O Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, ven de facer pública a súa decisión de dedicar ao cineasta Oliver Laxe (París, 1982) o Premio Cidade de Ourense desta 21ª edición. O OUFF rende homenaxe ao cineasta recoñecendo “a súa labor de creación e difusión do cine galego fóra das nosas fronteiras. Malia a súa xuventude Oliver Laxe xa conseguiu hai seis anos coa súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, o premio FIPRESCI do Festival de Cannes e neste 2016 conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu segundo traballo en Mimosas. Con esta película ademais opta aos Premios do Cine Europeo que se desvelaran en decembro en Wroclaw. Agora mesmo o cineasta está traballando no seu vindeiro longametraxe, Aquilo que arde, un proxecto ao xeito dun falso documental, una ficción feita en parte con personaxes reais e parte de actores. Unha ollada moi persoal que xurde da atracción do director pola figura dun pirómano.. Amplía a nova>>
A curtametraxe de animación Decorado, de Alberto Vázquez, segue recollendo galardóns no seu camiño cara o Goya. O festival 3d Wire de Segovia outorgoulle o Premio ao mellor corto nacional na súa recente edición. Vázquez, gañador dun Goya en 2012 por , consegue a preselección directa para os Premios Goya polo galardón de Segovia. O Festival 3d Wire é é unha das máis potentes plataformas do mercado de animación, videoxogos e new media de España, con sona a nivel europeo. Decorado obtiña este días o premio de guión da asociación AGAG no Festival Curtocircuíto de Santiago e en xuño acadou o Prix Festivals Connexio.
n Région Auvergne-Rhône-Alpes, en Francia. . Amplía a nova>>
O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolle un ano máis as proxeccións da Semana de Cine Euroárabe AMAL. A décimo cuarta edición deste encontro achegará entre o 24 e o 29 de outubro un total de once títulos nun programa que ten como eixe temático a muller. Ave María do cineasta palestino Basil Khalil abre as funcións o vindeiro luns 24 ás oito e media da tarde cun coloquio co público no que participará o propio director canda a Daniel Yáñez, guionista da fita. A viaxe de Ghada, filme realizado polo alumnado do CEP Ventín de Milladoiro, en Ames, 10 anos e divorciada da yemení Khadijah Al-Salami, a comedia romántica saudí Barakah meets Barakah ou 3.000 noches da palestina Mai Masri, son outros dos títulos que se poderán ver nesta edición.. Amplía a nova>>
Curtocircuíto apagou os proxectores por décima terceira vez non sen antes repartir os seus recoñecementos en forma de palmarés de premiados. Dez galardóns e seis mencións outorgou esta edición do festival compostelán centrado na curtametraxe. Mark Rappaport, coa obra Boy who cried resultou o gañador dentro da categoría Radar da Sección Oficial . O xurado fixo unha mención tamén á Notre heritage, dirixida por Jonathan Vinel. Dentro da Sección Oficial a categoría Explora presentaba pezas máis vangardistas que usan sendas innovadoras afastándose das ideas convencionais; nesta categoría foi premiado James N. Kunitz por B-roll with Andre e recibiron unha mención Gerhard Treml e Leo Calice por Eden’s edge. O galardón para a mellor curtametraxe española, o premio Penínsulas, que se estreaba nesta edición do festival, foi para La disco resplandece de Chema García Ibarra. Este galardón tamén cualifica automaticamente a película para ser seleccionada na categoría de curtametraxes dos Premios Goya.. Amplía a nova>>
O papel protagonista de Marta Lado na película Sicixia de Ignacio Vilar, serviulle á intérprete fisterrá para ser recoñecida co Premio á Mellor Interpretación Feminina no festival Cinespaña de Toulouse (Francia). Olalla, o personaxe de Lado en Sicixia, é unha persoa que se dedica a recoller algas e que no seu encontro con Xiao (Monti Castiñeiras), un técnico de son que recolle paisaxes sonoras na costa, consegue contaxialo da paixón polas paisaxes e tradicións da Costa da Morte. O festival francés tamén premiou a cinta No cow on the ice do pontevedrés afincado en Suecia, Eloy Domínguez Séren (Simes, 1985) co Premio ao Mellor Documental.
