XV Mestre Mateo: A gran festa do audiovisual repartiu os seus premios

María y los demás e Dalia, a modista acaparan o maior número de galardóns

6/3/2017 | Santiago. S. Montes | Seccións: Audiovisual
40 lecturas | Compartido 0 veces

Premios Mestre Mateo. Foto: Academia Galega do Audiovisual

A gala de entrega da décima quinta edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual encheu o Palexco da Coruña coa representación das xentes do sector no ambiente festivo que correspondía para a ocasión. O evento, conducido pola actriz Iolanda Muíños sobre a temática dos musicais e dirixido polo tamén actor Manolo Cortés, foi retransmitido en directo pola TVG. Os discursos do presidente da Academia, Carlos Ares, e da directora de arte Marta Villar, Premio de Honra "Fernando Rey", puxeron sobre o atril as reivindicacións e do sector e a realidade dos profesionais e do sector. O reparto das estatuíñas foi máis diverso que o anterior ano e ademais das dúas producións que acapararon o maior número de galardóns, a longametraxe María y los demás e a serie Dalia, a modista compre destacar a terceira posición neste palmarés para a o documental Esquece Monelos que acadou tres dos catro galardóns aos que optaba. Oliver Laxe foi recoñecido como Mellor Director pola aclamada Mimosas, que tamén conseguiu o premio á Mellor Dirección de Produción. Luis Tosar, que non puido estar presente, repetiu por segundo ano consecutivo levando o Mestre Mateo a mellor Actor Protagonista por Cien años de perdón. A curtametraxe de animación Decorado, que xa recibiu recentemente o Premio Goya, acadou tamén o galardón nos Mestre Mateo.

A longametraxe María y los Demás (producida por Frida Films, Avalon, , TVG, Movistar Plus e TVE) foi a produción que máis galardóns obtivo (cinco dos trece aos que era candidata) entre eles o premio á mellor longametraxe. A súa protagonista, Bárbara Lennie, obtivo o premio á mellor interpretación feminina. Acadou ademais os premios ao mellor guión, son e música orixinal. A segunda no palmarés foi a serie Dalia, a Modista, que obtivo catro premios dos doce no que era finalista: interpretación feminina de reparto (Covadonga Berdiñas), dirección de arte, vestiario e maquillaxe e perruquería. Os premios que obtivo o documental Esquece Monelos foron os de mellor documental, dirección de fotografía e montaxe. O premio ao mellor programa de televisión foi para Land Rober Tunai Show. O seu condutor e alma mater, Roberto Vilar, levou tamén o Mestre Mateo ao mellor comunicador de TV. No apartado de traballos actorais, ademáis do galardón para Luis Tosar, Bárbara Lennie, levou o premio por María y los demás. O Mestre Mateo para a mellor interpretación masculina de reparto foi para Monti Castiñeiras polo seu trabalo en Serramoura, produción que tamén acadou o galardón na categoría de Mellor Serie e a Mellor Interpretación feminina de reparto foi para Covadonga Berdiñas por Dalia, a Modista. A reivindicación de máis e mellores papeis femininos estivo presente nos discursos das artistas premiadas así como das que presentaban as resolucións dos premios. O chamamento á igualdade en todas as facetas profesionais do sector estivo moi presente no discurso de Marta Villa, directora de arte premiada co galardón de Honra "Fernando Rey". Tamén o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, se ocupou do asunto no seu discurso facendo especial mención á situación de discriminación das mulleres no sector audiovisual. «Queremos non ter que celebrar que haxa o mesmo número de mulleres directoras que homes. Queremos que non sexa algo excepcional ter historias con mulleres protagonistas, que non sexa algo que resaltar. Esta Academia ten un firme compromiso coa igualdade, como non pode ser doutro xeito. Porque é de xustiza». Na súa intervención Carlos Ares, fixo un chamamento de atención respecto á situación pola que están pasando cerca do 60% dos actores e actrices galegos, que non poden vivir da súa profesión. «Cómpre tentar mellorar esta situación, cómpre traballar para evitar a precariedade. E isto non é algo que debamos descargar só nas Administracións. É unha situación que debemos tentar reverter entre todos e todas: Administración, profesionais e empresas. Esta Academia quere ser un interlocutor para ese diálogo˝, sinalou. Ares reclamou « que se desenvolva o Estatuto do Traballador e traballadora da Arte e da Cultura. Un estatuto que poría a profesionais de todos os eidos da Cultura á altura de países da contorna». «Non pedimos privilexios, nin moito menos» dixo para rematar Carlos Ares. «Só pedimos ter dereito ás mesmas prestacións por baixa laboral, enfermidade, maternidade, paternidade, desemprego ou xubilación que o resto de traballadoras e traballadores do país». Algunhas das intervencións máis memorables da gala viñeron polo lado da familia formada pola realizadora Olga Osorio e Juan Galiñanes máis os seus fillos pequenos, protagonistas da curtametraxe Einstein-Rosen (Miss Movies) que acudiron a recoller o galardón a á Mellor Curtametraxe de Imaxe Real todos xuntos; a sentida e exhaustiva lista de agradecementos do actor Monti Castiñeiras; a espontaneidade de Maruxa, protagonista do anuncio publicitario Cando chega o inverno, realizado por Javier Fesser e gañador da súa categoría e tamén o vídeo de agradecemento realizado desde México por Óliver Laxe co seu propio teléfono móbil. As dúas intervencións do comunicador Roberto Vilar tamén foron moi celebradas. O público lembrou cunha ovación pechada as persoas vencelledas ao audiovisual que desapareceron este ano, cunha mención especial ao músico Fran Pérez, Narf, do que se usou unha peza musical nunca estreada durante a gala. PREMIADOS POR CATEGORÍAS Longametraxe María y los Demás (Frida Films, Avalon, TVG, Movistar Plus, TVE) Documental Esquece Monelos (Danga Danga Audiovisuais) Serie de Televisión Serramoura (Voz Audiovisual e TVG) Serie Web Galicia Crime (Cousas Veredes) Programa de Televisión Land Rober Tunai Show (TVG e CTV en colaboración con Destino Bergen) Curtametraxe de Imaxe Real Einstein-Rosen (Miss Movies) Curtametraxe de Animación Decorado (Abano Producións, Uniko Estudio Creativo e Autor de Minuit) Anuncio Publicitario Cando Chega o Inverno (300 Kilos) Vídeoclip Restos de un Naufragio (Igloo)

