25/11/2024
O filme noruegués 'Armand' gaña no 38º CIneuropa
Cineuropa pechou a súa 38ª edición e deu a coñecer este sábado os mellores traballos do certame nunha gala desenvolvida no Teatro Principal. Na cerimonia de clausura do festival fíxose lectura do ditame do Xurado Oficial, que valorou os filmes concorrentes na sección Novas/os Cineastas, e do palmarés do Xurado Novo que avaliou as películas que concorren tanto nesa como nas outras seccións competitivas desta edición: Sección Oficial Europa, Panorama Internacional, Panorama Audiovisual Galego e Docs Cineuropa. O máis votado polo público foi a miniserie 'La ciudad de los Muchachos' de Elías León Siminiani..
Amplía a nova>>
22/11/2024
Estréase en cines 'Prefiro condenarme' de Margarita Ledo
Despois de facerse cunha mención do xurado da sección Las Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla, o filme 'Prefiro Condenarme', de Margarita Ledo Andión, chega ás salas comerciais este venres 22 de novembro, en datas previas ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra da Muller (25N). O filme, que ademais da súa estrea mundial en Sevilla xa tivo outras dúas pre-estreas na Coruña e no marco festival Cineuropa, estrearase en cines cun pase especial onde estará a directora e parte do elenco, que terá lugar nos cines Duplex de Ferrol, localidade escollida xa que a maioría do filme foi rodado na comarca de Ferrolterra. A película poderá verse tamén en salas da Coruña, A Estrada, Barcelona, Bilbao, Caldas de Reis, Lleida, Lugo, Madrid, Pamplona, Sant Feliu, Santiago de Compostela, Tenerife, Valencia, Valladolid e Vigo. Melania Cruz, Iria Piñeiro, Mónica Caamaño e Mónica de Nut encabezan un elenco que reúne os diversos formatos audiovisuais de docu-dramatización, sinal de identidade da directora lucense..
Amplía a nova>>
21/11/2024
O Álbum de Galicia inclúe a Toñito Blanco
O Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de introducir unha nova entrada dedicada ao intérprete, creador cultural, director e produtor Antonio, Toñito Blanco (A Coruña, 1964 - 1994), "un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa", segundo o describe o guionista Nico Campos, autor do texto do álbum ao que titula ' O creador a cabalo entre Lloyd Kaufman e Ana Kiro que encandeou a Rubalcaba'. Toñito Blanco foi actor, produtor, director e creador do carismático filme 'A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos' que formaría parte da súa traxectoria, á que se lle sumarían participacións en series humorísticas como Composteláns, da TVE en Galicia, unha produción dirixida polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, coa participación de Antón Losada e Serafín Cordeiro, na que tres estudantes compartían piso en Santiago de Compostela, ou o programa da TVG sobre cultura alternativa 'A tumba aberta', no que Blanco tiña unha sección dedicada ao mundo do cómic, rechamante polo recurso visual de presentar a obra "mentres ía saltando de viñeta en viñeta". Foi na TVG onde "tamén pasou polo departamento de promocións, onde creou un estilo propio e recoñecible". .
Amplía a nova>>
19/11/2024
As Xociviga reinvéntanse e levan cincuenta curtas ao Carballiño
Co nome
Xociviga. Ano 0 as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia achegarán ao Carballiño cincuenta proxeccións de curtametraxes entre o 20 e 23 de novembro. O histórico encontro do audiovisual galego reinvéntase cando fai catro décadas e reoriéntase cara ao formato breve. .
Amplía a nova>>
18/11/2024
Dezanove proxectos audiovisuais reciben axudas para o desenvolvemento inicial
Ata 19 novos proxectos de cinema e televisión beneficiaranse da convocatoria anual de subvencións da Xunta ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Estas axudas irán destinadas á fase de preprodución dos próximos traballos de 16 produtoras galegas, entre os que se atopan 11 longametraxes de ficción, unha de animación, tres documentais e catro series. Recibirán axuda de entre 30.000 euros as máximas e 4.504 a que menos. A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) ven de facer pública a resolución da convocatoria e do seu proceso de valoración das solicitudes presentadas. Financiadas pola Xunta e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) da administración estatal, estas subvencións ao desenvolvemento de proxectos estrutúranse en diferentes modalidades..
Amplía a nova>>
18/11/2024
A Semana de Cine Submarino regresa a Vigo logo dun ano de pausa
A Universidade de Vigo recupera unha das súas citas culturais máis senlleiras e celebrará, entre o 19 e o 21 de outubro, a XXXII Semana de Cine Submarino. O auditorio Afundación da Cidade Olívica acolle este programa, no que se realizará unha homenaxe ao promotor desta actividade, José Luis González, falecido en 2023 logo de trinta anos á fronte do proxecto..
Amplía a nova>>
15/11/2024
O último afiador volve aos camiños
Como parte dos contidos de celebración do Día internacional do Patrimonio Mundial, o Consello da Cultura Galega publicou, cortesía da produtora Boneca Lareta, o documental
O último afiador. Dirixido e guionizado por Aitor Rei, o documental narra a "vida errante dos afiadores, contada polos seus propios protagonistas". O documental ten unha hora de guionización, e incorpora dramatizacións, declaracións de afiadores e das súas esposas, así como documentación gráfica histórica, na que se describen as vidas e os itinerarios destes comerciantes ambulantes. O documental foi estreado en 2015 e estará dispoñible no web da institución durante todo o mes de novembro.
.
Amplía a nova>>
14/11/2024
Comeza a VIIª edición do Festival Internacional Cinema Miudo de Ames
Dende hoxe a ata o vindeiro domingo, 17 de novembro, o Concello de Ames celebra a sétima edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, Cinema Miudo, un evento propio e diferenciado entre os certames audiovisuais. As Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns transformaranse no epicentro do cinema infantil cunha programación de máis de 70 curtametraxes, talleres, e actividades especiais. Esta edición, baixo o lema 'As orixes do Cinema', convida á cativada a unha viaxe pola historia da sétima arte, desde os clásicos do cinema mudo ata as animacións máis contemporáneas. Nas sesións 'Pioneiros da Animación' e 'Pioneiros da Comedia', novidade deste ano, os espectadores poderán gozar dos gags de Charles Chaplin, Harold Lloyd e Buster Keaton, así como acceder aos históricos da animación e ás producións máis anovadoras. .
Amplía a nova>>
13/11/2024
A estabilidade marcou as cifras o sector cultural galego en 2023
O Consello da Cultura Galega presentaba na mañá deste 13 de novembro a VIII Conxuntura estatística do ámbito cultural, publicación na que repasa os principais indicadores do sector ao longo de 2023. As conclusións do documentos salientan a estabilidade que viviu o noso país neste aspecto en canto ás cifras de emprego e de creación de empresas, e revela que continúa a medrar a produción e o consumo..
Amplía a nova>>
13/11/2024
A Academia do Audiovisual entrega os VIII Premios María Luz Morales
A Academia Galega do Audiovisual anunciou os nomes dos galardoados na oitava edición dos Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica de 1.200 euros cada un. Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi 'Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira' de Breogán Xague. O galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para 'Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal' de Manuel Barreiro Rozados. .
Amplía a nova>>