Novas | 1111 a 1120 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

18/10/2018
A serie Fariña e Julia Otero obteñen cadanseu Premio Ondas

Barcelona acolleu onte a presentación do palmarés dos Premios Ondas, que convoca anualmente o grupo PRISA para recoñecer as principais producións nacionais e internacionais no campo audiovisual. No palmarés atópanse dous representantes galegos. Por unha banda Fariña, realizada por Bambú Producións, fíxose co galardón á mellor serie. Pola outra, a monfortina Julia Otero obtivo o premio á mellor programación de radio polo seu labor en El Gabinete de Onda Cero. O galardón outorgóuselles ex-aequo con Isaías Lafuente por Unidad de vigilancia, da Cadena SER.. Amplía a nova>>

17/10/2018
O OUFF comezará o vindeiro 29 de novembro

Coa sinatura do protocolo de colaboración entre Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo, para a organización da 23ª edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) desveláronse tamén algunhas das claves desta nova edición que supón tamén un punto e aparte na longa vida deste festival que pasa da responsabilidade do Concello de Ourense á do ente provincial tras un duro período de incertezas sobre a súa continuidade e desencontro co anterior equipo directivo. A nova edición do OUFF se celebrará do 29 de novembro ao 5 de decembro e terá a Miguel Anxo Fernández, vicepresidente da fundación "Carlos Velo", como coordinador artístico, e ao asesor de Cultura da Deputación de Ourense, Aurelio Gómez Villar, como coordinador técnico. Os filmes exhibiranse no centro cultural "Marcos Valcárcel", no Teatro Principal, no Auditorio de Ourense, no Liceo e na sala do Cineclube Padre Feijoo. Coa sinatura deste protocolo entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, o ente provincial, que recentemente se fixo co dereito sobre a marca OUFF cedido polo concello, asumirá con cargo aos seus orzamentos os gastos de organización, e adscribirá, nas datas, horario e para as funcións que se determinen no seu momento, persoal propio, para a realización de tarefas necesarias para a organización do OUFF 2018, ademais de pór a disposición do Festival os espazos da súa titularidade: Teatro Principal e centro cultural "Marcos Valcárcel", nas datas e horario que se determinen.. Amplía a nova>>

16/10/2018
Oito produtoras galegas participan no MIPCOM de Cannes

Big Rights, Cinfo, Congo Producciones, CTV, Ficción Produciones, Portocabo, Voz Audiovisual e Zenit TV son as oito produtoras galegas que están presentes na edición deste ano do MIPCOM de Cannes. A maior feira internacional dedicada aos contidos audiovisuais abría onte as súas portas na cidade francesa a contar cunha delegración galega que encabeza a Axencia Galega das Industrias Culturais. As empresas galegas buscarán no evento distribución para os seus produtos e socios para coproducir novos proxectos. Cinfo, empresa especializada na retransmisión e realización de eventos deportivos e musicais e na elaboración de metadatos é a última incorporación á delegación galega nesta feira que se prolonga ata o vindeiro 18 de outubro. Ademais destas produtoras, a Agadic distribuirá no evento o catálogo Films from Galicia, que repasa a produción audiovisual do noso país.. Amplía a nova>>

15/10/2018
O LAVmov de Vedra presenta o seu primeiro palmarés

O Concurso audiovisual "A fume de carozo" do LAVmov de Vedra fallou a súa primeira edición premiando ex aequo as pezas SIRO, de Lucía Estévez; e OS REMEDIOS, de Sara Iglesias, Ada Seoane, Laura LaMontagne, Patricia López e David Rodríguez. A Asociación Sen Un Peso da localidade coruñesa xuntou para a ocasión desta primeira edición, tras 10 anos de LAV dedicados á formación audiovisual, a 6 equipos nun reto de creación que implicaba idear, filmar e montar en 50 horas unha peza audiovisual do xénero que quixeran sempre e cando cumpriran os requisitos sorpresa que descubriron no inicio do concurso: estar gravada en galego, incorporando a frase "E choverá mañá?" e incluíndo na trama una localización de Vedra asignada ao azar. O xurado, formado por Mela Casal, Alfonso Zarauza e Manuel García Torre foron es encargados da selección final.. Amplía a nova>>

11/10/2018
Sexo, provocación e censura son os eixes do X Freakmacine

Freakmacine, o Festival de Cinema Fantástico da Coruña, inicia este 12 de outubro a súa décima edición. A partir dos eixes de sexo, provocación e censura,a organización convida a coñecer "a obra de autores cuxa fantasía resultou especialmente transgresora ou subversiva, ata o punto de pagar a súa ousadía coa censura o ostracismo ou o exilio". No programa mantéñense citas como a clase maxistral de efectos especiais, desta volta a cargo de Pedro Rodríguez, a video-regueifa, as mesas cadradas ou a zombiewalk, ás que se suma unha sesión de crítica cinematográfica da man de Jordi Costa ou unha homenaxe ao cineasta polaco Walerian Borowczyk. Como novidade, este ano bota a andar o I Foro de coprodución internacional FKM.WORKS. Haberá tamén espazo para o público infantil con sesións de cinema e talleres didácticos gratuítos. . Amplía a nova>>

