Novas | 131 a 140 de 4165

<< Anterior Siguiente >>

22/03/2024
O documental 'Rapa' chega ás salas de cine

A estrea da longametraxe documental "Rapa", dirixida por Alejandro Enríquez, encheu este xoves a sala dos Cantones Cines da Coruña coa numerosa presenza dun público que aplaudiu con entusiasmo a ópera prima do director. O filme chega ás salas esta semana con pases nas provincias da Coruña e Pontevedra, para logo continuar a súa xira de proxeccións por todo o país. Este documental amosa a situación de perigo de desaparición do cabalo galego de monte, parella á situación de abandono do rural, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos cuatreiros, os lobos... e agora tamén polos parques eólicos segundo explica a sinopse. Neste contexto a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade pero case non quedan veciños para defender o territorio. Unha vez ao ano a aldea celebra a "Rapa das Bestas" e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da Rapa: cada ano hai menos bestas no monte e menos xente na aldea. O filme inicia un percorrido por diferentes salas galegas e nesta fin de semana poderase ver nas loacalidade de Ferrol, Cee, A Estrada, Caldas, Santiago de Compostela e Vigo. Algúns dos pases contarán coa presenza do director e a súa intervención.. Amplía a nova>>

19/03/2024
Falece a actriz e artista Rosalía Dans

O Concello de Curtis foi o encargado de dar comunicación pública ao falecemento onte da artista e actriz Rosalía Dans (a Coruña, 1955), o motivo é o vencello da artista co concello natal da súa nai, a pintora María Antonia Dans. Xustamente fai poucos días inaugurábase alí a Casa-Museo dedicada á nai da actriz, non pudendo ela asistir a dita inauguración onde se deu lectura a unhas verbas a través dunha intima amiga súa. Rosalía Dans . acadou popularidade como actriz grazas ao personaxe de Rosario na serie de Televisión Española 'Los gozos y las sombras', baseada na obra do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, o que a converteu nun dos rostros máis populares da pequena pantalla. Durante a década de 1980 mantén a súa presencia en televisión, intervindo en series como 'Anillos de oro' (1983), Goya (1985), 'Las aventuras de Pepe Carvalho' (1986) o 'Lorca, muerte de un poeta' (1987). Tamén recorreu una pequena traxectoria na gran pantalla, en películas como 'Gallego' e destacando a súa participación en 'Amanece, que no es poco' (1989), de José Luis Cuerda. Apartada da interpretación dende principios da década de 1990, dedicouse á pintura e a escritura, remontándose a súa primeira exposición ao ano 1986. O Concello de Curtis lembra a súa memoria agradecendo a súa contribución para levar a bo final a Casa Museo dedicada á súa nai, e sinalan o seu "profundo agradecemento a unha muller que sempre mostrou un constante interese, dedicación e compromiso no benestar do pobo e os curtienses.. Amplía a nova>>

15/03/2024
A serie Así falamos, así sentimos leva a Nabiza Girl á animación

As redes sociais Instagram e TikTok acollerán ao longo do mes de marzo o lanzamento dos seis episodios da serie Así falamos, así sentimos. O proxecto supón a adaptación á animación stop motion de Nabiza Girl, personaxe creado por Isabel Risco, da man da produtora Algarabía Animación e co apoio das axudas a proxectos culturais singulares da Deputación da Coruña.. Amplía a nova>>

14/03/2024
Premio Pedigree de Cans para María Vázquez

O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición nesta aldea de O Porriño, entre o 21 e o 25 de maio, acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor á actriz María Vázquez (Vigo, 1979). Vázquez estivo nomeada ao Goya á Mellor Actriz este ano polo seu traballo en 'Matria', filme polo que recibiu en 2023 a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga e actualmente ten en salas a película 'Los pequeños amores' que obtivo o Premio do Xurado no Festival de Málaga. A concesión do galardón foi decidida pola asemblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival. . Amplía a nova>>

