Novas | 1 a 10 de 3204

Siguiente >>

25/04/2024
O XX aniversario do Play-Doc de Tui será un evento para lembrar

O festival internacional de cinema Play-Doc de Tui xa ten todo preparado para celebrar a súa vixésima edición entre os vindeiros días 1 e 5 de maio. Ao longo de varias semanas o festival foi dando a coñecer algúns avances da súa proposta para este ano. Sete filmes participarán na súa sección oficial internacional, entre os que destaca o traballo póstumo de Jean-Luc Godard, 'Film annonce de film qui n'existera jamais:"Drôles de guerres"' (Francia, 2023). O festival, que se destaca por presentar primeiras retrospectivas dedicadas a aclamados cineastas e directores de culto, anunciou tamén entre outras, unha revisión da pouco coñecida obra documental do recentemente desaparecido William Friedkin (1935-2023), un dos realizadores máis influentes de todos os tempos e autor dalgunhas das películas máis emblemáticas do cinema contemporáneo, cuxos orixes como cineasta estiveron ligados ao cinema documental. A tradicional sección competitiva galega propón a través de trece títulos (entre longametraxes e curtametraxes) un percorrido caracterizado pola diversidade de propostas, tanto no formal como no temático. . Amplía a nova>>

24/04/2024
O cine sen recursos ten un festival de seu

Unha proposta atípica dentro do sector audiovisual comeza hoxe a súa andaina na capital galega, tres cine clubes locais únense para organizar o Festival Cine Barato. O certame, que durará tres días, acolle as creacións audiovisuais realizadas con poucos recursos e de carácter "amador". Cineclube Compostela, Club de cine Facom e CineMazarelos son as asociacións que organizan esta nova cita que presume de contar con "tan poucos recursos como as películas que proxecta". O festival, fiel ao seu nome, tampouco cobra entradas, aínda que propón billeteira inversa, pagando a vontade tras o visionado, para cubrir gastos. Ademais diso tamén ofrece obradoiros sobre as posibilidades da produción alternativa e sen recursos.. Amplía a nova>>

23/04/2024
Novo premio para a curtametraxe 'To bir or not to bird' en Benidorm

Tras do seu triunfal paso polos Premios Goya e os Premios Mestre Mateo, a curtametraxe "To bird or not to bird" ven de acadar un novo recoñecemento na oitava edición do Skyline Benidorm Film Festival. O filme escrito e dirixido polo director coruñés Martín Romero e producido por Chelo Loureiro (Abano Produccións) e Iván Miñambres (Uniko) recolleu o Premio a Mellor Curtametraxe de Animación. A película, que tamén pasou polo festival de Cannes, segue así o seu percorrido polos certames aumentando o seu palmarés, que conta con utros recoñecementos en diversos festivais nacionais, conformando a súa relevancia na produción de animación galega e español este ano. A historia da película ofrece , a través duns personaxes que son paxaros, unha ollada crítica e calidoscópica do mundo actual. . Amplía a nova>>

22/04/2024
Dez festivais audiovisuais reparten as axudas de Agadic deste ano

Dez eventos repartirán os 300.000 euros da recente convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais para este ano. A Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) ven de publicar a resolución da convocatoria para esta liña de axudas. Co incremento orzamentario do 33% que supuxo esta convocatoria son en total dez as citas que serán beneficiadas, dúas delas co máximo previsto de 50.000 euros que son o Play-Doc de Tui e a Mostra de Cinema Periférico da Coruña. En total a metade dos festivais acadan os importes solicitados, mentres que a outra metade ven reducida a contía pedida. Ademais diso, se ben a convocatoria comprende tres modalidades de festivais en función da entidade que os organiza (asociacións culturas. Entidades locais e empresas privadas) a maioría dos concedidos vai para o asociacionismo, sete das dez, unha para unha empresa privada (Matrioska producciones S.L, polo festival Novos Cinemas de Pontevedra) e dúas para entidades locais: Concello de Carballo (polo Carballo Interplay) e Santiago de Compostela a través do Auditorio de Galicia (Curtocircuíto) . Na valoración final de solicitudes admitidas quedaron fóra do reparto catro: 46 Semana do Cine de Lugo; XII Festival de Curtametraxes e diversidade Andaina; VI Mostra mares da Fin do Mundo e Mostra de Curtametraxes Vila de Noia, organizada desde o concello noiés. As catro recibiron baixas valoracións do proxecto presentados así como no apartado de "Calidade da programación, profesionalización e repercusión da convocatoria anterior".. Amplía a nova>>

22/04/2024
AGADIC convoca as axudas á distribución das industrias culturais

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases para a subvención de actividades de dsitribución para industrias culturais. Dase a particularidade de que a convocatoria deste ano fora anulada pola propia administración autonómica o 16 de febreiro, un día despois de ser publicada no DOG. A nova convocatoria preserva o mesmo orzamento, 600.000 euros, orientados á "distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas vinculadas ás artes escénicas e ou musicais e proceder á súa convocatoria para o ano 2024". O prazo de presentación rematará aos cinco meses de publicación no DOG. . Amplía a nova>>