IGLOO | Restos de un naufragio from Fran X. Rodríguez on Vimeo.

Interpretación Masculina Protagonista Luis Tosar (Cen Anos de Perdón) Interpretación Feminina Protagonista Barbara Lennie (María y Los Demás) Interpretación Masculina de Reparto Monti Castiñeiras (Serramoura) Interpretación Feminina de Reparto Covadonga Berdiñas (Dalia, a Modista) Comunicador/a de Televisión Roberto Vilar (Land Rober Tunai Show) Dirección Oliver Laxe (Mimosas) Guión: Nely Reguera, Diego Ameixeiras, Eduard Sola, Valentina Viso e Roger Sogues (María y los Demás) Dirección de Fotografía Jaime Pérez (Esquece Monelos) Dirección de Arte Suso Montero (Dalia, a Modista) Montaxe Sandra Sánchez (Esquece Monelos) Realización Gaspar Broullón Pastoriza (Deportes Imposibles) Música Orixinal Nico Casal (María y los Demás) Son Juan Gay, Diego Staub e Miguel Barbosa (María y los Demás) Vestiario Ana López (Dalia, a Modista) Maquillaxe e Perruquería María Illobre (Dalia, a Modista) Dirección de Produción Felipe Lage, Rafael Álvarez (Mimosas)
Ligazóns externas

Premios Mestre Mateo

Ver serie completa
09/03/2020

A Academia recoñece o éxito de 'O que arde' e 'Hierro'

Os XVIII Premios Mestre Mateo reivindican a proxección sen fronteiras do talento audiovisual galego

04/03/2019

Os Mestre Mateo son para o cine

O filme de 'La sombra de la Ley' conquistou 10 galardóns dos 15 aos que optaba nesta edición, seguida de outra longametraxe, 'Trote' que se fixo con 5 deles

05/03/2018

Feminismo, liberdade de expresión e 'Dhogs'

A opera prima de Andrés Goteira, financiada con micromecenado, arrasa na edición máis feminina dos Premios Mestre Mateo do audiovisual

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Carlos Ares, TVG, Documental, Ares...