13/03/2024
Oito filmes compoñen o programa da V Semana do Cinema Galego

O Concello da Coruña presentaba este 12 de marzo a quinta xeira da Semana do Cinema Galego, que achegará unha selección das propostas máis recoñecidas do noso audiovisual á pantalla do Teatro Colón. O programa que organiza a cámara municipal en colaboración coa Deputación Provincial e a Academia Galega do Audiovisual conta nesta ocasión con oito producións que se poderán ver de balde e que suman 45 candidaturas aos Premios Mestre Mateo.. Amplía a nova>>

11/03/2024
Emilio Fonseca gaña en Málaga a Biznaga ao mellor documental con 'Salvaxe, salvaxe'

O Festival de Málaga pechou xa a súa 27ª edición cun palmarés que alcanza algunha das moitas propostas xurdidas desde o audiovisual de Galicia. É o caso do documental 'Salvaxe, salvaxe' (Walkie Talkie Films), debut de Emilio Fonseca (Ourense, 1978) na realización de longametraxes que volve de Málaga coa Biznaga de Prata a Mellor Documental, o premio máximo da Sección Oficial de Documentais do certame. O xurado decantouse polo filme de Fonseca "por repensar a categoría de Salvaxe desde a nosa apocalipse climática, reinventando unha sensibilidade híbrida onde ollo e oído vólvense medio animal medio humano medio técnico, para invitarnos a reeducar a nosa capacidade de asombro, tenrura e conciencia interespecie", aseguran no seu ditame. O galardón inclúe un premio en metálico de 4.000 euros.. Amplía a nova>>

06/03/2024
AGADIC convoca as axudas para a promoción do talento audiovisual

A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) vén de convocar as subvencións "á creación audiovisual para a promoción do talento audiovisual galego" correspondentes a 2024. Desta volta, disponse dunha partida de 176.000 euros, inferior no monto global á do ano pasado pero que resulta da separación actual das axudas á creación de guións, que este ano estrearon unha liña de subvencións propia. Deste xeito a actual convocatoria é exclusiva para as modalidades de curtametraxe e longametraxe da convocatoria anterior. Deste xeito o orzamento resulta nun incremento real dun 33 por cento que se dirixe en concreto para a modalidade de realización de curtametraxes, que chega aos 48.000 euros (12.000 euros máis que en 2023). Tendo en conta que as novas axudas para a creación de guións dedican a ese fin 270.000 euros, sumados ás presentes superan con moito a duplicación das cifras dos exercizos anteriores. . Amplía a nova>>

06/03/2024
Os filmes ¡Salta! e O corno levan os galardóns especiais dos XXII Premios Mestre Mateo

O Museo Estrella Galicia da Coruña acollía este 5 de marzo a festa de presentación dos proxectos finalistas aos XXII Premios Mestre Mateo. A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer no marco deste encontro as producións que recibirán os Premios Especiais desta xeira. Os filmes ¡Salta! e O corno e mais as series Bechos e Rapa foron as producións que obtiveron estes recoñecementos, patrocinados por diferentes entidades.. Amplía a nova>>

01/03/2024
A segunda edición do festival Imaxinaria chega á Coruña

Coa recoñecida cineasta checa Michaela Pavlátová como madriña, este seis de marzo abre as súas portas na Coruña a segunda xeira de Imaxinaria, o festival internacional de animación de Afundación. O cineasta Alberto Vázquez coordina canda a Matilde Rodríguez este encontro que pretende "crear un espazo de encontro, divulgación, e proxección para o sector da animación, a nivel galego, nacional e internacional".. Amplía a nova>>

01/03/2024
O 8M celébrase na Filmoteca de Galicia co ciclo 'Olladas de muller'

A Filmoteca de Galicia conmemora no mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo 'Olladas de muller', organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con 'O corno' e Laura Ferrés en Valladolid con 'La imagen permanente'. Outras tres longametraxes completan o ciclo: as recentes películas Secaderos, de Rocío Mesa, e 'Entre las higueras', de Erige Sehiri, xunto a recuperación dun clásico do feminismo dos anos 70 como é 'Not a Pretty Picture', de Martha Coolidge. O sábado 9, a filmoteca ofrece unha sesión de seis curtametraxes dirixidas por mulleres galegas e portuguesas.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org