Novas | 1221 a 1230 de 4220

<< Anterior Siguiente >>

30/11/2017
O público de Cineuropa premia a película 'L´insulte'

O festival Cineuropa rematou o pasado día 28 e nesa mesma xornada coñecéronse os premios outorgados polo Xurado Novo, unha novidade estreada nesta edición, pero non foi ata finalizar o reconto dos votos que o público asistente ás diversas proxeccións foi deixando nas furnas que se puido engadir ao palmarés desta 31ª edición o Premio do Público. E non coinciden. A película gañadora desta 31ª edición de Cineuropa foi L'Insulte, de Ziad Doueiri, valorada polo público cun notable 8,56. O filme obtivo anteriormente o Premio ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2017 e aborda a análise do conflito que leva anos enfrontando a palestinos e cristiáns libaneses. Pola súa banda, o Primeiro Xurado Novo de Cineuropa, composto por sete estudantes , decidiu outorgar o galardón ao mellor filme ao filme portugués A fábrica de nada (pedro Pinho, 2017), unha proposta musical sobre a deslocalización e desmantelamento dunha factoria. Este xurado outorgaba tamén outros seis premios. O seu premio especial foi para a película Tesnota / Closeness (Rusia, 2017), dirixida por Kantemir Balagov e o da Mellor Dirección foi para Lynne Ramsay por You were never really here / en realidade, nunca estiveches aquí (Reino Unido, Francia, Estados Unidos, 2017). O Xurado Novo tamén decidiu outorgar o Premio Dereitos Humanos, tan crucial dada a temática reivindicativa de loitas sociais desta edición, ao filme uruguaio- arxentino Estados clandestinos. un capítulo rioplatense de la operación cóndor (Marc Iglesias e Paula Monteiro, 2016). O Mellor Guión segundo eles foi o de Happy end do veterán Michael Haneke. Laetitia Dosch e Meinhard Neumann foron elexidos como os mellores actores polos seus roles nas películas Jeune femme (Montparnasse bienvenue) (Francia, 2017) e WESTERN (Alemaña, Bulgaria, Austria, 2017), respectivamente.. Amplía a nova>>

30/11/2017
O programa Youtubeir@s presenta a súa segunda edición

Campañas de incentivación do uso do galego a través de Youtube, obradoiros de formación para o emprego do vídeo en Internet, dinamización nas redes sociais parar xerar comunidade e unha nova convocatoria de premios son as accións coas que se presentaba esta mañá a segunda edición de Youtubeir@S. Este programa que organizan os concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, as Universidades de Coruña, Santiago e Vigo e maila Deputación da Coruña quere "promover e lle dar visibilidade ao uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado global". . Amplía a nova>>

30/11/2017
57 curtas no Festival de Curtas Vía XIV de Verín

Un total de 57 curtametraxes procedentes de 21 países van ser proxectadas na II edición do FIC Vía XIV de Verín, que dará comezo este venres e se prolongará ata o vindeiro 10 de decembro. O certame experimenta así un salto cualitativo en relación ao ano pasado, cando se exhibiron 39 curtas de cinco países diferentes. “Un dos cambios fundamentais deste ano radica na internacionalización do Festival”, puxo en valor ante os medios de comunicación esta mañá Carlos Montero, director do certame. Das 57 curtametraxes que se poderán ver en Verín no marco do FIC Vía XIV, un total de 54 preséntanse a concurso e tres serán exhibidas nunha categoría de visionado especial, entre elas o proxecto ourensán O Boteiro, resultado dun obradoiro de Cinemart realizado por profesionais do audiovisual no Concello de Viana do Bolo. A programación inclúe curtas premiadas recentemente en foros de renome como é o caso de La Bouche, que hai dous días recibiu o Premio Principado de Asturias á Mellor Curta no Festival de Xixón e algunhas outras que serán estreadas a nivel galego en Verín como A Gentle Night, premiada coa Palma de Ouro no último Festival de Cannes ou Hedegehog´s Home, Mención Especial en Berlín.. Amplía a nova>>

