Feminismo, liberdade de expresión e 'Dhogs'

A opera prima de Andrés Goteira, financiada con micromecenado, arrasa na edición máis feminina dos Premios Mestre Mateo do audiovisual

A opera prima de Andrés Goteira, financiada con micromecenado, arrasa na edición máis feminina dos Premios Mestre Mateo do audiovisual
Posado dos premiados nos XVI Premios Mestre Mateo Foto: S. Montes
Feminismo, liberdade de expresión e Dhogs. Ese podería ser un resumo en tres palabras da XVIª edición dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego celebrada na noite deste pasado sábado no Pazo da Ópera da Coruña. Comezando pola última, a ópera prima de Andrés Goteira motivou trece visitas ao atril de recollida de estatuíllas. O filme producido por Gaitafilmes e PixelFilms converteuse na produción máis premiada da historia destes galardóns con estes 13 premios entre os que están algúns dos máis importantes que pode levar unha película: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión e mellor montaxe. O traballo artístico en Dhogs tamén foi considerado o máis salientable. A Academia Galega do Audiovisual (AGA) premiou a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán “Morris”. Ademais do pleno nas categorías interpretativas, Dhogs gañou tamén os premios á mellor dirección de produción para Suso López, música orixinal para Germán Díaz, dirección de arte para Noelia Vilaboa e son para David Machado e Javier Pato. O traballo levado a cabo na película pola directoria de fotografía, Lucía Catoria Pan, foi tamén premiado, marcando tamén así un fito na historia dos Mestre Mateo ao ser a primeira vez que unha muller levaba este premio nesa categoría, ampliando espazos de recoñecemento para as profesionais.

O evento reuniu a centos de profesionais do cine, da televisión e da cultura en xeral que acudían un ano máis á chamada da Academia Galega do Audiovisual. As mulleres da industria audiovisual foron as condutoras, artistas e presentadoras durante toda a gala, que tamén estaba dirixida por outra muller, a directora e dramaturga Marta Pazos. A man de pAzos era evidente e a montaxe remitía nas formas aos espectáculos que a artista asina para a súa compañía teatral, Voadora. Música electrónicaa cargo de dous picadiscos (que personalizaban en directo cada entrega de premios), colorido e referencias máis dixitais que analóxicas, escenas minimalistas e nada convencionais. A excepción dos premiados, o presidente da Academia, Carlos Ares e os dous picadiscos que puxeron música ao evento, ningún outro home ocupou espazo este ano por parte da organización, amosando nos XVI Mestre Mateo un territorio de reafirmación e visibilización feminina. A gala estivo liderada por mulleres en todos os ámbitos. A actriz e presentadora Iolanda Muíños, estivo acompañada no escenario polas actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias nos números musicais, con temas orixinais para a ocasión. Os premios foron entregados por diversas profesionais das máis diversas facetas do audiovisual galego: Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).

O éxito da aventura Dhogs
Dhogs viu recompensados os tres anos que levou facela e recollía trece dos 17 premios aos que era candidata finalista tras un exitoso paso ao longo de todo o 2017 por varios festivais internacionais revelando ao director debutante, Andrés Goteira, como unha das promesas renovadoras e refrescantes do audiovisual actual. A pesares da cuantiosa colleita de galardóns Mestre Mateo e o recoñecemento de todo o sector, quedou como un triste paradoxo da situación actual o feito de que unhas das produtoras do filme PixelFilms, anunciase recientemente o seu peche. A cinta rodada en galego estrearase en salas no vindeiro mes de maio, mentres os produtores lamentaban as dificultades para conseguir distribución en Galicia, dificultades maiores ás que encontraron no resto do Estado. Dhogs conta unha historia de acontecementos desencadeados inesperadamente nunha espiral de violencia sen sentido aparente, obrigando a unha muller a percorrer unha senda de sufrimento fóra do seu control. A película rodada en Galicia e Almería, foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenazgo e foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. Ademais conta cos patrocinios Galipizza, Cervexa Áncora e o Concello de Meira e coa colaboración dos Concellos de Viveiro, A Coruña, Oleiros e a Deputación de Almería, entre outros.

Polo atril dos premios, entre os doce que non foron para Dhogs, pasaron un ano máís algúns que recuncan. Por cuarta vez os responsable de Serramoura (Voz Audiovisual e CRTVG) recolleron o premio á mellor serie de televisióne o actor e humorista Pedro Brandaríz subiu tamén a recoller o premio A Mellor Serie Web, este anos por Peter Brandon. Unha vida pola comedia(Porco Bravú coa colaboración de Dinamo), ademais de que a súa serie Galician Crime, premiada o pasado ano volvía ser finalista este tamén. O videoclip de Manu Viqueira para a canción Trubled Times do grupo estadounidense Green Day recollía o Mestre Mateo ao mellor videoclip.

