25 anos do CGAC (II): Estruturas do contemporáneo

O edificio de Álvaro Siza e mais o equipo profesional marcaron a traxectoria do Centro Galego de Arte Contemporánea

O edificio de Álvaro Siza e mais o equipo profesional marcaron a traxectoria do Centro Galego de Arte Contemporánea
Mesa redonda de directores. Fonte: CGAC
Dentro do debate que mantiveron catro directores do CGAC a pasada semana, houbo tempo para abordar dous dos aspectos que definiron de xeito decisivo o centro. A relación co edificio deseñado por Álvaro Siza, imaxe recoñecible e base material para esta institución, foi un dos eixes do encontro. Canda a este, e de xeito unánime, as cabezas da entidade destacaron o xeito no que o equipo humano, a miúdo insuficiente, marcou a traxectoria desta entidade.

Antón Pulido, Miguel Fernández-Cid, Miguel Von Hafe e Santiago Olmo trataron o pasado 26 de setembro diferentes aspectos da traxectoria e das posibilidades do CGAC desde a súa experiencia como directores deste centro. Na mesa redonda que os reuniu con ocasión do 25 aniversario deste espazo, e na que Manuel Olveira participou a remitir un texto, tratáronse en grande medida dous aspectos que resultaron determinantes para a definición desta entidade. O emblemático edificio de Álvaro Siza que acolle a institución e a súa actividade, canda á complicada constitución e mantemento dun equipo de profesionais apareceron como fundamentos do que hoxe é o centro.

O peso de Siza
A aposta por contar cun edificio dun arquitecto de prestixio, neste caso Álvaro Siza, para albergar o Centro marcou en grande medida o carácter do CGAC e a propia actividade que desenvolveu. Segundo salientou Antón Pulido, primeiro dos directores con que contou a entidade e coordinador da mesma durante a construción, "Álvaro Siza como arquitecto é o mellor que existe hoxe en día. Estivo pendente do mínimo detalle, as cortinas, as varandas, estudiábao todo durante horas". Malia a isto, foi complicado fechar o proxecto en tempo, como ben lembraba ao indicar que "a cinco días da inauguración aínda faltaban as butacas do auditorio". Desde o primeiro momento, no entanto, o contedor revelou un peso importante na configuración da imaxe e no carácter do centro. "Había xente que viña ver o CGAC como arquitectura. Este centro é como unha catedral, canto máis o miras e máis vives nel, máis cousas vas descubrindo. Hai cousas que ao comezo non descobres pero que logo vas vendo. Son espazos cuns encontros formidables" explicaba.

Contedor e contido
A calidade arquitectónica do proxecto foi internacionalmente recoñecida e supuxo mesmo un atractivo para que diferentes artistas aceptasen expor en Galicia. No entanto, organizar exposicións no contedor supuña tamén un desafío. "O escultor Giovanni Anselmo, que falaba da dificultade do edificio, dicía que era o máis difícil que nunca vira para facer unha exposición, e consideraba que era mellor deixar a estrutura e non expor nada. E poida que tivese razón", lembraba Pulido daqueles primeiros tempos de actividade. Fronte a esta opinión, Miguel Von Hafe, director do centro entre 2009 e 2014 apunta que "sabía que ía ser complicado traballar nun edificio de Siza, pero ao contrario dunha opinión que foi vehiculada de xeito continuo, trátase dun edificio moi práctico, moi bo, aínda que con enormes defectos. Supón un reto para os artistas pero é un reto positivo, non crea imposibilidades como outros edificios". E apunta a necesidade de observar outras sedes de museos antes de xulgar esta. "A historia amosa que todas as cousas que se fixeron posteriormente no campo da construción museolóxica case confirman a calidade deste edificio. Os desastres que se construíron nos últimos 25 anos foron tremendos", asegurou. Ademais, segundo el "este edificio é tamén o resultado dunha aprendizaxe de Siza para facer museos. Os erros que hai aquí non se repetiron despois, por exemplo en Serralves". De xeito similar, Santiago Olmo, actual cabeza do centro, coincide en que se trata dun espazo "cunha versatilidade extraordinaria e coa capacidade de acoller as obras que se expoñen. Seguramente mellorou co tempo, e tamén mudou o xeito de o ollar. Fomos construíndo a nosa ollada sobre o edificio a partir doutros espazos deste tipo", aseveraba. Dentro das complexidades do centro, Von Hafe lembraba que no deseño "Siza respondeu a unha encomenda moi pouco específica, non tiña claro se se trataba dun museo de arte moderna ou contemporánea. No seu imaxinario cultural as obras eran cadros de ata dous metros" o que non se corresponde coa realidade da arte contemporánea. Pulido recoñeceu que na encarga "non se lle concretaran condicións, non se trataran cuestións como o ascensor ou o posible tamaño de obras", o cal condicionou o resultado final.

As adaptacións
Malia a coincidir na magnificencia do deseño do arquitecto portugués, os diferentes directores recoñeceron tamén a dificultade de traballar nel e mesmo de negociar con Siza determinados usos. Pulido lembraba como no seu mandato "tivemos o problema de rematar o centro como contedor. O proxecto comezou cunha serie de problemas técnicos co mesmo arquitecto. Non nos deixaba facer a libraría no hall, a cafetería tiña problemas. Houbo unha serie de cuestións que tiñamos que ir negociando con el", recoñece. As negociacións continuarían ata o mandato de Miguel Fernández-Cid, que comezou en 1998 e se prolongou ata 2005. "Para min foi unha das cuestións prioritarias contar coa biblioteca e coa libraría de arte contemporánea e mais coa cafetaría", como un xeito de facer máis acolledor aos usuarios o centro. "Non concibía un museo de arte contemporánea nunha cidade universitaria, que non as tivese. O que quería con iso era animar a que a xente viñese e que a xente de Santiago e de Galicia sentise este espazo como propio".

