27/03/2015
Seis eventos audiovisuais repartirán as axudas de AGADIC
O Play-Doc de Tui é o evento audiovisual que recibirá este ano máis apoio das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para festivais deste tipo. En total, o encontro de documentais contará con 23.820 euros dos 90.000 que a AGADIC destina a estes fins. O Festival de Cans, con 22.196, é a segunda cita que recibe maior apoio, mentres S8, a Mostra de Cinema Periférico da Coruña, recibirá 18.542 euros desta liña de axudas. O veterano Cineuropa, de Compostela, con 17.463 euros, o Freakmacine da Coruña (4.925) e mais as Xociviga do Carballiño (3.052) son os outros eventos beneficiados por esta liña de axudas..
Amplía a nova>>
26/03/2015
A sección oficial do Carballo Interplay reúne 43 webseries
Un total de 43 webseries, 20 do estado, 18 Internacionais e 5 galegas competirán na sección oficial do II Carballo Interplay. O festival dedicado ás producións para a rede celebrarase entre o 16 e o 18 de abril vindeiros co dúo Venga Monjas como convidados estrela. Clases maxistrais de Joan Carles Martorell e Belén Santa-Olalla no ámbito dos coloquios profesionais, e Poetarras, Igmig e RDA a cargo dos concertos nocturnos son outras das actividades previstas. Entre as novidades para este ano, destaca a posta en marcha dun proxecto de recuperación da memoria audiovisual local en colaboración co Proxecto Socheo. .
Amplía a nova>>
24/03/2015
Fely Manzano recibirá o Mestre Mateo de Honra
O seu "amplo labor no mundo escénico" e o "traballo realizado no audiovisual galego desde o seu mesmo inicio" valéronlle á actriz Fely Manzano o recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual. Manzano recibirá o vindeiro 12 de abril o premio de Honra dos Mestre Mateo no transcurso da gala dos premios do noso audiovisual. A intérprete é coñecida polo grande público pola súa presenza en series como
Pratos Combinados,
Fíos ou
A vida por diante ou filmes como
Urxa,
A lingua das bolboretas,
Lena ou
La rosa de Alejandría. Ademais, ten participado en múltiplas curtametraxes e posúe unha ampla experiencia no ámbito teatral..
Amplía a nova>>
23/03/2015
A fenda do proxector
O pasado mércores abría en Compostela NUMAX, a primeira sala privada dedicada ao cinema independente do noso país. Unha proposta arriscada e anovadora, que chama a recuperar a experiencia do cinema no centro das cidades, con horarios diferentes e fóra da corrente principal de estreas de Hollywood. A iniciativa desenvólvese nun contexto no que semella que están a coller forza, tanto dentro como fóra do noso país, as vías alternativas para exhibición en salas..
Amplía a nova>>
17/03/2015
Cans recoñece a Javier Gutiérrez co seu Pedigree
A asociación Arela, que organiza cada ano o Festival de Cans, acordou homenaxear co seu premio Pedigree o actor Javier Gutiérrez en "recoñecemento á súa traxectoria e tamén á súa constante capacidade de traballo". Ademais, outorgoulle os galardóns Pepe Puime, antigos Chimpíns de Prata, ao director Alfonso Zarauza pola "gratitude a lealdade que o cineasta lle amosa ano tras ano ao festival", e mais ao carpinteiro e veciño de Cans Juan Maceira como un agradecemento á súa implicación continua na organización do evento..
Amplía a nova>>
17/03/2015
Abre en Compostela NUMAX, a nova sala independente de cinema
Nubes pasaxeiras de Aki Kaurismäki sera o filme co que abrirá mañá, ás 12 da mañá en Compostela, NUMAX, unha nova sala dedicada ao cinema independente. A proxección, nunha sesión de portas abertas, suporá a estrea internacional da versión restaurada e dixitalizada do título. O proxecto, nado da man dunha cooperativa e cun amplo apoio social que o avalou economicamente, ofertará unha programación diaria de cinco sesións entre martes a domingo. A carteleira estará composta tanto por estreas de cinema independente difícil de atopar noutras salas, como por clásicos rescatados e por proxectos de autores pouco coñecidos. Todas as proxeccións será en versión orixinal con subtítulos..
Amplía a nova>>
16/03/2015
Galaxia abre a súa colección Libro cinema
Logo da explosión de libros-CD dos últimos anos, a nosa industria editorial dá un paso alén. Galaxia acaba de presentar a súa colección
Libro cinema, que arrinca con
A cicatriz branca de Margarita Ledo Andión. O filme achega o DVD con subtítulos e extras acompañado de textos que contextualizan e explica diferentes aspectos desta produción. O filme trata, a través dunha historia persoal, a problemática da emigración das mulleres galegas en solitario a América durante o século XX..
Amplía a nova>>
13/03/2015
A AGADIC mantén o seu apoio aos cineclubes
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o presidente da Federación de Cineclubes de Galicia, Manuel Precedo, asinaron onte o convenio polo que as dúas entidades renovan a súa colaboración en 2015. En concreto, a AGADIC achegará unha partida de 24.000 euros destinados a financiar as actividades das entidades integradas na Feciga. Desde os cineclubes comprométense a realizar ciclos e semanas temáticas de cinema nunha ducia de localidades do país, cunha especial atención á produción galega. A contía do convenio é a mesma desde que comezou esta colaboración, en 2012..
Amplía a nova>>
13/03/2015
Play Doc presenta a súa sección oficial
Sete filmes competirán na XI edición do Play Doc. O festival de documentais que se celebrará en Tui entre o 22 e o 26 de abril presentaba onte a súa sección oficial. Entre as participantes, destaca a presenza de catro filmes de directoras novas, Talena Sanders, Soon-Mi Yoo, Maureen Fazendeiro e Amanda Rose Wilder, que competirán con traballos de J.P. Sniadecki, Fernand Melgar e Göran Hugo Olsson. O evento puxo en marcha tamén a convocatoria para que os interesados poidan contribuír económicamente á organización do festival, e ten aberto o prazo de inscrición para o seminario Crítica e Programación, que organiza en colaboración coa revista A Cuarta Parede..
Amplía a nova>>
11/03/2015
A esmorga concentra 16 candidaturas aos Premios Mestre Mateo
A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer onte a listaxe de candidaturas aos XIII Premios Mestre Mateo. Na listaxe destaca de xeito particular unha produción,
A esmorga. O filme de Ignacio Vilar acumula nada menos que 16 nominacións dun total de 25 categorías, entre elas as de mellor filme, mellor dirección, mellor guión, e interpretación masculina. A este proxecto ségueo
Os fenómenos, de Alfonso Zarauza, que tamén opta a mellor filme, dirección ou guión, entre outros. Compite con elas nos apartados de dirección, guión ou dirección de fotografía a serie
Serramoura.
Schimbare, candidata a oito categorías é a seguinte produción con máis opcións..
Amplía a nova>>