Reivindicación nos discursos
Os discursos de presentadoras, premiadas e premiados foron reivindicativos no sentido da igualdade da muller e da defensa da liberdade expresión. A concienciación arredor destas dúas causas era palpable, motivando acendidas e apaixoadas intervencións ao longo de toda a gala que se prolongou durante máis de dúas horas. Houbo mencións así para o actor e dramaturgo Carlos Santiago, autoer e intérprete do pregón-monólogo de Entroido en Compostela e tamén para o secuestro xudicial da obra Fariña, así como contra a persecución das opinións verquidas nas redes. Especialmente recordada será a intervención da actriz María Bouzas, recoñecida co Premio de Honra Fernando Rey pola súa traxectoria. Bouzas, que se reivindicou como "cabareteira" e vestiu cunha chaqueta de Xenerala da Ulla, quixo levar ao escenario varias causas entre elas a da defensa medio ambiental contra o proxecto da Mina de Touro.
O discurso institucional do Presidente da Academia, Carlos Ares, tampouco deixou sen tocar os temas máis importantes do momento: diálogo político, apoio político á cultura, precariedade, igualdade de xéneros e liberdade expresión. O Presidente da AGA fixo un chamamento á boa xestión política recordando a figura do ateniense Pericles, como exemplo dunha actitude de apoio ás artes e a cultura así como ao diálogo cos opositores na política. Ares, que recordou que o sector cultural tamén está a sufrir a precariedade, tivo palabras de recordo para os profesionais que están a sufrila máis duramente : "Unha aperta inmensa e fraternal a todas as compañeiras e compañeiros que nestes momentos buscan traballo. Valedes moito, moita forza", dixo o Presidente. Como era previsto dado o cariz do evento e a importancia no sector cultural este ano de escándalos relacionados co machismo o máximo representante da Acedmia centrou una parte da súa intervención na igualdade. "O mundo coñeceu moitas loitas xustas polas que paga a pena loitar, moitas loitas desiguais. Pero entre todas elas, a igualdade real entre homes e mulleres é unha das loitas máis xustas que a humanidade coñeceu ao longo da Historia", dixo Ares ao tempo que pedía "compromiso firme" neste sentido e acababa o seu discurso asegurando "É hora de que os homes pensemos colectivamente sobre a igualdade, aprendamos, abramos moito os ollos, adaptémonos, sexamos conscientes dos nosos privilexios, saibamos escoitar. E sobre todo, saibamos cando calar", terminou. Os dardos máis certeros e mordaces na críticas quedaron xa da mana da conductora do acto a actriz Iolada Muíños que non tivo trabas á hora de facer mencións directas e explícitas nun ton de humor crítico.

PALMARÉS XVI Premios Mestre Mateo

CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN

MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: Conserveiras do noso (Miss Movies)
MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: The neverending wall (Abano Producións)
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: Matria (Sombriza Films - Álvaro Gago, Alberto Gago e José Gago-)
MELLOR DOCUMENTAL: A batalla descoñecida (Agallas Films)
MELLOR LONGAMETRAXE: Dhogs (Gaitafilmes e Pixel Films)
MELLOR PROGRAMA TV: A Revista Fin de Semana (Tempada 2017) (TVG)
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: Serramoura (Capítulos 62-98) (Voz Audiovisual e CRTVG)
MELLOR SERIE WEB: Peter Brandon. Unha vida pola comedia (Capítulos 1-3) (Porco Bravú coa
colaboración de Dinamo)
MELLOR VIDEOCLIP: Troubled times (Green Day) (Warner Bros Music e Manu Viqueira)

CATEGORÍAS PROFESIONAIS

MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: Nieves Rodríguez (Vaia troula!, Programas 33-148)
MELLOR DIRECCIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: Noelia Vilaboa (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: Lucía Catoira Pan (Dhogs)
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCIÓN: Suso López (Dhogs)
MELLOR GUIÓN: Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: María Costas (Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA PROTAGONISTA: Melania Cruz(Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: Antonio Durán "Morris"(Dhogs)
MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: Iván Marcos (Dhogs)
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: Chicha Blanco, Vicen Betí (Os fillos do sol)
MELLOR MONTAXE: Juan Galiñanes e Andrés Goteira (Dhogs)
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: Germán Díaz (Dhogs)
MELLOR REALIZACIÓN: Dani Viqueira Carballal e Veru Rodríguez Rodríguez (Tesouros no faiado,
Tempada 1)
MELLOR SON: David Machado e Javier Pato (Dhogs)
MELLOR VESTIARIO: Arantxa Domínguez (Juana de Vega, vizcondesa do arado)