10/10/2018
A Agadic falla o concurso de ideas de audiovisuais sobre o Camiño de Santiago

O web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) recollía onte o fallo da primeira fase das "subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos e para a posterior produción dunha obra audiovisual que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago". Esta liña de axudas concedeu apoio para cinco propostas de temática xacobea entre as que se seleccionará unha para a que se prevé un apoio económico de ata 1,5 millóns de euros.. Amplía a nova>>

25/09/2018
Luz Darriba, Xosé María Álvarez Cáccamo, Antón Santamarina e Ramón Villares, galardoados cos Premios da Cultura Galega

O xurado dos Premios da Cultura Galega, que concede anualmente a Xunta de Galicia, daba a coñecer onte a listaxe de galardoados nesta xeira. Xosé María Álvarez Cáccamo, "un dos escritores máis destacados do panorama literario galego actual", segundo a organización, foi recoñecido co galardón na modalidade de letras, mentres a creadora Luz Darriba levou o Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas. O traballo do Festival Internacional de Outono de Teatro-FIOT de Carballo que "pola súa traxectoria, calidade da programación e a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece está recoñecido como un dos máis importantes festivais de Galicia", valeulle a este evento no galardón no campo das artes escénicas. . Amplía a nova>>

13/09/2018
A Deputación ourensá fará posible o OUFF en 2018

A 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF non pasará un ano en branco como semellaba polos últimos movementos do Concello ourensá que situaba a seguinte edición na primavera de 2019. A entrada en xogo da Deputación Provincial de Ourense, segundo informa hoxe o xornal La Región, faría posible que aínda se celebrase antes de que acabe o presente ano. O diario anuncia un importante xiro nas circunstancias, que farían posible a celebración do evento en decembro, grazas, aseguran, a unha aposta decidida por parte da Deputación cara a continuidade do festival que co-organizará co Concello e para cuxa xestión contará coa Fundación Carlos velo, segundo avanza a cabeceira ourensá. A información apunta que a entidade provincial porá a disposición do festival medios humanos e económicos, mentres que a dirección do evento, toda vez que Fran Gayo e Natalia e Analía G. Alonso xa se desvencellaron completamente, correría a cargo da persoa encargada pola Fundación Carlos Velo. Este "reinicio" do OUFF traería ademais novidades como a presencia do evento en máis puntos da provincia e e unha programación prolongada máis alá dunha semana. Falta por saber que pasará co procedemento de licitación aberto polo Concello ourensán para a xestión do OUFF e ao que nin Gayo nin Alonso quixeron presentarse.. Amplía a nova>>

12/09/2018
'La Sombra de la ley' de Dani de la Torre con Tosar estrearase en Sitges

A nova película da produtora coruñesa Vaca Films, Atresmedia Cine e La Ley del Plomo A.I.E., LA SOMBRA DE LA LEY dirixida por Dani de la Torre exhíbese hoxe á prensa tras anunciar que a súa gran estrea terá lugar no 51º Festival Internacional de Cine de Sitges o vindeiro 5 de outubro, inaugurando a Sección Órbita. A película, protagonizada por Luís Tosar, estrearase en salas o 11 de outubro. LA SOMBRA DE LA LEY conta tamén no seu reparto co músico compostelán Fredi Leis, e malia que a accións está situada na Barcelona de 1921, algunhas das súas escenas foron gravadas en localizacións de Santiago, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ferrol e en Monforte de Lemos, localidade de Dani de la Torre onde o Museo do Ferrocarril serve para recrear o atraco a un tren. Ademais a banda sonora do filme composta polo catoirense Manuel Riveiro e Xavi Font foi gravada pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa colaboración da soprano Ainhoa Arteta que interpreta o tema central da película.. Amplía a nova>>

12/09/2018
Vedra renova a súa proposta de formación audiovisual co Lav.mov

A anunciada renovación do LAV de Vedra, o encontro de formación audiovisual que durante dez anos desenvolveu a Asociación Cultural Senunpeso, xa está aquí. A entidade acaba de anunciar a celebración, ao longo da primeira metade de outubro, do Lav.mov, unha fórmula na que se mestura a aprendizaxe coa creación audiovisual. Deste xeito, os días 6 e 7 o novo evento convoca tres obradoiros de formación, un de Videoclips a cargo de Prenom, outro de iniciación ás curtas que impartirá o dúo Gingko e un terceiro titulado Enfocando a dirección do que se encargará Jorge Coira. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org