. Amplía a nova>>
Os datos presentados hoxe por Iván Arpa e Isabel Blanco en representación da Fundación AISGE en Santiago amosan unha realidade crúa na que coloca ao 60 por cento dos artistas que se dedican á actuación ou a danza por debaixo da liña de pobreza polos ingresos no exercicio da súa profesión. A necesidade obriga ao 40 por cento do colectivo a recorrer a outros empregos alimenticios, a maioría sen nada que ve coa actividade artística, para poder sobrevivir e deixar a cifra nun 34 por cento de artistas en Galicia en situación económica de pobreza e un 40 por cento dentro da precariedade. Só unha cuarta parte da xente que se dedica á actuación ou a danza en Galicia, sexa ou non actividade única, contaría cun mínimo de 1.200 euros mensuais como mínimo. O desemprego nos artistas profesionais de Galicia está no 48 por cento, esta cifra sube ao 55 por cento no caso dos actores de audiovisual e baixa o 10 por cento no caso de profesionais da danza. A análise de xénero tamén deixa ver que as mulleres predominan na franxa de artistas que gañan menos de 600 euros ao ano, a máis baixa, cunha presenza feminina do 28 por cento fronte ao 16 por cento de homes.. Amplía a nova>>
O Festival de Cine Internacional de Ourense ven de adiantar a importancia que este ano lle dará no seu programa ao audiovisual galego. Nesta 21ª edición na que se estrea como director Fran Gayo, Galicia estará presente con case vinte pezas en diversas disciplinas, tanto na súa Sección Oficial como nas paralelas. Na Competición Iberoamericana da Sección Oficial do 21 OUFF, o ourensán José Manuel Mouriño achegaralle ao público Manuel Vilariño. Ser luz, un documental ensaístico que propón una aproximación en imaxes á obra e ao universo argumental do fotógrafo e poeta coruñés Manuel Vilariño. O pontevedrés Manuel Fernández-Valdés competirá na mesma categoría co filme documental Angélica [una tragedia]. O filme retrata a axitada relación entre a creación e a vida que xira en torno á figura de Angélica Liddell durante o proceso de preparación dunha obra da artista. O OUFF tamén presentará o caderno Cinema 23 dedicado ao Novo Cinema Galego, editado en colaboración coa plataforma Cinema23, organizadores do Premio Iberoamericano de Cine Fénix.. Amplía a nova>>
A cita internacional co cine de autor de Lugo chegou ao final da súa 38ª edición e fixo pública a selección das cintas que acadaron os recoñecementos do público e do xurado. O máximo galardón da sección oficial recaeu, segundo a elección do público, na película peruana La casa rosada, dirixida por Palito Ortega, que leva o trofeo da mostra e 1.000 euros de premio. A película de MT Producciones dirixida por Miguel Morales Molina Rancor, foi a que acadou o premio da Sección de cine galego, consistente en 300 euros e trofeo. A película de Morales foi rodada en Sarria e O Incio e xa acadara anteriormente galardóns na XVI Mostra de Curtas do Ateneo de Ferrol e no Festimatge de Redondela, onde tamén recibiu como aquí un premio do público en 2015. Conta no seu reparto cos actores Santy Romay, María Mera, Miguel Borines e Iago Novoa. O palmarés de trofeos complétase coa película dirixida por David Bartan Coming to thermes que levou o premio do público na Sección As curtas tamén son de cine. . Amplía a nova>>
O cineasta norteamericano Abel Ferrara visitará o festival de cine Curtocircuúito en calidade de programador amosando obras que considera fundamentais e manterá un encontro co público. Outros importantes nomes propios como o do documentalista ucraíno Sergei Loznitsa, o crítico norteamericano Jonathan Rosembaum ou o ex director da Fimoteca Nacional, Chema Prado entre outros salpican o programa de este ano con programacións, intervencións, encontros co público e obradoiros. A programación desta 13ª edición que terá lugar entre o 3 a o 9 de outubro presentouse hoxe no Pazo de Raxoi a cargo do director do festival, Pela del Álamo, que estivo acompañado do alcalde da cidade, Martiño Noriega; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín e o director de AGADIC, Jacobo Sutil. As tres administracións forman parte do financiamento do festival a través de axudas outorgadas en concorrencia competitiva. . Amplía a nova>>
O xurado dos Premios da Cultura Galega, os galardóns cos que a Xunta de Galicia recoñece "a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos", daba a coñecer o seu ditame para este ano. No mesmo, recoñecen a María Xosé Queizán polo seu labor literario, mentres Miguel Fernández-Cid levou o premio das Artes Plásticas e Sarabela Teatro o de Artes Escénicas. Maximino Zumalave foi escollido no campo musical, mentres a cooperativa Numax obtivo o premio Audiovisual. O labor da Irmandade Xurídica Galega a prol da nosa lingua viuse tamén recoñecido co galardón neste campo, mentres o Museo de Pontevedra obtivo o premio na categoría de Patrimonio Cultural e Elena Zernova na de Proxección Exterior.
. Amplía a nova>>
AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org