Os Mestre Mateo son para o cine

O filme de 'La sombra de la Ley' conquistou 10 galardóns dos 15 aos que optaba nesta edición, seguida de outra longametraxe, 'Trote' que se fixo con 5 deles

O filme de 'La sombra de la Ley' conquistou 10 galardóns dos 15 aos que optaba nesta edición, seguida de outra longametraxe,  'Trote' que se fixo con 5 deles
Premiados na XVII Mestre Mateo Foto: S. Montes
A décima sétima edición da cerimonia de entrega dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual reuniu de novo ao sector no Pazo da Ópera da Coruña. Representantes políticos, do goberno e das institucións, empresarios, artistas e técnicos dábanse cita unha vez máis para celebrar a excelencia conseguida polas producións audiovisuais do país. Foi a noite da gran produción La Sombra de la Ley pero tamén a da modesta ópera prima Trote.

A posta en escena de condución do acto, dirixida por Sonia Méndez, ambientábase supostamente nunha ciencia ficción sobre unha nave que chega desde milenios no futuro ata o acto de entrega dos Premios. Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias se supuña que interpretaban unhas personaxes de tripulación da nave e que asistían á gala desde o mesmo escenario pero ao xeito do resto do público aínda que intervindo en ocasións. A escenografía e o guión previsto non callou moito e a ambientación resultou polo menos non incomodar o desenvolvemento das entregas dos premios que foron cumprindo escaleta e tempos sen maior atranco que a dificultade de abrir algúns dos sobres, como xa ocorreu este ano nos premios Goya. En diferencia cos premios da academia española os Mestre Mateo contemplan maioritariamente produtos televisivos máis que puramente cinematográficos, polo cal a retransmisión da TVG en directo, que non ocorre co resto dos galardóns culturais do país, era obrigada ao ser estes os seus propios premios, coa Academia Galega do Audiovisual por medio. Con todo, os membros da academia amósanse nas votacións perfectamente coñecedores do complicado de producir cinema e valoran sempre cos seus premios a estas producións de alto risco que ademais amosan como ningunhas o talento creativo, artístico e técnico do noso audiovisual. Así 15 dos 25 premios recaeron sobre dúas das tres longametraxes cinematográficas que se presentaban.


A longa sombra da lei
Os dez premios recollidos polo equipo de La sombra de la Ley non fixeron máis que recoñecer o carácter desta longametraxe como gran (e única) superprodución cinematográfica da industria audiovisual galega estreada no 2018. Así o amosan as complicadas categorías premiadas que representan esforzo e talento reunido grazas á produción de Vaca Films e que son case todas as relacionadas coas facetas de dirección, as técnicas que atinxen á creación de todos os aspectos visuais e sonoros, así como de posta en escena do filme ata a creación desa proposta final que recrea dun xeito tan verosímil e atractivo a sociedade barcelonesa dos anos 20. O premio a Luís Tosar, cando hai ocasión e sempre merecido, é xa un clásico nos Mestre Mateo e poucas opcións semella haber para os seus compañeiros finalista de Interpretación Masculina, se el está nas quinielas. O actor non puido asistir a recoller en persoa o seu premio por estar gravando para outra produción en África. Pero si ben era a noite de La sombra de la Ley a festa desta produción viuse cuberta por outra sombra que lles quitaba brillo: a ausencia do tamén premiado director Dani de la Torre por triste motivo. O realizador monfortino non acudiu á gala ao estar moi afectado pola morte da súa naí uns poucos días atrás. Este feito foi recordado con unha lembranza agarimosa ao realizador tanto polos seus compañeiros da película como por outros que subiron ao atril do Pazo da Ópera, como o propio presidente da Academia, Carlos Ares. Jorge Coira, montador da película e tamén premiado por iso, deu lectura a unha mensaxe de De la Torre na que agradecía o premio á mellor dirección e dedicaba o premio á súa nai da que, segundo el dicía "xunto a ela estaba cando vin a miña primeira película e xunto a ela vin a súa última".

Os dez premios recollidos polo equipo de La sombra de la Ley non fixeron máis que recoñecer carácter desta longametraxe como gran (e única) superprodución cinematográfica da industria audiovisual galega estreada no 2018.


