Novas | 11 a 20 de 3204

<< Anterior Siguiente >>

05/04/2024
Prado Rúa achégase á Galicia medieval coa webserie Conexión co Reino

As redes sociais da produtora Brava acollen os oito capítulos da serie Conexión co Reino. A comunicadora Prado Rúa protagoniza esta produción na que aborda diferentes aspectos do Medievo no noso país. . Amplía a nova>>

01/04/2024
O XI CiP ofrecerá a presentación de ata 20 webseries

Todo está preparado xa na localidade coruñesa de Carballo para dar inicio este xoves á edición XI do Carballo InterPlay, o encontro de contidos dixitais de referencia no país. Durante catro días, ata o domingo 7 de abril o festival acollerá a exhibición de ata 20 webseries galegas, do resto de España e estranxeiras, que compiten en catro categorías da sección oficial ademais das correspondentes á Creación dixital galega. Cabe destacar que na súa xornada inaugural estrearase a web serie "A moza que abortou e o contou", unha produción resultante de ter gañado na edición anterior do CiP o premio a Mellor Proxecto de Serie Web, para apoiar a súa realización. O festival reúne a creadores con diversos tipos de proxectos multimedia pensados para a difusión vía web, multiplataforma ou redes sociais, entre os que ademais de webseries, hai diferentes tipos de podcasts, videoxogos e outros produtos. Obradoiros, encontros con profesionais, espectáculos e outras actividades completan o programa deste XI CiP entre o xoves e o domingo que volverán facer de carballo o centro neurálxico da creación dixital. . Amplía a nova>>

27/03/2024
O proxecto Cinema Náufrago rescata a memoria audiovisual do Parque das Illas Atlánticas

Están xa na rede os primeiros resultados do proxecto Cinema Náufrago, unha iniciativa que quere recuperar as películas domésticas localizadas no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. A iniciativa, que conta co apoio desta entidade, pretende dixitalizar e pór a disposición no público gravacións particulares que se desenvolveron nestes espazos entre os anos 50 e 90 do século XX.. Amplía a nova>>

27/03/2024
Oito vídeos repasan a historia do Betanzos medieval

O Cine Alfonsetti da Cidade dos Cabaleiros acollía este 20 de marzo a presentación do proxecto audiovisual Betanzos Capital. Esta webserie de oito episodios desenvolvida pola cooperativa Marma fai un repaso pola historia medieval da vila dun xeito ameno, a atender a diferentes aspectos concretos deste período.. Amplía a nova>>

25/03/2024
Cemento Musgo debuta cun visuálbum pioneiro

Once cancións acompañadas doutros tantos vídeos compoñen o visuálbum co que se presenta Cemento Musgo. Neste formato pioneiro no noso país combínanse as artes de Sokram, voz de Dios ke te Crew, ilustrador e muralista, do produtor parisino Coio, que corre coa parte musical do proxecto, e mais do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art, que achega o aspecto gráfico. O álbum foi gravado, mesturado e masterizado por Møu, de Dios ke te Crew, en Rapapoulo Estudio.. Amplía a nova>>

25/03/2024
A XIX MICE fecha con premios para Taxibol e Habitar

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acollía este 24 de marzo a entrega dos premios da XIX Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que organiza esta institución. Taxibol, de Tommaso Santambrogio foi a proposta que se fixo co Premio MICE ao Mellor Filme. O xurado destacou desta produción o ser unha "proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción" e que establece unha contraposición "entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e dinámicas de poder".. Amplía a nova>>

25/03/2024
Sete galardóns confirman O Corno como grande gañadora nos Premios Mestre Mateo

A gala dos XXII Premios Mestre Mateo, que se celebrou na Coruña este sábado 23 de marzo, coroou O Corno como a grande triunfadora do cinema galega do último ano. O filme dirixido por Jaione Camborda obtivo sete dos catorce galardóns aos que optaba, a incluír os de mellor filme, dirección e guión. A estes sumáronse os premios á dirección de arte para Melania Freire, maquillaxe e perrucaría (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira), son (Sérgio Silva e David Machado) e vestiario (Uxía Vaello).. Amplía a nova>>

