A MICE celebra dúas décadas con medio cento de proxeccións

O Museo do Pobo organiza a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico entre do 12 ao 16 de marzo

O Museo do Pobo organiza a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico entre do 12 ao 16 de marzo
O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollía na mañá deste 6 de marzo a presentación da vixésima Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. Un total de trece filmes compiten na sección oficial do programa co que o evento celebra dúas décadas. Entre o 12 e o 16 de marzo a capital acollerá medio cento de proxeccións ademais de diferentes actividades e propostas para público escolar.

Unha proxección do histórico documental O carro e o home, acompañada dunha conversa con Pepe Coira abrirá o mércores día 12 de marzo no Teatro Principal de Santiago a cita. Das trece producións a concurso, a organización destaca o feito de sete estar dirixidas por mulleres, que competirán polo Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica. Dentro destes, destacan a estreas estatais de A s'Orgolesa, de Davide Melis, Eros, documental de Rachel Daisy Ellis sobre os moteis do amor en Brasil, Kongo retrato do ser cubano a cargo de Daiana Araujo e a peza documental do francés Thivolle Lo Le boxeur chancelant.

Cuerpos en tránsito, de Mario Moreno Iglesias, Silence of Reason, de Kumjana Novakova sobre as agresións a mulleres na guerra de Bosnia e Herzegovina e Togoland Projections, que recolle as reaccións do público actual de Togo a material cinematográfico rodado no período colonial, fan parte da sección internacional. Nesta tamén se poderán ver os filmes portugueses A Savana e a Montanha, de Paulo Carneiro, e Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. En canto a producións galegas, están presentes na sección oficial Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera.

Dentro das seccións paralelas do evento Impropias terá como convidada á realizadora letoa Laila Pakalnina, que manterá un encontro con Eloy Domínguez e de quen se poderán ver seis filmes. Trazas, á súa vez, organizada co Cineclube de Compostela "será un percorrido polo humor e subversión das normas sociais no cinema dos anos 50 e o modelo colonial, que representa a simplificación e idealización da 'civilización' fronte ao 'salvaxe'; así como polo cinema de fins dos anos 80, que pon o foco no explorador e o estudoso occidental".

Unha mesa redonda sobre "Novas cineastas, etnografía e perspectiva de xénero", a preestrea de SALVAXE, SALVAXE coa presenza do seu director Emilio Fonseca, a Xornada de Cine e Educación. A experiencia de Galicia e Portugal, en colaboración co Consello da Cultura Galega e a Asociación Olloboi ou o programa Petis, dirixido a público infantil e xuvenil, fan tamén parte da proposta. A repasar a traxectoria da MICE, a organización lembra que pasaron polo evento "case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20.000 persoas".