Cando se cumpren vinte anos do afundimento do Prestige, a exposición Sempre Máis repasa o impacto que as mobilizacións sociais contra a catástrofe tiveron na sociedade galega. Desde o pasado mes de xaneiro e ata o vindeiro 21 de maio o Auditorio de Galicia acolle este proxecto que pretende facer reflexionar sobre a vixencia destes xeitos de organización e pór en valor as súas creacións.
Desde o pasado 24 de xaneiro e ata o 21 de maio o Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige. Esta exposición, artelladas pola Asociación Unha Gran Burla Negra, pon sobre a mesa a creatividade que explotou nas mobilizacións contra a catástrofe do Prestige e o xeito no que estas se vencellan coa cultura popular e coa arte contemporánea. Ao tempo, indaga no impacto que este movemento deixou nos máis diversos ámbitos da cultura e da sociedade do país.
Reivindicar a creatividade
"Cando pasaron vinte anos hai que lembrar e preguntarse polo lugar desde o que lembramos aquel período", explica Germán Labrador, director da división de Actividades Públicas do Museo Reina Sofía e comisario do proxecto. "Na asociación levamos máis de cinco anos de actividades, investigación, mostras e encontros, e temos a sensación de que, fóra de excepcións moi notables, como algúns libros ou a obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere, en xeral o recordo que se está a facer neste aniversario presenta o Nunca Máis como algo que sae da nada e volta un pouco á nada despois". Fronte a isto, a exposición "tira polo contrario. Quere pensar a relación do movemento coa cultura galega, co ecoloxismo e cos desafíos ambientais de hoxe. Tamén cos vinte anos transcorridos, nun xeito de ollar o pasado para intervir no presente de cara ao futuro", explica. Deste xeito, o proxecto expositivo esfórzase por "achegar unha visión histórica e contextual do Nunca Máis que foxe da nostalxia ou da celebración fetichista para tentar reactivar as potencias colectivas, creativas, políticas e de sensibilidade que operaban neste contexto". O propio nome da mostra vai nese sentido, asegura, xa que "queremos máis protesta, máis consciencia crítica, máis vivir en común e máis capacidade de articulación a través da creación, un punto que nos parece un dos valores decisivos do movemento".
Do urxente ao máis amplo
A rebater a idea desa emerxencia espontánea das mobilizacións da época, e con consciencia clara da súa singularidade, Labrador sinala dúas claves daquel momento. "No contexto dunha ameaza ecolóxica que puña en risco ecosistemas e formas de vida, cunha xestión catastrófica dos gobernos autonómico e estatal baseada na mentira, a cidadanía tivo a capacidade de se autoorganizar dun xeito impresionante e nun tempo récord". Unha resposta que se deu a diferentes niveis, segundo lembra o comisario. "Propuxo alternativas para solucionar ou paliar os efectos dese desastre, a armar barreiras contra o chapapote ou a facer limpezas de praias, cun exército de voluntariado que veu de todas partes". Alén da loita máis directa contra a marea negra a sociedade "ao tempo, foi quen se de organizar para decidir como querían vivir en común, que tipo de cousas demandar, ou mesmo que era democracia, ecoloxía ou cidadanía". A afondar no contexto no que se desenvolveu aquel movemento, "cómpre lembrar tamén que se deu nun contexto de ameaza ao ecosistema e de guerra imperialista polo control de recursos no Golfo Pérsico, os mesmos combustibles fósiles que se derramaban sobre as praias galegas".
A arte na mobilización
Malia a que o groso das mobilizacións transcorreron nun espazo de poucos meses, non resulta sinxelo achegarse á complexidade das manifestacións creativas e organizativas que se desenvolveron neste tempo. "Naquel momento acontecían cousas con tal densidade que precisamos moito tempo para as comprender desde a perspectiva artística e estética", salienta Labrador. Para el "chama a atención a centralidade das formas de creación naquel movemento, con todo tipo de soportes e de materiais, como fotografías, poesía, instalacións, deseño gráfico, dispositivos de protesta ou documentación". Froito destas iniciativas "xurdiron experiencias que deberían estar nos museos. Por exemplo a mostra de arte postal de Caldas, que expuxo no espazo público case cincocentas pezas de setenta países e que foi coordinada por profesorado e estudantes do instituto local", lembra, a reivindicar o valor artístico de moitas destas accións. "Estas creacións en moitos casos foron mediadas por artistas que participaron nas protestas como unha persoa máis, a facer o que sabían". Neste contexto "fíxose arte cunha expectativa de comunicación e participación moi horizontal e asentada e popular. Penso que esa falta de vontade autorial tamén resultou clave no sentido de que ninguén tentou patrimonializar ese fluxo de creatividade. Aínda que tamén por iso quedou medio esquecido" a posteriori. Alén do ámbito propiamente artístico, arredor do movemento "deuse un desbordamento de potencias que foron claves para a propia organización da xente, mediante un sistema de rede. Naquel momento aparecía a primeira blogosfera en galego, e estaba a se ver o potencial de Internet como un medio polo que a cidadanía podía darse os seus propios medios de comunicación e sortear as mentiras oficiais".