19/04/2024
As axudas á escrita de guións apoian unha trintena de proxectos

A Axencia Galega das Industrias Culturais publicaba no seu web este 19 de abril a resolución da primeira xeira das subvencións para a escrita de guións audiovisuais. Un total de 30 proxectos reparten os 270.000 euros con que conta esta liña de axudas. Nomes coñecidos do audiovisual galego como Hector Carré, Olga Osorio, Xacio Baño, Chelo Loureiro son algúns do beneficiados por esta convocatoria.. Amplía a nova>>

19/04/2024
A ollada de Xabier Pousa entre o pincel e a cámara

O pintor Xabier Pousa (Goián, 1931- Vigo, 2000), foi un dos paisaxistas máis representativos da pintura galega da segunda metade do S. XX, a súa traxectoria artística salientable colocou a súa obra pictórica en coleccións privadas e institucións e formou parte do grupo que Vicente Risco denominou "Os Artistiñas" xurdido nos anos 1960 en Ourense xunto con Xaime Quesada, Acisclo, Xose Luis de Dios, Buciños, Virxilio e Baltar. A súa obra estaba ligada ao seu entorno, físico e humano, ao cotián e á paisaxe así como ás costumes na súa contorna. Ademais de na pintura isto quedou reflectido nas súas numerosas gravacións audiovisuais caseiras, testemuños da súa realidade máis achegada pero tamén da súa época. A través da Fundación que leva o seu nome, os seus herdeiros depositaron estas gravacións no Museo Online de Cine Autobiográfico (MOCA) unha entidade virtual creada pola organización viguesa La Cinematográfica que agora presenta na súa sede web estas arredor de duascentas filmacións restauradas que en total suman dez horas de imaxes rodadas durante dúas décadas desde 1968 a 1988. A presentación do arquivo de Pousa, patrocinada por Cafés Las Candelas, inclúe unha exposición de pintura e a de cine doméstico, dúas disciplinas irmandadas a través do ollo do pintor: "Pousa a 18 pinceladas por segundo" relaciona 16 óleos con 16 escenarios filmados nas súas cintas domésticas, facendo que eses cadros transcendan os seus lenzos.. Amplía a nova>>

18/04/2024
'+ Cuñados' comeza hoxe a súa distribución en cines

'Máis Cuñados' ( + Cuñados), o filme de comedia presentado coma secuela de 'Cuñados' (2021) fai hoxe na Coruña a súa estrea de alfombra vermella e chegará mañá a salas comerciais de todo o Estado. A película dirixida por Luís Avilés Baquero e producido por Portocabo, terá a maior estrea comercial dentro da comunidade autónoma ao chegar simultaneamente a 34 salas, practicamente todas as que hai no territorio galego. Ademais diso poderá verse en varias cidades españolas, movéndose nesta fin de semana un total de 45 copias da longametraxe producida por Portocabo. O filme, rodado en galego, busca repetir o éxito da primeira entrega e para iso contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas do noso panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse nesta segunda entrega, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão ou Nuno Sá. . Amplía a nova>>

18/04/2024
Motel Valkirias obtén un recoñecemento nos New York Festival TV & Film Awards

A serie Motel Valkirias, coproducida entre Galicia e Portugal, conseguía este 17 de abril o galardón Prata na categoría de programa de entretemento / drama dos New York Festivals TV & Film Awards. Estes prestixiosos galardóns recoñecen producións audiovisuais de todo o mundo e están organizados por unha agrupación de festivais de diferentes áreas que se desenvolven na cidade estadounidense.. Amplía a nova>>

17/04/2024
O FIC Bueu consolida o seu programa de Residencias en Ons

O Festival Internacional de Cinema de Bueu vén de anunciar a apertura da convocatoria para a segunda edición da Residencia FICBUEU, o seu programa de desenvolvemento de proxectos de guión de curtametraxe que terá lugar novamente este outono na Illa de Ons. En outubro de 2023 o certame bueuense estreou o seu proxecto de residencias para a promoción do formato curtametraxe, chegando a recibir un total de 122 propostas das que catro foron seleccionadas para ser titorizadas pola profesionais do audiovisual durante unha semana para o estudo e mellora dos seus guións. A II Residencia FICBUEU terá lugar na Illa de Ons do 16 ao 23 de outubro e contará novamente coa titorización por parte de recoñecidas profesionais do cinema cuxos nomes serán anunciados nos vindeiros meses. A metodoloxía do programa contempla diferentes tipos de encontros para o traballo nos guións (titorías individuais e colectivas), así como formacións específicas noutros aspectos a ter en conta á hora de fortalecer os proxectos audiovisuais. Ademais, durante toda a semana serán levadas a cabo varias reunións de produción grazas ás que a organización poderá coñecer o avance e estado das proposta e escoller a premiada desta edición. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. Será o equipo do FICBUEU xunto coa persoa encargada da titorización quen seleccione os catro proxectos finalistas.. Amplía a nova>>

Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org