Se o músculo da produción de Vaca Films tivo os seus recoñecementos en forma de estatuínas do Mestre Mateo, a segunda opción cinematográfica Trote de Frida Films non se foi de baleiro da gala do audiovisual. A ópera prima de Xacio Baño, empatada en candidaturas coa de Dani de la Torre e xunto con esta e con Memorias de un hombre en pijama as únicas producións pensadas para cines, levou cinco premios da AGA que recoñecen a calidade das interpretacións das súas actrices e actores, a forza dese dramático guión e a acertada mirada fotográfica da cinta. Apuntaba Trote a dar a badalada que na pasada edición dera outra ópera prima, Dhogs, de Andrés Goteira, pero este ano a potencia do produto de Vaca Films. Melania Cruz abriu a noite grazas a Trote ao recoller un dos dous Mestre Mateo aos que que optaba, o de actriz de reparto; a súa compañeira María Vázquez foi quen se levou o de mellor actriz protagonista ao que Cruz tamén optaba pola produción televisiva Contou Rosalía. Federico Pérez foi unha das agradables sorpresas da noite tamén grazas a esta produción de Frida Films. O coñecido cómico gañou o Mestre Mateo á interpretación masculina de reparto grazas ao seu papel dramático nesta dura historia. Como lle ocorrera no seu momento a Alfredo Landa, cando en 1984, gañou o premio en Cannes por Los Santos inocentes cun papel dramático que non era o que habitualmente viña facendo no celuloide. Grazas ao premio a Federico a gala gozou dalgúns dos seus minutos máis divertidos coa súa intervención nada “dramática”, aínda que tivo tempo para reivindicar o futuro do audiovisual galego posto nas mans de vindeiras xeracións exemplificado no Festival Audiovisual Escolar Olloboi e facer algunha chiscadela tamén á campaña #Defendeagalega dos profesionais da CRTVG antes de dedicar o seu premio ao cómicos e pallasos.


Sen eco para reivindicacións
En anos pasados a cerimonia dos Mestre Mateo servira de escenario amplificador de varias mensaxes reivindicativas, este ano non se lembrará moito nese sentido. Escasas foron as mensaxes lanzadas ao ar a ás ondas televisivas. Se o pasado ano atravesaba toda a gala a reivindicación da igualdade feminina, do papel da muller no audiovisual e da súa visibilización, así como todo aquilo que tiña que ver co rexeite do machismo e a violencia de xénero, este ano o tema apenas estivo presente durante as mensaxe de agradecemento de premiados e premiadas e sempre de xeito bastante secundario, agás no caso do discurso do presidente da Academia, Carlos Ares, cunha mensaxe de peche explícita neste sentido por "un mundo mellor" que sería o da igualdade e un apoio claro á vindeira folga e mobilizacións do 8M. Tamén noemocinante discurso da actriz Mela Casal, Premio de Honra Fernando Rey, houbo tempo para lembra que para contar as historias que o audiovisual pretende contar as mulleres resultan tan necesarias como os homes. Poucas máis mencións houbo ao tema nunha ocasión na que si é certo que había mulleres finalistas den practicamente todas as categorías nominativas agás na de Son. A única outra reivindicación que achou apenas un par de chiscadelas ou momentos foi a citada #Defendeagalega, protesta habitualmente vetada nas emisións da CRTVG (non se dá información habitualmente das súas mobilizacións ou mensaxes) e que neste caso foi mencionada por Federico Pérez de pasada e máis expresamente por Manu Viqueira e o equipo gañador do premio ao Mellor Videoclip por Ahora o nunca( La pegatina fet. Macaco).

Talvez a meirande, determinada e emotiva reivindicación chegou grazas a Luís Avilés e outros membros do equipo do documental Idénticas (Amanita Estudio, La Panificadora e Aspoh). Nesta obra premiada como mellor documental Avilés conta a historia de dúas nenas de Lousame afectadas dunha enfermidade que só padecen 62 persoas no mundo e de como transcorren a súa vida así como os seus país, e médicos se enfrontan a un sistema que non atende as necesidades das persoas afectadas de "enfermidades raras". Avilés fixo unha reivindicación do esforzo destes país, das propias nenas e dos traballadores e traballadoras do sistema público de saúde e os seus esforzos contracorrente e sen medios. A nai das cativas protagonistas aproveitou tamén a tribuna para facer un enérxico e moi emocionado chamamento á todos os políticos do país e á súa responsabilidade para o apoio á investigación destas enfermidades pouco habituais. O seu discurso calou fondamente entre o público que respondeu cun forte aplauso. Foi o presentador Rodrigo Vázquez (Ti verás) quen ao recoller o seu Mestre Mateo como mellor comunicador quixo facer mención dunha das características da nosa cultura: o idioma. Foi o único que dirixiu a súa breve intervención sobre o tema. Vázquez dedicou o seu premio aqueles nenos e nenas que usan o galego para facer a súa vida diaria, como el mesmo fai e chamou a facer o necesario para espertar nos cativo o orgullo polo idioma galego.