Da cultura popular á arte contemporánea
As características creativas que singularizaron as propostas deste movemento son en grande medida compartidas coa cultura tradicional, unha cuestión na que tamén se incide na exposición. "O que fixo tan singular a arte vencellada ao Prestige é que foi anónima, colectiva e efémera", explica Labrador. Para el esta creación "tivo a consciencia transformadora e irónica do Entroido e das festas populares. Amosou unha cultura que ría cun ollo e choraba co outro, como sinala o dito popular. Nesa especie de forza colectiva, a xente activou dispositivos da tradición popular como máscaras, velorios irónicos, representacións da matanza do porco, santos inocentes, cantares de cego, espantallos e mecos, crebas, reis magos do chapapote e todo tipo de manifestacións". Así, con este proxecto "non quixemos explicar como a arte contemporánea representou o Prestige, senón como o Nunca Máis participa das estratexias estéticas da arte contemporánea". Dese modo, "hai unha conexión moi radical entre cultura popular, a tradición galega e esa arte. Porque estes dispositivos están xa nas culturas populares, sen as chamar land art ou performance encaixan perfectamente neste sentido".
Rir por non chorar
Ese carácter festivo e crítico propio do Entroido deixóuse ver en moitas das mobilizacións da época. "A magnitude da catástrofe era tan grande que resultaba necesario xuntarse ante esa ameaza para as nosas vidas, e o xeito de combater a morte é o riso. Cómpre festexar por estar vivos e querer seguir vivos" salienta Labrador. "Aí entra o humor negro, darlle a volta esa ira coa retranca que caracteriza moito as manifestacións do momento. Houbo todo tipo de chistes, desde o famoso canto 'Manolo hai que ir morrendo', ás cartas da baralla a representar políticos. Tamén o fragasauro, o pimpampún, o pórlle cabezas de porco a diferentes figuras ou os Reis Magos do Chapapote que lle levaron ao presidente do goberno un capacho de piche en 2003 por iniciativa de Greenpeace" enumera o comisario. "Nestas formas de protesta había un espírito lúdico e un humor cru que facía dano e facía rir. Nesa reflexión crítica e ferinte había unha toma de consciencia e un tentar asumir a situación de xeito non violento. Serviu para canalizar a ira dun xeito non directamente violento. O humor tivo esa capacidade cidadá de transformar en reclamacións democráticas o que era unha sensación permanente de esmagamento e humillación".
Creacións, recreacións e repeticións
Nese mesmo sentido, no contexto do movemento "hai unha noción de arte diferente, que está articulada tamén na exposición. Non se basea na exclusividade nin na aura da peza única, senón que estas obras son dispositivos creados na protesta común, e a súa forza vén dese carácter colectivo". Estas características, canda a dificultade de atopar algunhas das obras empregadas orixinalmente nas mobilizacións de hai trinta anos, supuxeron un reto á hora de facer unha exposición a compilar obras deste tipo. Así, desde a organización apostaron por replicar algúns dos elementos orixinais para os expor no Auditorio de Galicia, con plena consciencia do que implica esta recreación. "Do mesmo xeito que a cultura popular se basea en recordar e refacer todo o tempo, estas pezas non se artellaron para durar e ficar nun museo. Realizáronse no curso da acción e desapareceron cando o piche foi desaparecendo das costas. Algunhas consérvanse como crebas dese pasado, outras refixémolas, porque nese mesmo refacer atopamos a continuidade propia das tradicións", explica o comisario. "A exposición activa esa enerxía, e nos casos en que non tiñamos pezas, refixémolas e presentámolas como tales, o que é tamén unha tradición na arte contemporánea. En formas efémeras como os happenings e as performances resulta habitual esa reconstrución de pezas para unha exposición". Como exemplo destas repeticións e recreacións populares, sinala que "temos un cadaleito coa forma do Prestige, feito no Entroido de 2003, a simbolizar o barco como tumba do mar. Na investigación para a mostra atopamos que xa na catástrofe do Casón, en 1988, sacaran un cadaleito-barco-quenlla co mesmo significado. Tamén vimos que nas protestas que se deron nos outros afundimentos de petroleiros os dispositivos eran bastante semellantes".
