falecido e trasladou o seu pésame a amigos e familiares. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org