O museo como urbanismo
A importancia da relación co parque de Bonaval, deseñado por Siza en colaboración con Isabel Aguirre está tamén presente nas celebracións destes 25 anos mediante a intervención artística que Javier Riera realiza neste espazo e que se pode ver ao longo do mes de outubro. Segundo destacou Olmo na presentación do aniversario "a idea de recordar o parque de Bonaval quere tamén lembrar a importancia que tivo o CGAC, para alén de como construción museística. A remodelación do parque, a incluír a antiga horta do convento de San Domingos e o espazo do cemiterio supuxo unha transformación para a cidade de Santiago. Esa vinculación permite comprender a transformación que supuxo o CGAC en termos urbanísticos. O parque é para min un dos máis fascinantes que coñezo, e está tan vinculado ao museo que sería imposible entender este centro sen a importancia do parque". Segundo apuntaba Olveira, no seu texto, a incidir na importancia tanto urbanística como cultural do centro, "o museo permitiu que entrase aire por Bonaval para logo estendelo por todas as partes, por todos nós, un nós no que me recoñecín desde o primeiro momento e co que medrei".

Un equipo fai un centro
Na presentación dos actos de celebración do 25 aniversario do centro, Olmo apuntaba que "a parte máis importante, e tamén a máis consistente e máis delicada dunha institución como esta é o equipo. Está suxeito a moitas situacións de imprevistos como poden ser baixas ou mudanzas, pero a consolidación dun equipo profesional é parte máis importante para un museo. E nos últimos anos foise consolidando un equipo no CGAC aínda que houbo tamén baixas considerables". A incidir na construción colectiva do centro este director defendeu que "este museo é froito dunha sociedade, é a sociedade galega a que propiciou e sostivo o museo. Sen esa sociedade o museo non tería sentido, por iso é tan importante o agradecemento aos públicos, usuarios do museo, lectores das publicacións, visitantes das exposicións e en definitiva que empregan o museo e convérteno no seu fogar, na súa casa e no seu lugar de experiencia".

O equipo como capital
A constitución do equipo de traballo e mais a actividade do CGAC deu pé, para Von Hafe, ao desenvolvemento profesional de moitas persoas en diferentes campos vencellados á arte. "Nos 25 anos do CGAC houbo moita xente que comezou aquí a súa carreira profesional. Iñaki Martínez Antelo", logo director do MARCO de Vigo, "comezou aquí sen saber o que era ser comisario, e como el, houbo xente que aprendeu no CGAC a ser comisarios, a facer catálogos, a montar exposicións", como foi o caso do recoñecido comisario e director do CA2M Manuel Segade. "Agora hai milleiros de cursos, pero por entón había moi poucos profesionais e moi poucos museos. E isto tamén hai que o coidar", explicaba o director. Deste xeito, o centro funcionou tamén como un espazo de formación para o sector da arte contemporánea en Galicia.

A escaseza
A coincidir plenamente na importancia e na calidade das persoas que teñen traballado e traballan no CGAC, os diferentes directores lamentaron tamén a precariedade e as limitacións coas que se atoparon no seu sentido durante os seus mandatos. Von Hafe, que sufriu no seu mandato unha importante redución dos orzamentos para o centro, recoñecía que ao chegar "encontrei un equipo marabilloso, mesmo cando xa moitos dos postos foran sacrificados", e advirte que, para alén desa redución de postos, "esquécese a precarización que hai detrás. Agora ao saír da crise vese como os salarios diminuíron, hai menos dereitos e volver a mellorar as condicións é moi difícil. E con isto todo o sector sufre, non sorprende que en Galicia non haxa galerías", advirte, incidir en como estas contratacións tiveron tamén un peso económico no mantemento de toda unha rede de persoas e negocios vencellados á arte no noso país. A responder ás preguntas do público sobre a cuestión, Olmo puxo o exemplo de que "non existe unha autonomía en termos de comunicación, que depende directamente do gabinete de prensa da Consellaría. Isto fai que a difusión sexa máis complicada". Fronte a esta precariedade, Von Hafe apuntou a importancia do persoal co que contan outros centros. "En Serralves ten case dez persoas só no departamento de marketing, outros dez en prensa e como 20 en pedagoxía. Cando aquí tes un museo que ten dúas ou tres persoas en pedagoxía, e está sen responsable de prensa desde hai máis de dez anos".

O comezo
Antón Pulido lembrou a posta en marcha do primeiro cadro de persoal do centro. "Eu fun nomeado director, e pensei que era mellor nomear outra persoa para se encargar da programación das diversas exposicións e que se dedicase sobre todo a crear un centro en todo o seu conxunto. Iso implica non só as exposicións, senón tamén a relación con diferentes museos, as publicacións, a pedagoxía... un centro como este leva moito traballo. Nomeei a Antón Castro, que non puido aceptar a dirección artística por motivos persoais. E decidinme por ir falar con Gloria Moure en Barcelona e estivemos negociando durante horas, non foi sinxelo. Logo Fraga e Portomeñe aceptaron a proposta e entón ela e Antón Castro foron as persoas máis importantes do meu equipo". Posteriormente fóronse sucedendo as contratacións en ámbitos como pedagoxía, exposicións, publicacións, biblioteca ou persoal técnico que foron completando o persoal que permite que o CGAC manteña a súa actividade.

Na última reportaxe desta serie abordaremos a evolución do centro e a súa relación coa política e coa sociedade do país ao longo deste cuarto de século.
Ligazóns