Pezas
Á hora de seleccionar dúas pezas do proxecto, Germán Labrador destaca, desde unha perspectiva persoal, "unha proposta de Cristina Lucas que traballa no rexistro da arte contemporánea e que fixo especificamente para a exposición. Trátase dunha serie de lenzos traballados con derivados do petróleo que se chama Os nosos antergos. Propón unha continuidade nas materias que nos conforman como seres vivos". Ao estar composto este combustible por restos orgánicos "nos nosos desprazamentos queimamos bosques carboníferos. Neses lenzos vemos o espello do noso pasado e tamén o noso futuro. Se podemos relacionarnos con iso en clave de beleza, podemos ter unha relación menos destrutiva con eles", explica. Fronte a esta creación selecciona tamén "algo ata certo punto oposto é unha peza feita polos escolares dun Instituto de Formación Profesional de Ourense á que chamamos Mar de exvotos. Trátase dunha longa liña que recrea o mar cunha corda da que penden cadeas de sombras recortadas a representar a fauna mariña. Estas figuras negras son como pantasmas deste universo de vítimas invisibles da marea negra. Chocos, centolas ou ameixas que foron sacrificadas no ecocidio e que hoxe están de novo ameazados polo cambio climático".
Un impacto prolongado
Aquela explosión de creatividade deixou un impacto duradeiro nos máis diversos ámbitos da cultura do país, unha cuestión que tamén atende Sempre Máis. "O que amosamos na exposición parte do arquivo daquel momento, pero tamén recollemos traballos que se foron facendo posteriormente a partir da sensibilidade que se deu entón". Segundo lembra Labrador, "moitos grafiteiros galegos tiveron tamén no Nunca Máis a súa escola artística, en contacto co chapapote. A contaminación quedou como un dos eixes da arte urbana galega, tamén a nivel internacional". De xeito similar "tamén o deseño gráfico e o de Internet" viu o influxo desta época. "Toda a eclosión gráfica das novas xeracións a comezos deste século, desde as propostas máis comerciais ás máis políticas, están vencelladas dalgún xeito co Nunca Máis", asegura. Noutros ámbitos, "figuras de importancia da arte contemporánea como Man de Camelle non serían posibles sen a atención que Nunca Máis lle prestou á súa obra. Sen iso tería ficado como un estraño ou un ermitán. Tamén a música ou a literatura viron este impacto", lembra. Noutro campo, "nos medios de comunicación, nese momento deuse nun peche do sistema que deu nun reforzo do control institucional. En paralelo, apareceron unha rede de iniciativas alternativas que aínda hoxe continúan a configurar o sistema mediático galego".
A ensinanza secreta
Á hora de valorar os espazos onde se observa de xeito máis evidente ese impacto, Labrador destaca que "no deseño gráfico galego, na arte urbana e no feminismo detéctase unha pegada radical. A Marcha Mundial das Mulleres que se fixo en 2003 veu impulsada pola toma de consciencia das mobilizacións de Nunca Máis. Falaba do Chapapote Patriarcal, a conectar a violencia ecocida imperialista co sistema de dominación masculina. A propia organización en rede conectaba de novo pasado e presente con xeitos de asociación e consciencia veciñal vencellados coas novas tecnoloxías". Noutro ámbito sinala que "a nivel ecolóxico nos movementos contra a Mina de Touro e de Corcoesto ou contra ENCE vemos a mesma sensibilidade nos modos e nos dispositivos de protesta. Tamén se activou a autoorganización contra a epidemia de incendios, mesmo a recoller o lema 'Lumes Nunca Máis'". Deste xeito, aquel xeito de mobilización "resulta como unha especie de ensinanza secreta que latexa e está aí aínda que non sexa visible. Pero a principal herdanza como revolución cultural está nas propias vidas da xente. Este movemento mudoulle a vida a moitas persoas. Pasou unha xeración e queda moito por facer en canto á transferencia desta memoria, pero para todas as que pasaron por ese momento foi unha escola de vida. Penso que polas urxencias ambientais e climáticas imos ver que esta é unha memoria que resulta necesario activar".
Galería: A creatividade do Prestige en Sempre Máis
Cartaces de sala da exposición Sempre Máis. Fonte: Unha Gran Burla Negra. .Desde o pasado 24 de xaneiro e ata o 21 de maio o Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige. Esta exposición, artelladas pola Asociación Unha Gran Burla Negra, pon sobre a mesa a creatividade que explotou nas mobilizacións contra a catástrofe do Prestige e o xeito no que estas se vencellan coa cultura popular e coa arte contemporánea. Ao tempo, indaga no impacto que este movemento deixou nos máis diversos ámbitos da cultura e da sociedade do país.