Novas | 101 a 110 de 4109

<< Anterior Siguiente >>

09/12/2024
Cármen Méndez segue aumentado o palmarés de 'Pura'

A realizadora e actriz Cármen Méndez (Neira de Rei, 1979), segue a recoller recoñecementos á súa primeira curtametraxe como directora, 'Pura'. A 36ª edición do Festival Internacional de Cortometrajes de Aguilar de Campoo, Aguilar Film Fest, ven de engadir ao palmarés desta produción tres galardóns. A cinta acadou o favor dos asistentes alzándose co Premio Águila de Oro do Público, ao que suma o Premio do Xurado Oficial a Mellor Montaxe e o Premio da Asociación "Tejiendo Cambios" á Mellor curta nacional dirixida por unha muller. Neste traballo, Carmen Méndez estréase na dirección facendo unha viaxe ás súas orixes, na que acompaña a súa nai e a súa aboa nun percorrido polos recordos que serve de reconciliación coas súas raíces . . Amplía a nova>>

05/12/2024
Novos Cinemas amosa a forza da súa proposta en Pontevedra

A novena edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas desenvolverase entre o 10 e o 15 de decembro. Centrado nas primeiras e segundas películas de novos directores e directoras, 39 filmes procedentes de países como Canadá, Portugal, Chile, Francia, Suecia, Venezuela ou Honduras, dos que nove son estreas mundiais, foron seleccionados para as tres seccións competitivas dun festival que abrangue outra serie de iniciativas, como obradoiros, mesas de debate ou a presentación das curtametraxes realizadas polo estudantes do campus nun taller impartido por Álvaro Gago. Así mesmo, Novos Cinemas suma neste 2024 ás súas seccións Oficial e Latexos un novo apartado, Ceres, dedicado os proxectos xurdidos dos centros de formación audiovisual de España e Portugal. O festival conta co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales. . Amplía a nova>>

04/12/2024
O celuloide volve iluminarse no Sellier Film Festival

O cine en celuloide é o protagonista do Sellier Film Festival da Coruña, un evento singular que mantén o amor polas proxeccións cinematográficas non dixitais. Entre este xoves, 5 de decembro, e o vindeiro domingo, día 8, o festival celebra a que será a súa oitava edición. O Circo de Artesáns, na céntrica rúa de San Andrés, acollerá as actividades e proxeccións deste festival que se presenta como "excepcional, único en España", polo seu apego ao formato mecánico-químico do celuloide no que foi inventada orixinalmente a maxia do cine, unha oportunidade de sentir unha experiencia diferente para aqueles espectadores que xa foron nativos da imaxe dixital. . Amplía a nova>>

02/12/2024
Nace Bibopalula, a primeira serie musical de animación galega

A última xornada da Culturgal acolleu este 1 de decembro a presentación de Bibopalula, primeira serie musical de animación feita en Galicia. A produción de Undodez, que xa se pode seguir no web Xabarin.gal, espazo infantil na rede da CRTVG, está composta por 20 capítulos de arredor de cinco minutos de duración.. Amplía a nova>>

02/12/2024
Premio José Sellier para a asociación profesional CIMA

A Academia Galega do Audiovisual outorgou e entregou o XIIIº Premio José Sellier a CIMA, Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales, en recoñecemento pola súa "fundamentada denuncia da desigualdade de xénero, discriminación e falta de oportunidades para as mulleres no sector audiovisual e o seu incesante labor a prol do incremento e visibilización do papel das profesionais da industria, favorecendo unha maior representación das mulleres tanto nas pantallas como nos equipos." O Premio José Sellier, promovido pola AGA co apoio do Concello da Coruña, recoñece o labor de iniciativas relevantes para o sector audiovisual galego. . Amplía a nova>>

02/12/2024
Culturgal fecha a súa XVII edición con 12.700 visitantes

A XVII edición da Culturgal fechaba este 1 de decembro as súas portas no Pazo da Cultura de Pontevedra. A Feira das Culturas Galegas reuniu ao longo dos seus tres días de actividades un total de 12.700 visitantes. A cifra supón un incremento destacado sobre os 10.000 que recibira en 2023.. Amplía a nova>>

27/11/2024
Jaime Pena é o novo director da Filmoteca de Galicia

Tras cinco anos coa vacante da dirección da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) sen cubrir, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de poñer á fronte desta institución a Jaime Pena (Miño, A Coruña, 1965), un profesional da propia casa que viña ocupando o posto de programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas. Resolve así a situación de baleiro do posto mantida desde a xubilación de Guillermo Escrigas en 2019 durante a que a Filmoteca foi dirixida directamente desde a dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais á que pertence organicamente. Entre os labores que pasará a desenvolver Pena figuran a dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca na Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade. A entidade cubrirá o posto de programador que queda vacante seguindo o procedemento e prazos ordinarios marcados por Función Pública da Xunta de Galicia e tan axiña como sexa posible, segundo manifestaron a este medio.. Amplía a nova>>

26/11/2024
'Pura' de Carmen Méndez gaña o premio de curtametraxes galegas das Xociviga

O festival Internacional de curtametraxes Xociviga, do Carballiño, herdeiro das históricas Xornadas de Cine e Vídeo puxo o remate da súa edición número 41, presentada como a de reinicio e enfocada directamente no formato curto. O palmarés deixa sete filmes destacados de entre os corenta títulos de máis de trinta países que pasaron polo festival. O premio á mellor peza galega. Premio XENTE DE AQUÍ. foi para 'Pura' da realizadora e actriz Carmen Méndez (Neira de Rei, 1979), "por construír a través do diálogo entre a cámara e o suxeito un espazo de intimidade que afonda nas relacións interxeracionais cunha ollada feminina", segundo o xurado. O Premio XENTES do festival foi para a curtametraxe chinesa 'A summer's end poem' do realizador Lam Can-Zhao, por, en palabras do xurado "retratar a tensión entre imposición e vontade a través dunha proposta formal e narrativa orixinal e desenfadada". Neste apartado houbo tamén unha mención de honra para o filme holandés 'Beutiful men'.. Amplía a nova>>

25/11/2024
O filme noruegués 'Armand' gaña no 38º CIneuropa

Cineuropa pechou a súa 38ª edición e deu a coñecer este sábado os mellores traballos do certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa. O máis votado polo público foi a miniserie 'La ciudad de los Muchachos' de Elías León Siminiani.. Amplía a nova>>

22/11/2024
Estréase en cines 'Prefiro condenarme' de Margarita Ledo

Despois de facerse cunha mención do xurado da sección Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, o filme 'Prefiro Condenarme', de Margarita Ledo Andión, chega ás salas comerciais este venres 22 de novembro, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra da Muller (25N). O filme, que ademais da súa estrea mundial en Sevilla xa tivo outras dúas pre-estreas na Coruña e no marco festival Cineuropa, estrearase en cines cun pase especial onde estará a directora e parte do elenco, que terá lugar nos cines Duplex de Ferrol, localidade escollida xa que a maioría do filme foi rodado na comarca de Ferrolterra. A película poderá verse tamén en salas da Coruña, A Estrada, Barcelona, Bilbao, Caldas de Reis, Lleida, Lugo, Madrid, Pamplona, Sant Feliu, Santiago de Compostela, Tenerife, Valencia, Valladolid e Vigo. Melania Cruz, Iria Piñeiro, Mónica Caamaño e Mónica de Nut encabezan un elenco que reúne os diversos formatos audiovisuais de docu-dramatización, sinal de identidade da directora lucense.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org