29/11/2017
O festival Play-Doc leva o premio do público de Culturgal 2017

O festival Play-Doc de Tui impúxose nas votacións ao Premio do Público Culturgal 2017. O Festival Internacional de Documentais acadou 678 votos dos 1.300 emitidos nesta edición e superou os conseguidos polas outras dúas propostas finalistas, a FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo e o Portal das Palabras, unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. As asociacións gremiais que forman parte de Culturgal escolleron estas tres iniciativas como as candidaturas polas que o público da Feira tivo que se decidir nunha votación en liña. O premio entregarase este domingo no Pazo da Cultura de Pontevedra no transcurso na nova edición do Culturgal que comeza o venres 1 de decembro. Play-Doc é un festival independente que ofrece unha selección de películas documentais do circuíto internacional en varias liñas programáticas competitivas e non competitivas, incluído retrospectivas e obradoiros e charlas e que convoca cada primavera perto de oito mil persoas na vila de Tui. Nas anteriores edicións de Cuturgal gañaron os premios do Público o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2013). Diario Cultural da Radio Galega (2014), o Festival de Cine Curtocircuíto (2015) e o Festival Agrogay da Ulloa (2016).. Amplía a nova>>

22/11/2017
Nace o Galician Freaky Film Festival de Vigo

O arbusto con forma de dinosauro, o "dinoseto", da Porta do Sol, en Vigo, é o lugar escollido para a presentación en sociedade mañá ás 12 do primeiro Galician Freaky Film Festival. A Asociación Cultural Reencanto Produccións, organizadora do Primavera do Cine en Vigo ocúpese tamén deste novo evento sobre cinema e cultura freak de orixe galega que se celebrará en Vigo os vindeiros 21, 22 e 23 de decembro.. Amplía a nova>>

22/11/2017
O CCG elaborará un informe para a Xunta sobre a situación laboral da muller no sector cultural

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; o vicepresidente, Alfonso Rueda; e mais o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron un acordo de colaboración para a elaboración do informe A muller na cultura galega: condicións sociolaborais no ámbito cultural con perspectiva de xénero. Este acordo pretende analizar a situación da muller especialmente nas artes escénicas e audiovisuais, desde unha perspectiva estatística, complementándoa cunha investigación cualitativa. Os resultados deste estudo estarán dispoñibles nun prazo de doce meses e as conclusións do documento permitirán ao goberno galego implementar as accións políticas que sexan necesarias. . Amplía a nova>>

21/11/2017
Dhogs faise co premio á mellor longametraxe en Alxeciras Fantástika

O filme Dhogs, de Andrés Goteira, continúa a colleitar recoñecementos. Desta volta, retorna do Certame Internacional das Artes Fantásticas e do Terror Alxeciras Fantástika co preimo Místico de Oro á mellor longametraxe. Producida por Gaitafilms e PixelFilms coa colaboración de La Panificadora Estudios, a obra conseguiu xa galardóns en festivais de Croacia e de Madrid ademais de competir na sección oficial do de Sitges.. Amplía a nova>>

20/11/2017
O décimo Culturgal reunirá 130 actividades e 120 expositores

O Pazo da Cultura de Pontevedra acollía esta mañá a presentación da décima edición de Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais. O evento, que se desenvolverá nesta localización da Cidade do Lérez entre os vindeiros 1 e 3 de decembro, bate marcas nesta edición ao chegar a 130 actividades no seu programa e a un total de 120 expositores. Como principais novidades desta xeira de aniversario, a feira contará con Portugal como país convidado e co novo espazo dedidado á arte contemporánea, no que haberá presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos e que amplía a superficie do evento ata os máis de 5400 metros cadrados. . Amplía a nova>>

16/11/2017
Vigo acolle o congreso Cultura e Igualdade

A primeira xeira do congreso Cultura e Igualdad, unha iniciativa estatal que quere promover a mellorar da situación das mulleres no ámbito cultural, bota a andar mañá en Vigo. O Auditorio Mar de Vigo acolle este venres a primeira das dúas xornadas da iniciativa, que se centra nesta ocasión na problemática da igualdade no sector audiovisual. A actriz Berta Ojea dirixe esta edición na que se abordarán mediante diferentes mesas redondas cuestións como "Políticas e plans de igualdade para a industria cultural", "A igualdade de xénero no sector audiovisual", ou "Cómo ser guionista ou directora e non morrer no seu intento". No programa, nomes coñecidos do sector galego como Emma Lustres, Miguel de Lira, Uxía Blanco, Alfonso Pato, Chus Gutiérrez ou Jorge Coira. Ojea anunciou que as conclusión do encontro presentaranse publicamente na "Declaración de Vigo".. Amplía a nova>>

15/11/2017
A Academia do Audiovisual reedita a semana dedicada ás bandas sonoras

O Palacio da Ópera da Coruña acolleu a presentación da segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual, un festival singular organizado pola Academia Galega do Audiovisual e pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa intención de dar protagonismo ás músicas compostas para cine, televisión e outros medios audiovisuais. Esta segunda edición celebrarase dende o 27 de novembro ata o 1 de decembro na Coruña, Compostela e Narón, baixo a batuta de dirección do evento do compositor Nani García.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org