'La Sombra de la ley' de Dani de la Torre con Tosar estrearase en Sitges

O festival internacional acollerá o vindeiro 5 de outubro en sección oficial a película de Vaca Films

Cartaz da película
Cartaz da película
A nova película da produtora coruñesa Vaca Films, Atresmedia Cine e La Ley del Plomo A.I.E., LA SOMBRA DE LA LEY dirixida por Dani de la Torre exhíbese hoxe á prensa tras anunciar que a súa gran estrea terá lugar no 51º Festival Internacional de Cine de Sitges o vindeiro 5 de outubro, inaugurando a Sección Órbita. A película, protagonizada por Luís Tosar, estrearase en salas o 11 de outubro. LA SOMBRA DE LA LEY conta tamén no seu reparto co músico compostelán Fredi Leis, e malia que a accións está situada na Barcelona de 1921, algunhas das súas escenas foron gravadas en localizacións de Santiago, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ferrol e en Monforte de Lemos, localidade de Dani de la Torre onde o Museo do Ferrocarril serve para recrear o atraco a un tren. Ademais a banda sonora do filme composta polo catoirense Manuel Riveiro e Xavi Font foi gravada pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa colaboración da soprano Ainhoa Arteta que interpreta o tema central da película.

Esta é a segunda película de Dani de la Torre (Monforte de Lemos, 1975), tras El desconocido (2015), coa que foi aclamado por público e crítica e coa que acadou 12 premios Mestre Mateo do audiovisual galego. La sombra de la ley, preséntase como unha película de gánsteres ambientada na convulsa época social dos anos 20 en Barcelona. Con guión de Patxi Amezcua, o filme inspírase en feitos reais nun momento no que España vive un momento axitado e caótico, con enfrontamentos entre gánsteres e anarquistas. Neste ambiente tenso, o policía Aníbal Uriarte (Luís Tosar) é enviado a Barcelona para colaborar, coa comisaría local, na detención dos culpables dun roubo de armamento a un tren militar. O reparto tamén conta co protagonismo de Michelle Jenner e nel destacan Ernesto Alterio, Vicente Romero, Manolo Solo, Paco Tous, Jaime Lorente, Adriana Torrebejano e Pep Tosar.