Exposición na Igrexa da Universidade. Fotografía: Xosé Lois Vázquez
Selección de imaxes da exposición Unha gran Burla Negra. Arquivo Vivo
Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Comisariada porDaniel L. Abel e Miguel Anxo Rodríguez. Ata o 16 de marzo.

Desde o inicio das protestas, colectivos e creadores asumiron que o recurso ao humor podía facilitar a difusión das ideas e incitar á mobiliación popular. Membros dos colectivos Chapapote e de Burla Negra elaboraron este cartel, preparado para ser recortado e espallado polas rúas de cidades e vilas, con figuras alusivas ao mar e ao desastre do Prestige. Se a xestión do accidente foi vista como unha broma (de mal gusto), a reacción tiña que pasar por unha resistencia activa e lúdica á vez.
A produción de elementos comercializables ocupou boa parte dos esforzos de artistas e deseñadores. Esta barralla foi producida a partir da incorporación das imaxes dos políticos do PP con responsabilidades na xestión da catástrofe. Ademais de ser comercializada (dentro do 'merchandising' de Burla Negra) tamén tivo unha versión a escala maior que foi levada nas manifestacións.

Nunca máis colaborou con asociacións de veciños e confrarías nodesenvolvemento de concertos e outras actividades culturais, no tempo que durou a crise do Prestige. Neste cartel anúnciase un concerto en Corme, en homenaxe ás voluntarias e voluntarios que se achegaron a limpar a costa, que contou coa participación de grupos musicais e de teatro de Galicia e outras partes do norte peninsular.

"Un importante grupo de debuxantes e humoristas gráficos uníronse no Colectivo Chapapote, desenvolvendo un intenso traballo no eido da banda deseñada e ilustración. Traballaron desde o humor e a ironía, e cunha vontade de apertura ás colaboracións das persoas que se quixesen sumar á causa. Produciron carteis, editaron publicacións e proporcionaron ilustracións para reportaxes e monografías publicadas en relación coa crise do Prestige.


A exposición leva á Igrexa da Universidade, en Compostela, unha ampla selección de materiais producidos no marco das protestas pola xestión da catástrofe do Prestige, desde carteis e camisetas ata audiovisuais e publicacións. Grazas a un convenio asinado entre a Asociación Unha Grande Burla Negra e a Universidade de Santiago de Compostela, estes materiais van quedar depositados, conformando un arquivo que se espera que siga crecend no futuro. A fotografía é de Xosé Lois Vázquez.
Selección de imaxes da exposición Máis Nunca Máis, crónica popular dun pobo en pé
Palexco. A Coruña. Comisariada por Radio Buguina. Ata o 3 de marzo.
Un proxecto de Radio Buguina, promovido pola A.C. Unha Gran Burla Negra, co soporte do Concello da Coruña. A videoinstalación nútrese exclusivamente dos fondos documentais de Difusora das Letras, Artes e Ideas, que comprende máis de 4.000 fotografías das manifestacións, voluntarios e eventos da época. Na mostra, que se pode ver ata o vindeiro 3 de marzo, este material proxéctase por 20 ollos de luz nun maremágnum de imaxes en movemento. Segundo explica Pepe Galán, coordinador do proxecto, "son fotos realizadas por profesionais e xente en xeral, que mostran parte do estoupido creativo xerado polo movemento cultural e social de Burla Negra e Nunca Máis. Foi un tempo de ferida ecolóxica e carraxe, onde a cidadanía soubo manter o timón da dignidade". A Mostra remata coa edición dun libro que recolle manifestos, poemas e textos, algún deles orixinais, escritos para esta ocasión.