Cociñados sen Fariña
Non era exactamente unha reivindicación pero case soou como tal a soa mención que fixo a actriz María Vázquez ás súas compañeiras na serie Fariña, de Bambú Producciones. Fariña non chegou en ningún momento a inscribirse para os premios Mestre Mateo deste ano malia ser completamente correcta a súa inclusión por parte da produtora Bambú de ter querido esta. Foi moi sonora a ausencia dunha serie de éxito innegable, filmada en Galicia, con equipos técnicos e artísticos galegos, temática galega e mesmo cunha presenza idiomática digna de mención nun produto pensado para emitirse nunha canle estatal e difundirse a nivel mundial a través da plataforma Netflix. As razóns desta ausencia non se fixeron explícitas en ningún momento anterior, pero compre lembrar declaracións de Ramón Campos, de Bambú, cando hai uns meses denunciaba represalias da canle pública galega contra actores que participaron en Fariña, así como as mensaxes emitidas pola TVG para promocionar outra serie súa sobre narcotráfico usando a frase : "non deixes que os de fóra, te conten a túa historia". Posturas que colocaban a serie de Bambú como allea ao sistema galego e que non foron de agrado para a produtora da premiada e exitosa serie e que servirían para explicar a ausencia voluntaria de Fariña nas moitas categorías destes galardóns nas que sen dúbida tería moitas posibilidades finalistas grazas á súa importante produción así como a todo o talento que conseguiu reunir. Agás as palabras de María Vázquez o nome da serie non volveu aparecer en toda a noite malia estar moi presente para o sector a ausencia desta ficción televisiva, que sería a única en non estar vencellada á TVG.

Fariña non chegou en ningún momento a inscribirse para os premios Mestre Mateo deste ano malia ser completamente correcta a súa inclusión por parte da produtora Bambú de ter querido esta


A identificación dos Mestre Mateo coa TVG non resulta casual se ademais temos en conta que agás as tres longametraxes feitas para salas de cine (La Sombra de la Ley, Trote, memoria de un hombre en pijama) as webseries, algunha das curtametraxes e algún dos documentais, o resto dos produtos son series ou películas feitas de xeito finalista para a televisión pública galega ou que contan coa co-produción desta. A dependencia actual do sector desta única canle televisiva é case absoluta e poucos produtos se fan como Fariña que sendo tan galegos van a unha canle estatal como Antena 3 e posteriormente a NETFLIX. Esta plataforma de cable foi outra das esquecidas nos comentarios así como resto das plataformas semellantes. Tan só o equipo da webserie Dinosaurio, gañadores na categoría de series web, quixeron compartir con todos a súa opinión de que o futuro do audiovisual pasa necesariamente por Internet.

Carlos Ares despídese como presidente
Nunha das frases do seu discurso institucional Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, dicía "Sentímonos orgullosos do audiovisual galego, tanto polos numerosos premios acadados como pola aceptación do público por todo o mundo", unha afirmación que soaba a mensaxe á serie galega de Bambú que a través de Netflix multiplica ao seu alcance global. Co seu discurso Ares quixo incidir tamén na necesidade de lembrar que o audiovisual, non debe ser entendido só como unha industria estratéxica senón tamén como unha parte importante da cultura. "Sen cultura non existen os países e sen audiovisual non hai cultura", dixo Ares ante un público entre os que estaban Román Rodríguez, Conselleiro de Cultura e Turismo e Rosario Álvarez, Presidenta do Consello da Cultura Galega. Ares, que remata o seu mandato este ano e se despide así deste papel institucional con esta XVIIª edición dos Premios Mestre Mateo, fixo un chamamento á unidade dos traballadores dos diferentes ámbito da cultura na defensa desta como un valor fundamental e na consecución de melloras. A súa despedida emocionada remataba co seu desexo xa coñecido de "Vento nas velas" para o audiovisual galego.