22/03/2024
O documental 'Rapa' chega ás salas de cine

A estrea da longametraxe documental "Rapa", dirixida por Alejandro Enríquez, encheu este xoves a sala dos Cantones Cines da Coruña coa numerosa presenza dun público que aplaudiu con entusiasmo a ópera prima do director. O filme chega ás salas esta semana con pases nas provincias da Coruña e Pontevedra, para logo continuar a súa xira de proxeccións por todo o país. Este documental amosa a situación de perigo de desaparición do cabalo galego de monte, parella á situación de abandono do rural, só unhas poucas bestas resisten acosadas polos cuatreiros, os lobos... e agora tamén polos parques eólicos segundo explica a sinopse. Neste contexto a pequena aldea de Sabucedo preserva algo único: un vínculo ancestral e íntimo cos cabalos salvaxes. Os conflitos dos cabalos son os conflitos da comunidade pero case non quedan veciños para defender o territorio. Unha vez ao ano a aldea celebra a "Rapa das Bestas" e 15.000 persoas acoden a presenciar o atávico, os veciños cortando as crinas dos cabalos nun enfrontamento corpo a corpo. Pero todos marchan e ninguén ve a realidade detrás da Rapa: cada ano hai menos bestas no monte e menos xente na aldea. O filme inicia un percorrido por diferentes salas galegas e nesta fin de semana poderase ver nas loacalidade de Ferrol, Cee, A Estrada, Caldas, Santiago de Compostela e Vigo. Algúns dos pases contarán coa presenza do director e a súa intervención.. Amplía a nova>>

19/03/2024
Falece a actriz e artista Rosalía Dans

O Concello de Curtis foi o encargado de dar comunicación pública ao falecemento onte da artista e actriz Rosalía Dans (a Coruña, 1955), o motivo é o vencello da artista co concello natal da súa nai, a pintora María Antonia Dans. Xustamente fai poucos días inaugurábase alí a Casa-Museo dedicada á nai da actriz, non pudendo ela asistir a dita inauguración onde se deu lectura a unhas verbas a través dunha intima amiga súa. Rosalía Dans . acadou popularidade como actriz grazas ao personaxe de Rosario na serie de Televisión Española 'Los gozos y las sombras', baseada na obra do escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester, o que a converteu nun dos rostros máis populares da pequena pantalla. Durante a década de 1980 mantén a súa presencia en televisión, intervindo en series como 'Anillos de oro' (1983), Goya (1985), 'Las aventuras de Pepe Carvalho' (1986) o 'Lorca, muerte de un poeta' (1987). Tamén recorreu una pequena traxectoria na gran pantalla, en películas como 'Gallego' e destacando a súa participación en 'Amanece, que no es poco' (1989), de José Luis Cuerda. Apartada da interpretación dende principios da década de 1990, dedicouse á pintura e a escritura, remontándose a súa primeira exposición ao ano 1986. O Concello de Curtis lembra a súa memoria agradecendo a súa contribución para levar a bo final a Casa Museo dedicada á súa nai, e sinalan o seu "profundo agradecemento a unha muller que sempre mostrou un constante interese, dedicación e compromiso no benestar do pobo e os curtienses.. Amplía a nova>>

15/03/2024
A serie Así falamos, así sentimos leva a Nabiza Girl á animación

As redes sociais Instagram e TikTok acollerán ao longo do mes de marzo o lanzamento dos seis episodios da serie Así falamos, así sentimos. O proxecto supón a adaptación á animación stop motion de Nabiza Girl, personaxe creado por Isabel Risco, da man da produtora Algarabía Animación e co apoio das axudas a proxectos culturais singulares da Deputación da Coruña.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org