Un dos momentos máis emotivos da gala chegou coa entrega do Premio de Honra Fernando Rey a Mela Casal presentado por Xavier Picallo e Gloria Ferreiro. Casla e Ferreiro, compañeiras de plató, escenario e cofundadoras de Pífano teatro fundíronse nunha aperta emocionada mentres o auditorio se puña en pé nunha ovación pechada a Mela Casal. A academia premiou así os seus trinta anos de dedicación ao audiovisual, tanto en cine como televisión, neste último formato formou tamén parte da mencionada Fariña. Un vídeo recordaba moitas das súas interpretacións ao longo deste tempo e, cando rematou, a actriz fixo un emocionante discurso no que deu protagonismo e dedicatoria ao desaparecido Xan Cejudo. Casal chamou ao sector á unión animando a cruzar xuntos "todas as pontes".

A gala de entrega número dezasete dos premios Mestre Mateo pechouse tras dúas horas e media coa entrega do premio á mellor longametraxe a La Sombra de la Ley e posteriormente a fotografía dos premiados desta xeira. Do futuro do audiovisual queda todo por dicir e xa están a prepararse algunhas producións que seguro estarán para o 2020 recollendo galardóns nese escenario.




Palmarés XVII Premios Mestre Mateo
CATEGORÍAS DE PRODUCIÓN


MELLOR ANUNCIO PUBLICITARIO: TI (Juan Galiñanes).
MELLOR CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN: SOY UNA TUMBA (Uniko e Autour de
Minuit).
MELLOR CURTAMETRAXE DE IMAXE REAL: A NENA AZUL (Reira Filmes en produción asociada con Píxel Films
e Comunika)
MELLOR DOCUMENTAL: IDÉNTICAS (Amanita Studio, La Panificadora e Aspoh) MELLOR LONGAMETRAXE: A
SOMBRA DA LEI (Vaca Films Studio, Atresmedia Cine, La Ley del Plomo AIE e Playtime Production
Sarl).
MELLOR PROGRAMA TV: BUSCADORES DE NAUFRAXIOS (CAPÍTULOS 1 AO 15) (Voz
Audiovisual e CRTVG).
MELLOR SERIE DE TELEVISIÓN: O SABOR DAS MARGARIDAS (CAPÍTULOS 1 AO 6)) (TVG, CTV e Comarex de CV).
MELLOR SERIE WEB: DINOSAURIO, A SERIE (CAPÍTULOS 1 AO 3) (Carballo Interplay
Producións).
MELLOR VIDEOCLIP: AHORA O NUNCA (Pegatina feat Macaco) (Warner Music Spain e
Manu Viqueira).



CATEGORÍAS PROFESIONAIS


MELLOR COMUNICADOR/A DE TELEVISIÓN: RODRIGO VÁZQUEZ (TI VERÁS, Programa 364)
MELLOR DIRECCIÓN: DANI DE LA TORRE (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR DIRECCIÓN DE ARTE: JUAN PEDRO DE GASPAR (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR DIRECCIÓN DE FOTOGRAFÍA: LUCÍA C. PAN (TROTE).
MELLOR DIRECCIÓN DE PRODUCCIÓN: MARÍA LIAÑO (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR GUIÓN: XACIO BAÑO e DIEGO AMEIXEIRAS (TROTE).
MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA DE REPARTO: MELANIA CRUZ (TROTE). MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA
PROTAGONISTA: MARÍA VAZQUEZ (TROTE). MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA DE REPARTO: FEDERICO PÉREZ
(TROTE). MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA PROTAGONISTA: LUIS TOSAR (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR MAQUILLAXE E PERRUQUERÍA: RAQUEL FIDALGO e NOÉ MONTES (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR MONTAXE: JORGE COIRA (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR MÚSICA ORIXINAL: MANU RIVEIRO e XAVI FONT (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR REALIZACIÓN: SITO TORRES e MIGUEL GRANERO (ALBUM DE VIAXE, Programas 1ao 9).
MELLOR SON: DAVID MACHADO (La Panificadora), JAMES MUÑOZ e JOSÉ ANTONIO MANOVEL (A SOMBRA DA LEI).
MELLOR VESTIARIO: CLARA BILBAO (A SOMBRA DA LEI).